Pois ben, unha desas mulleres que quero destacar aquí é Agapita Serrano Pérez que veu destinada ao Instituto de Ourense en 1960 como catedrática de Latín e converteuse nunha muller recoñecida na cidade pola súa erudición e intelecto.
Naceu en La Fregeneda, Salamanca, o 20 de agosto de 1928. Licenciouse en 1950 en Filosofía e Letras na especialidade de Clásicas. Tamén se titulou en Maxisterio de ensinanza secundaria. En 1954 completou os seus estudos en Italia por medio dunha beca.
Comezou traballando no ámbito da arqueoloxía e formou parte do Seminario de Arqueoloxía da Universidade de Salamanca. Mentres tanto comeza a súa tese de doutoramento e comeza a publicar artigos e libros en diferentes revistas especializadas en arqueoloxía.
En 1958 oposita para dedicarse á ensinanza e, tras aprobar, deixa a actividade arqueolóxica para emprender a función docente.
Concedéronlle a praza no Instituto Provincial de Ourense en 1960 e en moitas ocasións era ela a que daba os discursos inaugurais de curso pronunciando conferencias de grande calado intelectual e temas variados sobre ensinanza, o latín, a cultura clásica. Unha destas disertacións levaba o título "El valor educativo del latín según las nuevas tendencias" na que defendeu o valor das linguas clásicas contra a opinión de que son linguas mortas pois elas eran a base dos idiomas actuais. Noutra ocasión disertou sobre "El drama íntimo de Séneca".
Vid: Sánchez Polo, Alejandra 2022. En Proyecto Arqueólogas. Pioneras. URL: https://arqueologas.es/serrano-perez-agapita (url consultada 8 de xaneiro de 2025); A 7326 alumnos asecendió la matrícula de enseñanza media. (1960, 11 de outubro). la Región, p. 3.