Etiquetas

31 mayo 2026

A MULLER E O SERVIZO SOCIAL. UNHA MEDIDA DE CONTROL SOBRE AS MULLERES PARA GARANTIR O SOSTÉN DO RÉXIME

Dende logo, as mulleres ao longo da historia sempre foron obxecto de limitacións, controis e aleccionamentos. Foron o foco de atención por parte da xerarquía eclesiástica e de sistemas políticos opresores pois ben sabían do protagonismo que tiñan na conformación familiar. O franquismo, réxime dun autoritarismo férreo, volveu centrar a súa vista no novo modelo de muller que comeza a reclamar. Despois de ter pasado pola República durante a cal as mulleres gozaron dun estatus inédito de liberdade, emancipación e dereitos, o Franquismo volveu atalas insistindo na súa reeducación. 

O Servizo Social creado por Decreto o 7 de marzo de 1937 serviría para "adestrar" ás mozas de 17 a 35 anos, solteiras. Obrigóuselles a realizar durante seis meses unha serie de servizos públicos de balde agochando, en realidade, a finalidade de formalas nos aspectos nacional-sindicalista do réxime, nos aspectos relixiosos e domésticos. Para as estudantes, o Servizo Social constaba dun período de formación teórica (doutrina falanxista e relixión) e un período de prácticas (en hospitais, comedores sociais ou bibliotecas). 

(Fonte: La Región, 9 de xaneiro de 1938, p. 2.)

(Fonte: «Acción Social», La Región, 5 de xaneiro de 1938, p. 2)

Que acontecía se a muller quería realizar estudos de bacharelato e universitarios e despois traballar? pois polo Decreto do 28 de novembro de 1940 consolídase a obrigatoriedade de presentar o certificado para o exercicio de funcións públicas e obtención de títulos. 

Vexamos como era a normativa para cada caso:

Ámbito de estudos

Normativa específica

Requisito principal

Bacharelato e Títulos Medios

Orde do 21 de marzo de 1940

Esixía o certificado do Servizo Social para a expedición de títulos de Bacharel, así como para calquera grao de formación técnica media.

Universidade e Escolas Superiores

Orde do 3 de xuño de 1940

Establecía que ningunha muller podía recibir o título oficial de licenciada ou doutora sen acreditar o cumprimento do Servizo Social.

Maxisterio (Escolas de Maxisterio)

Orde do 14 de maio de 1941

Especificaba a obrigatoriedade para as alumnas que remataban os estudos de Maxisterio. Sen o carné do Servizo Social, non podías presentarte a oposicións nin exercer.

Enfermaría, Matronas e Practicantes

Orde do 27 de xaneiro de 1945

Prohibía a expedición do título e o ingreso nos colexios profesionais de Auxiliares Sanitarios (onde se incluían as matronas e enfermeiras) sen o certificado.

Estudos de Comercio e Secretariado

Decreto do 25 de xaneiro de 1941

Obrigatorio para obter o título de perito ou profesor mercantil, fundamentais para o acceso ao mundo laboral administrativo.

Temos que imaxinar os atrancos que isto supuña para as mulleres, en especial aquelas que querían sacar adiante os seus estudos e as súas carreiras universitarias. Algunhas ata viñan desprazadas dende outras provincias para realizar o Servizo nun lugar concreto, como se recolle na seguinte noticia:

(Fonte: El Correo Gallego, 7 de xullo de 1962, p. 5.)

Practicamente todas as mulleres veranse forzosamente a realizalos pero tamén podemos pensar que moitas quixeran evitalos. Había a posibilidade de quedar exenta de face o Servizo Social? Pois di, as mozas podían librarse se alegaban, algún defecto físico, ser filla de caído na guerra ou de mutilados, ou haber participado activamente coa Falanxe, ou que desempeñaran antes algún traballo remunerado....Algunhas tamén buscaban medios menos "oficiosos" e presentaban papeis, digamos que falsos, para evitar o trámite. Non obstante, non era fácil librarse de facelos. 

Por último, a persistencia deste Servizo acadou ata 1975.

(Fonte: «Justificación del Servicio Social», La Región, 8 de febreiro de 1938, p. 3.)
O Servizo Social estaba dirixido pola Sección Feminina e hai que entendelo como un verdadeiro control social sobre as mulleres pois o réxime fixo delas as depositarias dos principios do franquismo.
Onde realizaban a ourensás o Servizo Social? pois principalmente no Hospital central, ou comedores sociais como o da Barrera, ou na Cruz Vermella...

Vid entre outros: Roda Alcantud, Cristina. “Las mujeres en la universidad durante el franquismo: el Servicio Social obligatorio como forma de discriminación”. En Las mujeres en la universidad durante el franquismo, coordinado por Yolanda Romano Martín, Sara Velázquez García y Mattia Bianchi, 61–73. Salamanca: Ediciones Universidad de Salamanca / Universidad de Salamanca, 2018. Fotografía da entrada é unha recreación realizada con IA.