Entre os irmáns estaban: Sira, que tamén era mestra; Ramón, que abriu en Vigo a "Academia Villot"; Manuel Luís, tamén mestre; Julio, reloxeiro que emigrou á Arxentina; e Eduardo, mestre comunista republicano e membro da A.T.E.O. Eduardo foi unha das vítimas da represión franquista tras o golpe militar de 1936: foi detido e asasinado o 18 de agosto dese ano no Alto do Forriolo (A Bola, Ourense) cando tiña apenas vinte e oito anos.
Herminia, tras realizar os estudos de primaria, preparouse no Colexio Balmes, dirixido por Gelasio Pérez Álvarez, para examinarse por libre de varias materias nos cursos 1912-13 e 1913-14 no Instituto Provincial. Segundo o seu expediente, interrompeu os estudos para retomalos no curso 1924-25 e rematalos en 1928. Obtivo cualificacións notables, con varios sobresalientes en materias como Historia da Pedagoxía, Química, Historia da Idade Contemporánea, Física e Historia Moderna.
Realizou o primeiro curso de prácticas escolares na escola de nenas de Pilar Merino e o segundo na de Antonia Quintela. Na súa memoria de prácticas, explicou que unha das súas inquietudes era experimentar coa didáctica e analizar os procesos de aprendizaxe. Para investigalo, organizou un experimento con dous grupos de nenas sobre a xeografía da provincia de Ourense. Para un grupo seguiu un método dedutivo (do xeral ao particular), partindo da provincia ata chegar ao lugar da escola. No outro grupo seguiu un método indutivo (do próximo ao afastado), partindo da escola para ir ampliando o coñecemento ata abranguer a provincia.
A conclusión á que chegou foi que o segundo grupo adquiriu unha maior capacidade de reflexión, mentres que o primeiro respondía de xeito mecánico e memorístico. Concluíu a memoria indicando a súa intención de repetir esta práctica no futuro para corroborar os resultados.
Na reválida final, proba global que acreditaba a capacidade profesional para o ensino, obtivo a cualificación de sobresaliente. Preparouse na Academia Xesta, dirixida por Juan Fernández Pérez.
No exercicio de Historia, desenvolveu o tema «Carácter de las civilizaciones contemporáneas», onde expuxo que a Revolución Francesa e a Revolución Industrial supuxeron o nacemento dunha sociedade máis activa, diferente á da Idade Media, e o fin da monarquía absoluta. Na súa exposición aludía á mobilización do proletariado e destacou as conquistas sociais acadadas:« Sin embargo han sido muchas las ventajas obtenidas...hoy tienen para sus hijos los obreros escuela pública, cantinas escolares, roperos etc y beneficiándolos a ellos se está haciendo hoy que tenga retiro y pocas horas de trabajo» Tamén desenvolveu o tema da educación da muller, sobre o cal merece a pena transcribir literalmente as súas palabras:
Hoy el estado de la mujer es ventajosísimo en todos sus aspectos no solamente porque tenga igualatorios derechos que el hombre sino por reconocerle hoy más que nunca el que ella es el alma de la sociedad.
Después de rotas las barreras para que Universidades y demás centros fueran abiertos para ella más tarde cuando la Guerra Europea y por falta de hombres en los hogares...infinidad de ellas por necesidad, ocupan escritorios de casas bancarias comercios etc. y mas recientemente destinos que hasta hace muy poco creían solo exclusivos del hombre...estos protestan quizá algo cuando no recapacita las ventajas que este cambio introdujo en sus hogares. Pondré aquí el nombre de Martínez Sierra agradecida porque sus escritos ante el problema feminista tanto nos ha realizado».
É notorio que Herminia transmite uns principios de equidade social e de xénero, mostrándose como unha muller de ideas avanzadas para a súa época. No desenvolvemento do seu exame de Historia da Pedagoxía, fixo alusión a Pestalozzi e Herbart. Sobre o primeiro, arrinca dicindo:
La Pedagogía en el siglo XIX se caracteriza por accion, es decir, los grandes pedagogos como Pestalozzi hacen que la escuela no sea para el niño un sitio de tortura en que sujetos a un método mecánico y sin libertad alguna crea el niño un ser pasivo, él preconiza una enseñanza en la que el niño pueda desenvolverse ampliamente y esté siempre en actividad...
A continuación, mencionou a Herbart, quen sostiña que a aprendizaxe se producía "de fóra cara a dentro", incidindo na relación entre a instrución e a educación.
Tras finalizar os estudos, solicitou formalmente a expedición do título de mestra de primeira ensinanza en abril de 1929, aos 28 anos. En setembro dese mesmo ano, trasladouse a Vigo para incorporarse á academia do seu irmán Ramón.
Pouco despois, en xullo de 1929, presentouse ás oposicións e superou os tres exercicios. A súa andaina profesional levouna por distintos destinos: Zarracós (A Merca): Onde comezou exercendo nunha pequena escola de nenas; La Cuesta-Barlovento (Canarias): Destinada en 1933 e, tras un período de excedencia, en 1934 aduxicárolle a praza de Coiras (Piñor de Cea).
Coa chegada da ditadura, Herminia sufriu o proceso de depuración. O seu perfil resultaba sospeitoso para as novas autoridades por ser irmá de Eduardo Villot, mestre republicano e membro da A.T.E.O. asasinado polos sublevados.
Malia o clima de represión, tras estudar os seus informes, a Comisión determinou a confirmación na súa praza. Anos máis tarde, en 1947, solicitou a praza de párvulos de Rábade (Lugo).
"De sociedad", La Región, 13 de xuño de 1913; "De Exámenes", La Región, 2 de outubro 1928, p. 1;"De sociedad", El pueblo gallego, 29 de setembro de 1929, p. 16; Revista General de la Enseñanza, Número 8373, 9 de agosto de 1929, p. 460; El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, Número 8906, 12 de novembro de 1931, p. 298; "Del Ministerio", El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, Número 9230, 19 de decembro de 1933, p. 514; El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, Número 934, 11 de setembro de 1934, p. 596; "Relación de maestros y maestras que han sido confirmados en sus escuelas", La Región, 10 de maio de 1940, p. 3;"Nombramiento de maestros por el turno voluntario", El correo gallego, 18 de xullo de 1947, p. 6.