O 31 de decembro de 1949, Helena , que tiña 40 anos, foi detida e posta a disposición do Xuíz Militar. Sobre ela pesaban acusacións graves para a época: agresión á forza armada e auxilio aos "bandoleiros" (termo empregado polo réxime para criminalizar á guerrilla antifranquista).
Como consecuencia, ingresou na prisión de Ourense, onde permaneceu ata o 29 de maio de 1950. Ao saír, a liberdade foi só parcial: tivo que asinar unha declaración fixando a súa residencia de novo en Vila, pero cargando co estigma da sospeita. Helena, coma tantas outras, pasou a ser unha muller vixiada e controlada por un sistema que nunca borraba a súa marca.
Estas mulleres, na súa maioría de orixe humilde, foron quen de arriscar a súa vida e liberdade fronte a un réxime implacable. Xa fose por vínculos afectivos, amizade ou necesidade económica, o seu compromiso desmontou o mito do "sexo débil", pois demostraron coraxe xa que se enfrontaron ao medo e ao cárcere nun contexto de extrema violencia; resistencia silenciosa pois foron pezas clave na loxística e apoio á guerrilla nas montañas galegas e dignidade, pois, malia a vixilancia posterior, mantiveron o seu lugar no mundo fronte á opresión.
A historia de Helena é o testemuño de que a resistencia non sempre se escribiu con armas, senón tamén con silencios, coidados e a valentía de quen non tiña nada, pero o expuxo todo.
