Etiquetas

26 abril 2026

OLIVIA PÉREZ MELÓN

Olivia Pérez Melón volve ser un exemplo do esforzo da muller que aspira a unha formación superior que a capacite para o desempeño dunha profesión. Naceu en Esgos o 24 de xuño de 1915. Era filla de José Pérez Rodrígue, era natural de Pereiro de Aguiar e propietario do Hotel Pilarica en León, falecido en en León o 6 de outubro de 1941, e Salesa Melón Parada natural de Esgos[1]. O matrimonio tiña tres fillas, Eloisa, Alicia e Olivia. 

Olivia última iniciou o seu camiño estudantil na cidade ourensá, onde completou os estudos de bacharelato no ano 1930. En agosto dese ano expediu o título de bacharel e solicitou o certificado para trasladarse á Universidade de Santiago[2] 

Impulsada pola súa vocación, Olivia trasladouse a Santiago e alí cursou a licenciatura en Farmacia, unha facultade que nese período comezaba a experimentar un incremento paulatino da presenza feminina. Así mesmo, a República, non só  incentivou mediante leis a educación das mulleres, senón que creou un clima onde ser muller universitaria xa non se vía como unha excentricidade, senón como un compromiso para a modernización do país. Os datos indica que se pasou dunhas 2000 alumnas universitarias ao comezo da década a case 9000 en 1935.

Olivia formaría parte deste elenco de pioneiras e, tras unha etapa académica marcada por un bo expediente, obtivo o seu grao oficial anos posteriores a como debería ser e, debido á contenda bélica, non obtería o grao ata 1940 .[3]

No ámbito profesional, despois de colexiarse co número 58 e obter as autorizacións administrativas necesarias para o acondicionamento dun local, inaugurou, en 1955, a súa propia farmacia na rúa Curros Enríquez, número 16.

A vida de Olivia Pérez rematou de forma prematura na cidade de Madrid o 23 de abril de 1957. A xestión da súa farmacia continuou a cargo dos seus sucesores, mantendo así o seu legado profesional.[4]

[1] «Notas», Proa: diario de la Falange Española, 7 de outubro de 1941, p. 2.
[2] A.I.O.P., Expedientes persoais de alumnos iniciados en 1925. (969/1.9).
[3] A.H.U.S.,Expediente persoal de Pérez Melón, Olivia. Cartapacio 1068. Exp. 22.
[4] «Instrucción Pública», El Eco de Santiago, 5 de novembro de 1931, p.3; «Noticiario Universitario», El Pueblo gallego, 10 de novembro de 1942, p. 7;«Sesión del Ayuntamiento», El Pueblo gallego, 3 de xullo de 1955, p. 15; La Región, 14 de xullo de 1957, p. 2; « Nota de prensa», La Región, 24 de abril de 1957, p. 1.