Luísa destacou axiña polas súas capacidades intelectuais, converténdose en alumna da Escola Superior de Maxisterio de Madrid, onde rematou os seus estudos en 1927 cun expediente académico excepcional.
En 1931, a Dirección Xeral de Primeira Ensinanza nomeouna Auxiliar da Escola Normal de Santiago. Durante esta etapa, Luísa non só se centrou na docencia, senón que impulsou iniciativas sociais e pedagóxicas de gran calado social. Unha delas foi a organización dun servizo de almorzo diario ás nove da mañá para nenos desamparados nas Escolas Graduadas. Para isto, acondicionouse o baixo do edificio con mobiliario e louza específica e cuxos manteis eran confeccionados polas propias alumnas nas clases de labores, e os gastos financiábanse mediante donativos voluntarios do alumnado da Normal.
Outra das novidades foi o proxecto da Cantina Escolar. Este proxecto evolucionou ata converterse nunha cantina que ofrecía xantares aos nenos máis vulnerables, garantindo así unha asistencia integral á infancia.
Luísa defendía unha ensinanza integral que ía máis alá da aula. Participaba activamente nos cursos de perfeccionamento para mestres, onde destacaba o seu papel como guía cultural, levando ao alumnado ao Pórtico da Gloria para ofrecerlles explicacións artísticas e históricas in situ.
A súa progresión profesional foi constante e brillante: En 1934, ocupou a vacante da cátedra de Historia na Normal de Santiago. En 1935, foi nomeada profesora numeraria de Metodoloxía da Xeografía na Normal de Ourense. Cara a 1939, chegou a ocupar o cargo de directora accidental do centro ourensán. Cargo que ostentaría en anos posteriores, chegando a ser a directora durante algún tempo da Escola Normal masculina, «Padre Feijóo».
No ámbito persoal, contraeu matrimonio o 19 de xaneiro de 1935 en Madrid co recoñecido médico ourensán Juan J. Borrajo.
Un aspecto salientable da súa biografía é que, nunha época na que moitas mulleres abandonaban a esfera pública tras casar, Luísa mantivo a súa independencia profesional, continuando co seu labor docente e participando con asiduidade en tribunais de oposicións de maxisterio.
O seu labor reflicte o espírito de renovación pedagóxica da Segunda República, que buscaba dignificar a figura do mestre solucionar as carencias sociais a través da escola.
Vid: « Santiago», El Eco de Santiago, 28 de xullo de 1931, p. 2; «Universidad de Santiago», El Eco de Santiago, 13 de maio de 1933, p. 2; «Desayuno Escolar», El Eco de Santiago, 14 de marzo de 1933, p. 1; Boletín oficial del Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes, nº 68 , agosto 1931, p. 166; Boletín oficial del Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes, «Dirección General de Primera Enseñanza», nº 32, marzo 1935, p. 619-620.

