Etiquetas

14 abril 2024

MULLERES ENCUBRIDORAS, RESISTENTES E REPRESALIADAS.

(Ilustración de Castelao.)

Un día como hoxe, día da República, ben merece esta entrada.

A penosa e dolorosa guerra civil supuxo unha loita fratricida e cruenta. Nada hai peor que oenfrontamento entre sangues do mesmo sangue. Causan feridas que nunca acaban de cicatrizar por volverse o odio e o rancor sentimentos mestos. As guerras non conducen a nada e nada demostran nin a vencedores por vencer nin a vencidos por perder, pois queda a nada, a destrución.

Nas guerras padecen todos e maiormente as mulleres pois morren en cada momento polos seus. A tristura e o medo van consumíndoas. Mulleres que desde a retagarda protexen aos seus homes, pais, irmáns, fillos ata a tortura. Son as encubridoras que non se arredan e agrándanse facendo escudo protector.

Moitas sufriron o alento na caluga pero nunca delataron e morrían en vida e sentían a súa casa como un cárcere.

Moitas eran moi humildes, mulleres labregas, que forxaron a súa fortaleza e gallardía a base de traballo. páxina Nomes e Voces é unha magnífica base de datos que recolle unha grande nómina de vítimas da guerra e da ditadura e merece ser consultada. Entre eses nomes están estas mulleres das que falo. Aproveitando este recurso, ofrezo a continuación a relación das ourensás que aquí se recollen, máis outras que eu incorporei, e que foron vítimas de procesos, paseos, reclusión, tortura e incluso morte. Dalgunhas farei un estudo máis minucioso e terán a súa entrada propia neste blog.

A continuación aparecen clasificadas polo lugar de procedencia.

A GUDIÑA

Florinda Ortega Pérez. Foi procesada por colaborar coa rebelión. Tiña 53 anos e marchou a Chile exiliada.

ARNOIA

Rosa Fernández Pérez. Procesada en 1937 por colaborar cos fuxidos. Tiña 19 anos.

A RÚA

María Alonso Sánchez. Procesada por faltar á autoridade en 1939, tiña 62 anos.

A VEIGA

Generosa Fernández Domínguez. Procesada por colaboradora da rebelión. Tiña 22 anos.

María Fernández Domínguez. Procesada en 1938 pola colaboración coa rebelión. Tiña 17 anos.

Marcelina Fernández Domínguez. Procesada en 1938 por colaborar coa rebelión. Tiña 16 anos.

Carmen Fernández. Acusada de Comunista. Incautáronlle os bens.

BANDE

Agustina López Otero. Acusada por actividades perigosas en 1936. Tiña 66 anos.

María Quintas López. Procesada por actividades perigosas en 1936. Tiña 20 anos.

BEADE

Pilar González Nogueiras. Procesada por colaborar coa rebelión en 1938. Tiña 65 anos.

BEIRO

Manuela Figueiras Añel. Procesada e encarcerada seis anos por incitar á rebelión. Tiña 44 anos.

CARBALLIÑO

Encarnación Cortijo Diz. Acusada de ir contra do Movemento Nacional. Incautáronlle os bens.

CASTRO CALDELAS

Digna Fernández López. Procesada por colaboración coa rebelión en 1937. Tiña 70 anos.

CARBALLEDA DE VALDEORRAS

Divina Valle Fernández. Foi procesada por axuda á rebelión e sentenciada a 15 anos de prisión. Tiña 24 anos.

CORTEGADA

Aurora Álvarez Beldrón. Procesada por provocar incendio en 1939, tiña 59 anos.

MACEDA

Enriqueta Iglesias Meana "La Camarada" afiliada ao Partido Comunista. Procesada por non delatar ao seu home e por incitar á rebelión polo que a sentenciaron con seis anos de cárcere.Tiña 25 anos.

NOGUEIRA DE RAMUÍN

Concepción Rey Soto. Fusilada o 21 de xuño de 1937. O seu cadáver apareceu no Hospital de Ourense. Tiña 21 anos.

OURENSE

Gloria Árias. Procesada por rebelión en 1936. Tiña 20 anos.

Dolores Barreiro Gómez. Procesada e prisión por faltar á autoridade en 1937. Tiña 41 anos.

Rosa Blanco Lamela. Procesada e encarcerada por rebelión en 1937. Sentenciárona a 12 anos no cárcere. Tiña 47 anos.

Julia Iglesias. Procesada por rebelión en 1937. Tiña 33 anos.

PADERNE DE ALLARIZ

Florinda Sotelo Tesouro. Procesada por axuda á rebelión en 1936. Tiña 25 anos.

RIBADAVIA

Eudosia Acuña Gómez. Procesada por faltar á autoridade en 1939, tiña 39 anos.

Amalia González López.  Acusada de extremista en 1937. Tiña 63 anos.

Carolina González Rodríguez. Acusada por extremista en 1937. Tiña 43 anos.

Miguela González Touza. Procesada por extremista en 1937. Tiña 27 anos.

Antonia Gulín Pérez. Procesada por extremista en 1937. Tiña 50 anos.

Natalia Leboso Guntín. Procesada por extremista en 1937. Tiña 49 anos.

Manuela Pérez Álvarez. Procesada por extremista en 1937. Tiña 29 anos.

Cristalina Pérez Rodríguez. Procesada por actuación extremista en 1937. Tiña 60 anos.

Amparo Pérez Rodríguez. Procesada por actuación extremista en 1937. Tiña 57 anos.

Digna Rodríguez Rodríguez. Procesada poractuación extremista en 1937. Tiña 50 anos.

VERÍN

Purificación Ginzo Seoane. Procesada por incitación á rebelión. Tiña 46 anos.

Avelina Iguazo Rosete. Procesada por contactar coa clandestinamente coa rebelión en 1947. Tiña 48 anos.

Teresa González Arias. Procesada por colaboradora coa rebelión en 1937. Tiña 28 anos.

VIANA DO BOLO

Juliana Fernández Rodríguez. Procesada por colaborar coa rebelión. Tiña 52 anos.

Manuela Sánchez García. Procesada por estar afiliada a UXT. Tiña 26 anos.

Carlota Ferreira. Comunista.

Luísa Vila Barros. Simpatizante do Partido Comunista.

VILAMARÍN

Emilia Álvarez Incógnito. Paseada e morta o 7 de agosto de 1937. Tiña 22 anos.

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

Matilde Rodríguez Rodríguez. Procesada por axuda á rebelión en 1937 e sentenciárona con 12 anos e prisión. Tiña 23 anos.

Palmira Rodríguez Rodríguez. Procesada por axudar á rebelión e sentenciárona a 12 anos de cárcere. Tiña 20 anos.