Etiquetas

17 abril 2024

FLORINDA ORTEGA PÉREZ

 Durante a ditadura franquista moitas familias víronse sometidas a vixianza e control por parte do réxime. O réxime pretendía non deixar impune a aqueles que durante a República ostentasen algún cargo político ou manifestasen a súa adhesión republicana. Dicíase que estas persoas eran "cómplices de la anárquica situación anterior al Movimiento Nacional" . O afán vingativo era o que propiciaba esa pescuda. Moitos acabaron encerrados en cárceres, outros tiveron un fin peor, outros foron embargados e quedaron na ruína.

A Comisión Provincial acordou instruír expediente de responsabildiade civil a Florinda por referencia do Gobernador Militar. Dito expediente con data do 21 de xullo de 1937  levará o número 131 e o xuíz encargado do mesmo será Juan Herrera Reyes.

Florinda naceu en 1884 e era da Gudiña. Cando se lle instruíu o expediente estaba viúva de David Pérez Veleda e dedicábase ao comercio. O matrimonio tiña seis fillos dos cales, catro, convivían con Florinda e que eran Felicísimo, Carmen, David e María, estes dous últimos eran os pequenos, tiñan 16 e 14 anos. A instrución da causa veu porque segundo os informes das autoridades locais  na súa casa levánbase a cabo reunións extremistas e propagandas rebeldes exercendo ela de Xefa das reunións. Florinda tiña un negocio que comprendía un estanco, un café e un surtidor de gasolina polo que gozaba de grande influencia e ademais a súa casa era a máis céntrica do pobo. O xuíz que instruíu a causa redactou que Florinda tivo unha "actuación tan dudosa y al parecer favorecedora de la política del Frente Popular que hubo de ser sometida a procedimiento criminal". 

O Gobernador Civil presentou un escrito no que indicaba que na casa de Florinda organizábanse actos e reunións contrarios ao Movemento Nacional pero afirmou que todos eles eran organizados polo seu fillo, Felicísimo, que fora alcalde durante tres anos na etapa do Frente Popular e que agora localizábase en Portugal pero que súa nai actuaba como cómplice.Tamén argumentou que a expedientada tiña bens valorados nunha cantidade superior a 55.000 pesetas. 

(Fonte: Boletín Oficial de la Provincia de Orense. 24 de xullo de 1937, p.1)

Ela argumentou na súa defensa:

Que no pertenecía a ningún partido político pues si bien estuvo afiliada a Acción Católica este partido se disolvió hace cuatro o cinco años y que tampoco se dedicaba a propaganda de ninguna clase. Que es cierto que un hijo suyo mayor de edad fue Alcade de la Gudiña durante el Frente Popular pero que en casa de la demandante no se celebraban reunión alguna. Que tenía el estanco y comercio y surtidor de gasolina pero el Café lo tenía arrendado desde hace unos dos años y medio a José Anta y que el local destinado a Café estaba independiente del resto de la vivienda....

Xunto a esta declaración, Florinda achegou máis documentos e informes do Alcalde de Viana, do Xefe do Destacamento, dos membros da Falanxe, do cura coadxuntor...e todos manifestaron que ela non practicaba a política pero que o seu fillo fora alcalde e que estaba fugado en Portugal. En canto aos bens dixeron que tiña unha fortuna de 60.000 pesetas e que con ela vivían aínda fillos pequenos de 15 e 17 anos e Carmen e Felicísimo.

O xuíz instrutor vai condenala a pagar unha multa de dez mil pesetas en concepto de responsabilidade civil quedando exculpada da responsabilidade criminal xa que considerou que o propulsor das reunións fora o seu fillo. Neste proceso tamén se incorporou o seguinte oficio correspondente ao xerente da CAMPSA pois reclamou o surtidor de gasolina que era da súa propiedade e fora cedido a Florinda: "Tengo el honor de elevar a la Comisión Provincial de Incautación de Bienes...una instancia de la Compañía arrendataria del Monopolio de Petroleos en reclamación de un aparato de Gasolina que tenía la expedientada". 

Mentres se estaba a levar o expediente, Florinda empadronouse en Vigo en 1938 e despois exiliouse en Chile en abril de 1940. Así deixou manifestado a súa filla Laura cando compareceu ante o xulgado municipal da Gudiña o 22 de xaneiro de 1941:

Comparece Doña Laura Pérez Ortega, casada de cuarenta y un años, dedicada a sus labores, vecina de esta villa e interrogada manifiesta que su madre Doña Florinda Ortega se halla en Chile y vive en la calle Colón 2252.

Alí faleceu o 21 de xullo de 1946 e está enterrada no cemiterio Xeral de Santiago. O seu fillo Felicísimo marchou a Portugal e logo foi a Francia, concretamente a Marsella, e desde alí regresou a España para formar parte do exército republicano durante a Guerra Civil. Despois marcharía a Chile e a Arxentina.

A súa filla, Carmen Pérez Ortega que residía en Ribadavia, en concepto de apoderada, recibiu a notificación do xulgado e quixo saldar a multa interposta á súa nai e  fixo unha entrega en febreiro de 1939 de catro mil pesetas indicando que a restante cantidade pendente satisfaríaa en catro meses tras a venda de efectos da casa. Ao facer a entrega desta cantidade o Xulgado fixo a promesa de entregarlle as chaves da casa para realizar a venda de artigos que había no comercio, coa intención de reunir as seis mil pesetas restantes. Pero o tempo foi pasando e as chaves fóronlle entregadas con moita demora. Tal é así, que Carmen atopou as propiedades nun lamentable estado de abandono pois foron "violadas las puertas, rotos los precintos y robadas las existencias en su totalidad...a pesar del tiempo trancurrido esta situación se halla sin resolver y la casa amenaza ruinas..."

Por tal motivo, como non tiña cousa de valor e todo estaba desvencixado suplicou por medio dunha instancia do 27 de novembro de 1948 que tiveran en conta a súa alegación e que ordenaran o alzamento do embargo decretado. 

A partir de entón solicitouse a confirmación das manifestacións consignadas no escrito de Carmen Pérez e, en efecto, comprobaron que a casa estaba nun estado lamentable polo que o Fiscal dixo con data do 6 de xullo de 1949 "que procede acordar el alzamiento de embargo que se solicita dejando los bienes de referencia a disposición de sus propietarios".

A casa de Florinda é coñecida actualmente como a Casa da Viúva en lembranza de Florinda Ortega, a nai do Alcalde da Fronte Popular. Hoxe celébranse diversas actividades nela e tamén é albergue de peregrinos.

Elaboración propia  a partir de Expediente. AHPOU. Caixa 7186/01; AHPOU/1.1.5.4.1.1.//7182/05; El Pueblo Gallego, 38 de outubro de 1938, p. 4; El Ideal Gallego, 9 de abril de 1940, p. 4;