Etiquetas

10 mayo 2026

FELICITAS FERNÁNDEZ CADÓRNIGA

Felicitas Fernández Cadórniga, nacida no Barco de Valdeorras, estivo sometida a un proceso xudicial sumarísimo no ano 1952. De novo unha muller como escudo dos homes que loitaron contra a ditadura.

O proceso xudicial tivo lugar en Ourense en novembro de 1952 e centrouse Felicitas Fernández Cadorniga e a súa sobriña Milagros Fernández, ambas as dúas naturais de o Barco de Valdeoras. Felicitas, que era xornaleira e sabía ler e escribir, mantiña unha relación sentimental con Jesús Quiroga (cualificado como "bandoleiro") desde antes de 1941. Por este motivo, Felicitas xa fora xulgada nese mesmo ano na Causa nº 3 de 1941.

Pola súa banda, Milagros Fernández vivía coa súa tía desde 1941, ano no que quedou orfa de pai e nai con tan só 11 anos. Debido a esta convivencia, Milagros era consciente da vida marital que a súa tía mantiña co fuxitivo e das actividades deste.

Tras o regreso de Jesús Quiroga á zona, Felicitas volveu acollelo no seu domicilio, dándolle aloxamento e comida, e retomando a vida en común. Esta situación prolongouse ata o 19 de agosto de 1952, día en que Quiroga morreu nun enfrontamento armado coas forzas da Garda Civil. Tras o tiroteo, Felicitas foi detida de inmediato.

O Consello de Guerra baseou a acusación no Decreto-Lei do 18 de abril de 1947, especificamente no seu artigo 6º, que castigaba o auxilio a partidas armadas dedicadas ao bandidaxe.

A Fiscalía solicitou inicialmente penas de seis anos de prisión para Felicitas e seis meses e un día para Milagros. A Defensa avogou pola libre absolución de ambas as dúas, argumentando que non eran responsables criminalmente dos feitos imputados.

O tribunal ditou sentenza o 25 de novembro de 1952, resolvendo o seguinte:

Condena para Felicitas Fernández Cadorniga que foi considerada autora dun delito de auxilio a compoñentes de partidas armadas. Impúxoselle unha pena de tres anos de prisión menor, coa suspensión de cargos públicos e dereito de sufraxio. Recoñecéuselle o tempo pasado en prisión preventiva para o cumprimento da condena.

En relación a Milagros, o tribunal decidiu absolvela libremente. Para isto, tivo en conta a relación de dependencia familiar absoluta que tiña cara á súa tía e o feito de que fora menor de idade durante a maior parte do tempo en que ocorreron os feitos.

A sentenza foi ratificada na Coruña polo Auditor de Guerra o 2 de decembro e aprobada finalmente polo Capitán Xeral da rexión o 5 de decembro de 1952. O proceso concluíu coa remisión destes documentos á Prisión Provincial de Ourense o 9 de decembro dese mesmo ano.

Fonte: A.H.P.Ou: Expediente persoal da reclusa Felicitas Fernández Cadórniga, 1.3.2.9.2.2.1.1.//24054/008