Etiquetas

16 enero 2025

ERIKA DOS ANJOS

(Fotografía extraída de El Faro de Vigo.) Atopei na prensa que unha moza ourensá, Erika dos Anjos, rematara os estudos de Ciclo Superior de Mantemento de Instalacións Térmicas e Fluídos e que xa estaba a traballar nunha empresa de A Coruña.

Poden pensar, o por que do meu interese por destacar no blog de mulleres ourensás a esta moza. Pois a razón principal é destacar que esta muller é xitana e sente orgullo de seu máis quixo estudar arreo e acadar os seus obxectivos, uns propósitos de muller xitana que non adoitan estar dentro dos patróns da súa cultura.

Realmente, para min é un orgullo extraordinario mencionar aquí no meu blog a Erika. Eu fun profesora dela no IES Universidade Laboral de Ourense. Deille clases durante a ESO de Xeografía e Historia. Daquela xa me demostrou, bueno, demostrounos a todo o profesorado, que era unha muller que tiña uns propósitos moi claros unido a unhas capacidades sorprendentes. O seu non era facer só a ESO e logo marchar, non, o seu era facer a ESO, o Bacharelato e facer carreira universitaria. 

Era unha nena moi destacada nos estudos e no seu rendemento académico, pois era moi traballadora, moi boa estudante, moi responsable...pero tamén era especial no seu trato pois era moi educada, moi respectuosa e moi querida por todos xa que tiña un elevado grao de compañeirismo. Era unha referencia no grupo clase pois sabían que ela sempre levaba as tarefas feitas e estudaba arreo. Era habitual vela na biblioteca do centro rodeada de amigos e amigas para estudar xuntos e axudar ás súas compañeiras nos deberes, no estudo dos exames...

Todo o profesorado estaba sumamente orgulloso dela pois sabía que a traxectoria de moitas mozas da súa cultura remataba a ESO e non continuaban pois estaban destinadas a colaborar nas familias. Pero Erika tiña outras pretensións, quería formarse e traballar e os seus pais respectaron a súa decisión.

Cando eu marchei da Laboral sabía que Erika xa estaba emprendendo o camiño para ese obxectivo que se marcara. E en efecto, acabo de ver que o logrou, que fixo bacharelato de Ciencias e logo o Ciclo Superior de Mantemento, por certo, un ciclo a onde non acoden moitas mozas. Entereime de que sacara todo deces e que o seu profesorado de Ciclo admiraba o seu talento.

Agora rematou o Ciclo e xa está a traballar nunha empresa de A Coruña. Vese feliz, vese decidida, unha muller que, talvez, tivo algún atranco por ser xitana pero continuou adiante. O que si é certo é que nos demostrou a todos que o talento non entende de condición social, nin de razas, nin de sexo...depende da vontade e de moitos valores que son universais.

Sei que Erika quere facer a Carreira de Química, e sei quevai logralo pois os que a coñecimos sabemos que ademais de intelixente é tenaz e constante. 

Erika, abre os camiños a moitas das súas homólogas que mirarán para ela como exemplo.

Un orgullo haber sido, por uns anos, a túa profesora. Adiante, Erika, sempre adiante.