Hai que valorar o interese por parte das ourensás de comezos do século XX de proseguir os estudos de primaria e cursar o bacharelato. Iso leva a pensar a que terían en mente acceder á Universidade. Cando eu fixen o estudo das mulleres ourensás que realizaron estudos de secundaria observei que,en efecto, unha grande porcentaxe encamiñábanse a facer estudos de maxisterio e universitarios pero tamén había quen titulaba no bacharelato pero, logo, non continuaban estudando. Isto inducía a pensar que habería mulleres ourensás que cursaban estudos secundarios sen máis ambición que complementar e ampliar as aprendizaxes da primaria e adquirir uns coñecementos que consideraríamos de "adorno".
Dito o cal, sabemos que no primeiro terzo do século XX houbo numerosas inscricións de ourensás no Instituto de Ourense. Algunhas delas non remataron aquí os estudos de bacharelato pois solicitaron traslado ao prestixioso e notable Instituto Cardenal Cisneros de Madrid.
O Instituto Cardenal Cisneros de Madrid fundouse no ano 1845, en tempos de Isabel II. Foi chamado así na honra do fundador da Universidade de Alcalá. O edificio é de grandes dimensións, de espazos amplos aptos para o estudo e o acollemento de grande número de estudantes. Destaca nel a grande escaleira de mármore como un eixe central do edificio.
Alvida González González. Natural de Vilardevós. Estudou desde 1920 a 1922.
Teresa Vaamonde Valencia. Natural de Toén, Ourense. Estudou de 1919 a 1921. Posteriormente fixo estudos de Filosofía e Letras, especializándose en Historia e opositou a prazas de Biblitecaria e Arquivística. (Falarei da súa traxectoria nunha próxima entrada do blog.)
María de los Ángeles Fernández Núñez. Natural de O Barco de Valdeorras. Estudou desde 1915 a 1919.
Eudosia Montes Villamarín. Natural de Puga, Toén. Estivo cursando dous anos, 1920 a 1922.
María Gracia López Placer. Natural de Coles. Realizou o ingreso no Instituto Cardenal Cisneros en 1922 e estivo dous cursos académicos, de 1922 a 1924.
María Purificación Pardo de Castro. Natural de Ourense. Naceu o 7 de setembro de 1905. Realizou o ingreso no Instituto ourensán en 1915 cando tiña 10 anos e estudou ata 1918 obtendo unhas notables cualificacións. A continuación solicitou traslado ao Instituto Cardenal Cisneros. Rexistrouse no Instituto de Madrid en 1919 e realizou dous cursos, de 1919 a 1921. Era filla de Isauro Pardo y Pardo e de María de la O Castro y Garcés. En 1961 recibiu o título de Marquesa de Leis tras o falecemento do seu irmán, Ramón Pardo de Castro que faleceu nun accidente de aviación.
Rosa Pardo de Castro. Naceu en 1908 en Ourense e irmá de Purificación. Fixo o exame de ingreso no Instituto ourensán o 10 de xuño de 1918. Cursou por oficial un ano matriculándose en catro materias (das que non constan cualificacións) e, en 1919, solicitou o traslado de matrícula ao Intituto Cardenal Cisneros, xunto coa súa irmá.
Piedad Fernández López. Naceu en Castro Caldelas o 19 de xaneiro de 1899. Fixo o exame de ingreso no Instituto Ourensán pero, a continuación, foi á Escola Normal de León. Logo foi a Madrid e cursou un ano no Instituto Cardenal Cisneros, de 1920-21. Sería inspectora de ensinanza primaria e exerceu en Ourense. (Poden ver a súa traxectoria na entrada no blog que fala sobre ela.)
Alicia González González. Naceu o 28 de xuño de 1904 en Vilardecervos e era filla dun mineiro. Fixo o exame de ingreso no Instituto ourensán o 20 de setembro de 1917. A continuación matriculouse por libre no curso 1917-18 e por oficial no seguinte curso, de 1918 a 1919. O 13 de abril de 1920 solicitou unha certificación académica para o Instituto Cardenal Cisneros de Madrid.
Aurea González González. Naceu en Vilardecervos o 24 de novembro de 1901. Era irmá da anterior. Realizou o exame de ingreso no instituto de Ourense o 20 de setembro de 1917. Matriculouse por libre no curso 1917-1918 e por oficial no curso 1918-19. O 13 de abril de 1920 solicitou o certificado académico para trasladarse ao Instituto Cardenal Cisneros de Madrid.