Etiquetas

15 febrero 2026

CONSUELO COLMENERO ÁLVAREZ

Consuelo foi unha das primeiras mestras tituladas en Maxisterio na provincia de Ourense e posuía o Título Superior. Xa en 1900 optaba á escola incompleta de Ambía, no concello de Baños de Molgas, así como ás de Aveleda, no concello de Xunqueira de Ambía, e á de Alván, en Coles, todas elas en réxime de interinidade, tal como recolle o Boletín Oficial da Provincia de Ourense do 2 de abril de 1900. A pesar de que non descartou presentarse a cantas interinidades ían xurdindo —aínda que cada vez fosen en destinos máis afastados—, en moitas ocasións quedaba excluída. Con todo, o 9 de decembro de 1902 foi nomeada mestra interina da escola incompleta mixta de Gillamil, no concello de Rairiz de Veiga, cunha dotación de 250 pesetas. En xullo de 1904 acreditaba dous anos, once meses e catro días de servizos interinos.

No mes de agosto de 1904, o Rectorado da Universidade de Santiago informou mediante un comunicado do nomeamento de Consuelo como mestra en propiedade para a escola de San Xusto, en Barreiros, cunha dotación de cincocentas pesetas. Porén, por razóns administrativas, foi excluída deste nomeamento, o que a deixou temporalmente sen destino. En febreiro de 1906, en virtude do concurso único de setembro de 1905, foi destinada á escola da Boullosa, en Baltar, onde permaneceu dous anos. En 1908 cesou neste destino para incorporarse á escola de Laza e, tras tres anos, pasou a ocupar a escola mixta completa de Sabucedo, no concello de Porqueira, na que se asentou profesionalmente durante un longo período. 

Pasados uns anos, foi denunciada por un suposto abandono escolar, polo que se lle abriu un expediente gobernativo para investigar o caso. Non obstante, o Rectorado de Santiago acabou sobreseíndo ou suspendendo o procedemento. En 1934 aínda continuaba exercendo nesta mesma escola, ano no que superou as probas para ascender no escalafón profesional. En 1935 adheriuse á Casa do Mestre, unha institución dedicada a cohesionar o corpo docente e fortalecer a súa formación mediante a creación dunha biblioteca pedagóxica e o intercambio de experiencias entre mestres e mestras.

Durante o período da ditadura, Consuelo foi sometida a unha revisión de conduta e abríuselle un expediente por parte da Comisión Depuradora. Foi acusada de votar á Fronte Popular, de manter unha conduta moral escandalosa e de realizar unha deficiente labor educativa e escolar. Tras o proceso de investigación, finalmente foi confirmada no seu cargo, aínda que con indicación de xubilación forzosa con data do 26 de febreiro de 1941.

(Fonte: «Información al magisterio», La Región, 8 de maio de 1940, p. 2)

Elaboración Propia a partir de: Expedientes de depuración de maestros nacionales (Ministerio de Educación Nacional, Archivo General de la Administración). Signatura: 32/12791; https://xinzodelimia.com/blogs/memoria-historica-doutras-mulleres-represaliadas-da-limia-1936-1950/; Boletín Oficial de la provincia de Orense: Año 1899-1900 Número 224 - 1900 abril 2, p. 3: Boletín Oficial de la provincia de Orense: Año 1902 Número 285 - 1902 diciembre 13, p. 3; Boletín Oficial de la Provincia de Guadalajara: Número 84 - 1904 julio 15, p. 3; El Eco de Santiago : diario independiente: Año IX Número 2957 - 1904 Agosto 27, p. 2; Boletín Oficial de la provincia de Orense: Año 1906 Número 25 - 1906 febrero 1, p. 4; Boletín Oficial de la provincia de Orense: Año 1906 Número 48 - 1906 marzo 2, p. 4; Boletín Oficial de la provincia de Orense: Año 1908 Número 98 - 1908 mayo 1, p. 1; El magisterio español : Revista General de la Enseñanza: Epoca 4ª Año XLV Número 3682 - 1911 Diciembre 14, p. 8; El magisterio español : Revista General de la Enseñanza: Epoca 4ª Año XLVIII Número 4336 - 1914 Marzo 07, p. 14; Galicia : diario de la mañana: Ano V Número 1312 - 1934 novembro 22, p. 8.