Etiquetas

02 noviembre 2025

GREGORIA MATORRAS

Pode ser interesante facer mención dunha muller que non naceu en Ourense pero si faleceu na nosa cidade. Trátase de Gregoria Matorras, nai do libertador de Arxentina, Chile e Perú, José de San Martín. 

Era natural de Palencia, en concreto de Paredes de Nava, e naceu en  1738. Con 28 anos marchou a Arxentina e alí casou con Juan de San Martín, militar e gobernante de Río da Plata, e residían en Yapeyú. Este enfermou e o matrimonio trasladouse a vivir a Bos Aires pero a idea era trasladarse a España. Chegaron no barco Santa Balbina a Cádiz  Residiron en Málaga, tamén en Madrid...pero en 1786 faleceu Juan de San Martín.

Ao quedar viúva, Gregoria enfróntase a unha situación de penuria e escaseza económica e na necesidade de sacar aos seus fillos adiante levándoa a redactar unha carta solicitando unha pensión. Como non foi escoitada, dirixíu a súa reclamación ao rei facendo e este vai transixir concedéndolle unha pensión vitalicia.

Gregoria, un tanto maior, tomou a decisión de trasladarse a vivir a Ourense, si, á nosa cidade, pois aquí residía a súa filla  María Elena, o seu xenro e a súa neta Petronila.  Na cidade tivo numerosas relacións sociais e boa veciñanza. Aquí faleceu en 1813, tiña 75 anos e ao seu sepelio asistíu numerosísima xente ourensá.

Foi enterrada no convento de Santo Domingo o 29 de marzo de 1813. (Esta data da inhumación recóllea El Eco de Galicia, non obstante, noutras fontes indican que faleceu o 1 de xuño de 1913).

(Fonte: «La madre de San Martín en Orense», El Eco de Galicia, 10 de xuño de 1907, p. 1-2).

Despois os seus restos foron trasladados a Arxentina, onde repousaban os do seu home. A cidade ourensá realizou unha ofrenda a Arxentina que consistíu nun cofreciño que contiña a terra do Convento de Santo Domingo onde estivera soterrada Gregoria. Foi encargado de recibir esta homenaxe o Sr. Casals que era o agregado cultural da Embaixada de Arxentina en Madrid. A terra foi enviada como reliquia  a Bos Aires. 
A prensa informou da noticia do seguinte xeito:


(Fonte: « Tierra española del lugar donde reposan los restos de la madre del general San Martín», El Correo gallego, 8 de xullo de 1947, p. 6).

Nesta entrada non poñemos a imaxe de Gregoria Matorras que circula por internet pois, segundo un artigo de prensa indica que o retrato que se atribúe a Gregoria Matorras non se corresponde con ela, senón que se trata dunha muller da que non se coñece o nome: «Los falsos padres del general San Martín» en Infobae.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes: «Gregoria Matorras», https://es.wikipedia.org/wiki/Gregoria_Matorras; Hemeroteca; «Héroes y genios. Siluetas Históricas. Don José de San Martín», Hojas Selectas, 1908, nº 73, pp. 535).