Pura residía en Ricosende coa súa nai viúva e estaba solteira, tiña 24 anos cando foi detida por primeira vez por auxiliar a fuxidos. Conducírona ao Departamento de Celanova e o 13 de decembro de 1947 ingresou na prisión de Ourense por orde do Gobernador Civil. Estivo no cárcere dez días pois o 23 de decembro foi posta en liberdade en virtude da Orde do Goberno Civil de Ourense.
Pero Pura foi detida de novo en agosto de 1950 e o 19 ingresou na prisión de Ourense quedando á disposición do Xulgado número 2 de Ourense. O expediente de Pura vinculouse ao de Manuel Vázquez Rodríguez e ao de Eudosia Álvarez Seoane, nai de Pura.
O motivo de encausar a Pura era que cometera delito por acubillar e axudar aos fuxidos, entre os que se atopaba o seu irmán, Enrique. Tanto Pura como a súa nai Eudosia e tamén Remedios Álvarez acubillaran á na casa ao grupo de fuxidos, entre os que se atopaba o seu fillo Enrique, e proporcionáronlle comida. O expediente expuña que Manuel Vázquez Rodríguez, o home de Pura, tivo coñecemento a mediados de mil novecentos corenta e nove do lugar de reunión de varios bandoleiros capitaneados polo coñecido "Saul" entrevistándose en varias ocasións co seu cuñado bandoleiro Enrique Yáñez, ao que curou de varias feridas no ombreiro por arma de fogo e axudou a fuxir a Francia conducíndoos a Bilbao e ocultou unha escopeta e unha pistola na súa casa. No expediente maniféstase que Pura agochou lonxe da casa, debaixo duns penedos, unha pistola e unha escopeta que apareceran debaixo do colchón. Ela manifestou que pensaba que eran da propiedade do seu home e non dos fuxidos.
O xulgado resolveu que a pena imposta a Pura era de un ano de prisión menor e saíu en liberdade o 21 de abril de 1951.
(Elaboración propia. Fonte: Expediente persoal da reclusa Pura Yáñez ÁlvarezES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25175/020. Caixa 25175/020.)