Etiquetas

16 mayo 2024

JOSEFA SARA PELLÓN CIBEIRA

(Entrada suxeita a publicación en libro.)
Josefa foi unha das mestras pioneiras na nosa provincia. Naceu en Parada de Asadur, Maceda. Titulouse en maxisterio no grado elemental en 1892 na Normal de Pontevedra (¿?) e en 1894 xa estaba destinada na escola de Barbadás, en Ourense. Posteriormente, en 1896 foi nomeada para a escola Asadur, no concello de Maceda, de onde era natural. Sara afincaríase neste destino ata a súa xubilación que foi en 1942, polo que estivo na escola corenta e oito anos.

Era unha mestra comprometida e iso está evidenciado porque Sara foi partícipe na formación de Asociación de mestres da comarca de Allariz que foi 22 de setembro de 1920. Ese día tiveron a súa primeira asemblea e constituíuse a directiva entre a que estaba a a mestra de Xunqueira de Ambía, Josefa Taboada, como vogal-tesoreira da asociación.

Nesa primeira xuntanza á que acudíu Sara e outras mestras da localidade, como Concepción Pavón, Eulogia Ves e Virginia Álvarez, acordaron varios puntos organizativos e reivindicativos como eran: elaborar o regulamento da asociación, solicitar a desaparición dos dereitos limitados aos que fixeran a reválida, xestionar a rápida colocación dos interinos, pedir a supresión das xuntas locais, organizar o cobro das cotas dos asociados e tamén pedir que a casa escola fose abonada polo Estado. Como pode apreciarse, eran propósitos de esixencia para a mellora da consideración do maxisterio e demostra a actitude reivindicativa do maxisterio da localidade. Dita asociación foi das máis activas da provincia pois incluso pretendían que se fixeran públicos os nomes dos deputados que votaban en contra das aspiracións do maxisterio para non os apoiar máis e, pola contra,  “apoyar con denuedo a los que defendieron y den palabra de honor de luchar por la Escuela y por el Maestro[1].

Logo disto, Sara aparece inscrita na Asociación de traballadores do ensino de Ourense, A.T.E.O. Ela figuraba no libro de afiliados a A.T.E.O que Luís Soto atopou na casa do pobo. A asociación era, desde logo, moi comprometida e, xa que logo, pode figurarse que Sara atoparía nela o camiño para seguir no compromiso polo maxisterio. 

Chegada a guerra civil e xa implantada a ditadura naqueles territorios que ían sendo derrotados polos golpistas, Sara apareceu na lista dos mestres e mestras destituídos e suspendidos emprego e soldo temporalmente. 

Sara estaba casada con José I. Cruz e comezaría para eles un tempo de incerteza pois acusaban a toda a familia de seren afíns aos partidos de esquerda. A Comisión depuradora solicitou informes e acusou á mestra de ser simpatizante da Fronte Popular. No escrito emitido o 4 de xaneiro de 1937 por Agustín Rodicio, o párroco, dicíase:

La escuela unitaria de maestra la regenta Doña Josefa Sara Pellón Cibeira. Esta señora fue siempre izquierdista, así como toda su familia. No me consta que en la escuela enseñase doctrinas marxistas, pero fuera que sí…La iglesia la visitó pocas veces y a misa raras veces asistió.[2]

Outra información emitida polo comandante da Garda Civil estaba na mesma liña. Concretou que non tiña a certeza de que estivese afiliada a algún partido da Fronte Popular pero si coñecía que tiña ideas esquerdistas, matizou que tamén inculcaba na escola estas ideas e, ademais, nas últimas eleccións fixo propaganda a favor da esquerda[3].

A situación non era nada boa para a mestra. As forzas vivas tiñan claro que era unha mestra contraria ao Movemento Nacional. O alcalde tamén aseguraba que era de esquerdas. 

Por tal motivo, Sara presentou un prego de descargos no que comezaba dicindo: 

Realmente los cargos contra mi formulados pueden reducirse a dos: a) la tendencia izquierdista, frente populista de mis actuaciones políticas, profesionales y privadas y b)haber estado afiliada a la A.T.E.O.”[4]

Partindo de aquí argumentou a súa defensa indicando que non entendía como se lle podía acusar de ser simpatizante da Fronte Popular xa que nunca sentíu ningunha atracción pola política e nin sequera participara nos sufraxios. Tiña claro que a acusación era infundada e promovida por algúen con “algún interés bastardo”. Ela, di, que sempre se dedicou á súa casa e á súa profesión nas que sempre actuou seguindo os preceptos relixosos incluso achegando diñeiro, roupa e víveres para o exército nacional:

Como prueba de ello significaré a la Comisión que en Agosto de mil novecientos treinta y seis, es decir, el primer mes siguiente a la iniciación del Glorioso Movimiento, di órdenes al habilitado para que de mi suelo me descontase un día de haber con destino al Ejército Triunfante acto espontáneo y voluntario con mucha anterioridad a que esa aportación de los funcionarios fuese obligada.[5]

Non resulta extraño que as mestras que se vían nesta situación tratasen de evitar a sanción que lles podía caer, e procurasen defenderse negando as súas ideas. Ela era unha mestra comprometida coa ensinanza e co maxisterio e os detractores viron nese feito que era unha muller contraria ao novo réxime. Como ela dixo: “A mis alumnos, como no podía ser de otra manera, siempre les hice objeto de mi atención preferente, dedicando a sú educación desvelos y afanes, por el prurrito del cual me enorgullezco, de ser fiel cumplidora de mis deberes profesionales[6].

A outra acusación era a de estar afiliada a A.T.E.O. Sara argumentou na súa defensa que ela non sabía que estaba inscrita na asociación. Manifestou que cando se creou, esta agrupación enviou a todos os mestres unha misiva na que daba conta da organización de tal asociación e enviaban o voceiro pero que ela o rexeitou: “desde aquella fecha tenía por inscrito en la misma al maestro a quien iba dirigida la misiva. Yo no hice caso de ella, por no darle transcendencia, y cuando recibí por correo el primer número de la revista la rechacé rogándole al cartero la devolvieran[7]

Sara manifestou que nunca se considerou da asociación. Polo tanto, con este escrito, suplicou á comisión que tivesen en conta os informes que facilitaba para xustificar a súa defensa. Entre eles estaban os dos pais e nais do pobo que asinaron unha carta defendéndoa. Incluso achegou un novo informe do párroco que nun principio a acusaba pero que logo manifestou todo o contrario dicindo dela  que ía á misa e que se dedicaba ao seu deber. Outro párroco que falou na súa defensa foi Antonio Martínez Garrido quen afirmou que non lle constaba que estivese afiliada nin que formara parte de A.T.E.O. Así mesmo, o carteiro ao que ela aludiu e ao que lle rogou que devolvese a revista de A.T.E.O. corroborou dito feito e dixo que desde entón non recibiu nunca máis outro exemplar da revista. 

Non obstante, a Comisión Depuradora considerou probado que Sara si tiña afección pola Fronte Popular e que fixera propaganda para a mesma polo que merecía sanción, agora ben, considerou:

Que a pesar de los dos cargos apuntados, no parece haberse distinguido por una actuación extremista significada y teniendo en cunta que alcanza edad y años de servicios suficientes para su jubilación. Esta Comisión tiene el honor de proponer por unanimidad sea jubilada Doña Sara Pellón Cibeira...[8]

Este informe é do día 16 de febreiro de 1938 e Sara xubilouse en 1942.  Estaba claro que ela era unha muller comprometida xa que formou parte das asociacións de mestres da súa comarca pero viuse na situación de negalo para evitar a sanción. As mestras sometidas a tanta presión tiñan que procurar os medios para saír indemnes. Maila todo serían as sufrintes silenciosas e silenciadas.

[1] La Región, 14 de novembro de 1920, p. 1; [2] AGA_32_12786_028_0005; [3] AGA_32_12786_028_0006; [4] AGA_32_12786_028_0010; [5] AGA_32_12786_028_0012; [6] Idem; [7] Idem; [8] AGA_32_12786_028_0004. Elaboración propia a partir de diversas fontes: Vid tamén: El magisterio gallego, Num. 455, 15 de agosto de 1892, p. 2; El regional, Num. 3085 29 de novembro de 1892, p. 2; Gaceta de Galicia, 8 de agosto de 1894, p. 2; Gaceta de Galicia 19 de xullo de 1896, p. 3; El magisterio gallego 15 de decembro de 1898, p. 3; Boletín Oficial de la provincia de Orense, Número 195, 26 de agosto de 1902, p. 3;La Región 29 de setembro de 1920, p. 2; Diario de la Marina, 10 de decembro de 1928, p. 17; La Zarpa, 4 agosto 1936, p. 5; El pueblo gallego, 20 de xaneiro de 1942, p. 7.