Bonita portada ofreceu La Zarpa o día 25 de xullo de 1930 para ilustrar o día de Galiza. É verdadeiramente significativa por canto que escolleu un grabado de Xulio Prieto Nespereira no que as protagonistas son dúas mulleres galegas ben adobiadas e situadas entre a cruz de Santiago e o cálice. É unha personificación desta conmemoración. Matria galega. Galiza é a Terra nai.
Nos anos vinte do século pasado comezou a celebrarse o 25 de xullo como día da Patria Galega. Foi así pois era o día do Apóstolo Santiago e as Irmandades da Fala acordaron que ese fose o día de Galiza. E aínda que é ben sabido que moitos galeguistas reivindicaban a Prisciliano, especialmente Castelao, por considerar o seu arraigo coa terra e fundamento das crenzas tradicionais galegas, ao cabo, o nacionalismo galego crente, opta maiormente por Santiago como patrón.
O 25 é un día de xúbilo. En toda a prensa se enxalzaba esta festividade e ilustres intelectuais enviaban as súas colaboracións expresando o seu contento pola cultura, pola tradición, pola lingua. Nos edificios institucionais ondeaba a bandeira galega e os balcóns particulares engalanábanse tamén coa bandeira. Nas cidades galegas, entre elas Ourense, había celebracións diversas de carácter cultural e festivo.Os Coros de Ourense, Coral de Ruada, Orfeón Unión Ourensá...interpretaban cánticos galegos. Tamén había concursos de muiñeiras e alalás e na Alameda ourensá e no Parque Galego había bandas de música que interpretaban pezas galegas e, como non, o Himno Galego era cantado polas xentes con grande entusiasmo.
Os mozos e mozas galeguistas puñan todo o seu empeño en darlle significancia ao día. As nosas mulleres ourensás tamén sentiron ese desexo de manifestar o seu amor á Terra, á terra nai. Dise que as "rapazas" engalanaban as rúas.
Había un concurso de carretas aen Santiago de Compostela ao que acodían representacións de diferentes partes de Galiza. Por suposto, Ourense tamén levaba a súa mostra, e tal como recollía a publicación La Esfera "Ourense, de las cuatro provincias, es la más gallega":
(Fonte: La Esfera, 7 de agosto de 1926, p. 13.)
A nosa insigne Mercedes do Campo de la Fuente expresou con grande fervor a importancia deste día tan emblemático para os e as galegas. A súa palabra, enchida de orgullo e de afirmación galeguista, debería ser exemplo aínda para nós:
Vintecinco de Xulio. Día de
Sant-iago, día de recordos grandes para a nosa Terra. Hoxe toda Galicia ferve
de xúbilo ante a fermosa Festa de Santo Patrón, en todo-los preitos resoa a
ledicia das meigas e doces cantigas dos nosos pais, a natureza vístese coas
millores galas para festexar o Día Grande, nos beizos dos bós galegos bailan, o
sentir a dozura da nosa gaita, as surrisas máis feiticeiras. N-este
día todos nós debemos botar unha ollada as nosas conciencias e ver si como
galegos cumprimos coa obriga que temos pra unha nai tan garimosa doce, como é
Galicia. Eu coido que temos
moito que chorar ao ver como deixamos que os nemigos d-ela, entre eles moitos
fillos, a aldraxen, a pisoteen e vaian apretando cada vez máis ao redor da súa
gorxa as cadeas con que a queren afogar.Si todol-os galegos quixeran decatarse
da situación angustiosa en que se atopa Galicia, hoxe, no Día Grande como un
soio home xurarían loitar por ela con todal-as forzas deica rachar esas cadeas,
e que d-esa loita xurda unha Galicia libre de aldraxes e da cal serán
respectados todol-os seus dereitos.Deus queira que chegue pronto o Día Grande,
outro Vintecinco de Xulio en que todos en pé poidamos cantar co poeta: A NOSA
TERRA É NOSA.
¡VIVA GALICIA CEIBE! Xullo de 1935[1].
[1] Mercedes do Campo, “Día de Galicia”, A Nosa Terra: Boletín quincenal. Idearium das Irmandades da Fala, 13 de xullo de 1935, p.2.