Etiquetas

28 abril 2024

DOLORES CASASNOVAS CID

(Entrada suxeita a ser publicada nun libro.)

Dolores formaba parte da Asociación de Traballadores da Ensinanza de Ourense e foi unha máis dos sancionados e castigados por pertencer a unha agrupación que cualificaban de comunista. É sabido que a asociación tiña unha inquedanza de transformar a escola e os métodos de ensinanza e tamén consideraban perentorio que o maxisterio fose recoñecido socialmente facendo fincapé no seu labor como transformador da sociedade. Crían nunha cultura democrática, para todos e todas. Unha educación que fixera progresar ao pobo.

Dolores naceu o 2 de marzo de 1910 en Ourense. Era filla de Jesús Casasnovas Sotelo, que era pintor de profesión, e de Purificación Cid Gil. O matrimonio residía na rúa dos Fornos e tiñan seis fillos que eran Alfonso, Mercedes, Pilar, Arturo, Dolores e Jesús.

En setembro de 1926 Dolores examinouse de ingreso na Normal de Ourense desenvolvendo o tema El Sol: sus movimientos, planetas, planetoides, satélites, cometas. Pero Dolores quixo optar polo premio e para iso enviou unha instancia á dirección do centro para poder realizar o correspondente exercicio no que desenvolveu o tema Península Ibérica. Matriculouse por oficial e puido dispor de matrícula gratuíta por ser orfa de pai. Os catro cursos da carreira rematounos cunhas cualificacións excelentes. Tras a reválida fixo a expedición do título en outubro de 1931[1]. Nese ano realiza o cursiño profesional de maxisterio e, en decembro de 1933, figura como aprobada na terceira parte do cursiño obtendo 29 puntos[2].

En 1932 foi como mestra interina para a escola da Loña e en 1934 foi nomeada mestra en propiedade para a escola de Varón, no concello de O Carballiño.  Por aquela comarca tamén estaba exercendo de mestre Elías Garrido co que casou e tivo dous fillos, Domingo e Blanca[3].

Cando foi o levantamento militar en xullo de 1936 a persecución ao maxisterio foi constante pero implacable coa ATEO. Na prensa da época facíase relación dos docentes que eran considerados completamente inimigos do Réxime e os da ATEO eran considerados “comunistas”. Nas listas que se publicaron apareceu nomeada Dolores Casasnovas. Toda a agrupación foi sancionada e Dolores foi suspendida de emprego e soldo por un período de seis meses, quizás a penitencia máis levadeira pois moitos dos seus compañeiros e compañeiras foron desterrados a diferentes lugares e recibiron correctivos máis drásticos[4].

(Elaboración propia a partir de fieretnes fontes) [1] AUVIGO, Expedientes persoais; [2] “Aprobados en los cursillos del primer tribunal”, La Región, 24 de decembro de 1933, p. 1; [3] El magisterio español, 21 de xuño de 1932, p. 14; [4] El pueblo gallego, 4 de agosto de 1936, p. 7..