Etiquetas

28 abril 2024

CÁNDIDA URIEL DIEZ

Naceu en Gomara, Soria, en 1908. Non é a primeira vez que se incorporan neste blog a mulleres que non naceron en Ourense pero si son mencionadas debido a que no seu periplo profesional afincáronse por algún tempo na nosa cidade e, por suposto, serían exemplo para moitas das ourensás.

Cándida conta cun amplo e interesante currículo. Era licenciada en Químicas e foi nomeada Axudante de Complementos de Física na Universidade de Zaragoza. No ano 1933 estivo exercendo no Instituto de Ferrol e, en 1939 veu destinada como profesora no Instituto ourensán. En 1942 consegue a Cátedra e comeza a exercer en diferentes institutos. 

No ano 1961 estaba exercendo no Instituto de Palma de Mallorca e foille concedida unha beca para os Estados Unidos. Froito desta experiencia son os libros que Cándida escribiu sobre a ensinanza neste país.


Unha muller intelectual que se mostraba moi interesada pola metodoloxía didáctica das ciencias. En 1962 publicou os seguintes manuais: Enseñanza Moderna de las Ciencias I e Enseñanza de las Ciencias II.


Unha muller co compromiso de ofrecer unha ensinanza moderna e activa. E era frecuente que organizase excursións coas súas alumnas para visitar lugares de interese histórico-cultural. Desde logo, unha docente que en Ourense tamén deixou a súa filosofía educativa.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: La Región, 31de outubro de 1939; El Correo gallego, 21 de setembro de 1934; El Correo gallego, 15 de setembro de 1961; Baleares : órgano de Falange Española Tradicionalista y de las J.O.N.S, 19 de abril de 1967; Flecha García, Consuelo, "Profesoras en la Universidad. El tránsito de las pioneras en España", Arenal, 17:2, Xullo-decembro de 2010, pp. 255-297; Fernández Llamas, P. et al. "Pioneras en la educación secundaria de Aragón", Historia de la Enseñanza Media en Aragón: [Actas del I Congreso sobre Historia de la Enseñanza Media en Aragón, celebrado en el I.E.S. «Goya» de Zaragoza del 30 de marzo al 2 de abril de 2009] / coord. por Guillermo Vicente y Guerrero, 2011, ISBN 978-84-9911-112-4, págs. 249-346)