Etiquetas

30 julio 2023

MARÍA CONCEPCIÓN MÉNDEZ GÁNDARA

A este traballo de sacar á luz os nomes das nosas mulleres ourensás e que desempeño con grande vocación e admiración cara elas, teño que sumarlle as amizades que vou trabando cos seus descendentes e familiares... sendo para min de grande axuda xa que me ofrecen unha información máis fidedigna. Outro aspecto tamén moi ilusionante é ver o orgullo que senten todos eles ao ver que súas nais, avoas e demais familia...son recoñecidas. 

Debemos pensar que moitas mulleres deste blogue levaron a cabo o seu labor de xeito moi calado e discreto e nunca chegaron a pensar que o que facían tiña moita importancia. Pero desde logo si a tiña pois tiveron que "enfrontarse" á mentalidade da época que non concebía que a muller tivese unha ocupación diferente á doméstica e tamén tiveron que demostrar que eran capaces de desempeñar cargos e profesións con suma eficiencia.

O caso que se presenta nesta entrada é, precisamente, ese exemplo de como se trazan lazos de cooperación e amizade para ir tecendo día a día o blog. Hai uns meses Xabier Feixoo púxose en contacto comigo por correo electrónico para falar de dúas mulleres que para el significaban moito. Unha era Irene Durán, que tamén está recollida no blog, e da que comentou que era unha grande mestra vocacional; e a outra achega é esta muller, Concepción Méndez Gándara, que é, precisamente, a nai de Xabier, que foi unha ourensá pioneira no eido da política. Sobre esta ourensá pioneira recomendo ir ao seguinte artigo elaborado polo propio Xabier e que recolle con grande detalle o periplo da súa nai: Concepción Méndez Gándara. 

Concepción Méndez é natural de Sandiás, terra da Limia, da que ela se sentiu sempre orgullosa e pola que se dispuxo a traballar. 

Estudou no colexio das Xosefinas de Ourense e despois fixo a carreira de maxisterio. Ao rematar estes estudos quixo realizar a carreira de Psicopedagoxía en Barcelona, e incluso chegou a matricularse pero, finalmente, optou por non marchar. Presentouse, entón, ás oposicións en 1966 e aprobounas.  Comezou  exerceu en diferentes escolas, sendo un dos seus primeiros destinos a praza de Requeixo en Chandrexa de Queixa. En 1966 foi nomeada para alfabetizar, xusto cando comezaba a súa traxectoria profesional. Exerceu durante moitos anos no CEIP Rosalía de Castro de Xinzo da Limia, así mesmo estivo de asesora do Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Juan Piñeiro Permuy e tamén do seguinte Conselleiro de Educación, Celso Currás Fernández e  xubiluse no Centro de Educación Para Adultos de Ourense en 2012, como pechando ese círculo vocacional pola propagación da cultura e por ofrecer esa oportunidade ás persoas adultas. 

  


En 1979, nos inicios da democracia española, ela formaba parte do partido Unión de Centro Democrático (UCD) e presentouse ás eleccións á alcaldía do Concello de Sandiás obtendo a maioría absoluta. Non cabe dúbida que foi unha proeza pois, por aquel entón, apenas había mulleres que participaran de xeito tan directo na política e tan só cinco ourensás máis ocupaban cargos como rexedoras de Concellos ourensás, referímonos a Elisa Nogueira, alcaldesa de San Cibrao; Carmen Lovelle, do de Verín; María Pilar Otilia López, no de Ramirás; María Belén Outeiriño, rexedora de Petín e Marina Cuquejo alcaldesa de Cualedro. Todas, xunto con Concepción, foron quen de exercer a política como un ben social. Foron seis alcaldesas pioneiras das sete que había en total en Galicia e das 104 que había en España.

Concepción militou en Coalición Galega cando se desintegrou UCD e, finalmente, integrouse no Partido Popular e foi gañando eleccións tras eleccións para a alcaldía de Sandiás, así mesmo, ostentaría o cargo como deputada na Deputación de Ourense. Sabía do sacrificio que iso supuña por ser muller e para unha muller, tal como manifestou nunha entrevista a La Voz de Galicia: "Las mujeres tenemos mucha dificultad, mucho que atender y muchas no pueden o no quieren sacrificar tanto...". 

Preguntáronlle nunha entrevista que lle fixeron en 20 Minutos publicada o 8 de setembro de 2008 se atopara actitudes machistas na política e ela respondeu: "Al principio sí. Algunos concejales creían que a una mujer había que ayudarla porque no sabría defenderse. Ahora somos muchas más mujeres y está todo mucho más normalizado". 

Era unha muller querida polos seus conveciños, era unha muller volcada no traballo, preocupaba pola súa comarca...... Unha muller humilde e tímida que dicía: " Soy una persona que estoy en política, pero en la política normalita, en la de alcaldesa. Me siento orgullosa de esto, pero nada más." En 2015 retirouse da política, despois de trinta e seis anos entregada ao servizo público. Non en van rendéronlle varias homenaxes e outorgáronlle galardóns.

Unha traxectoria que demostra, sen dúbida, a valía das mulleres en todos os eidos profesionais en igualdade cos homes.

Desde aquí, quero agradecer encarecidamente a Xabier Feixóo pola súa contribución a este blog e tamén por ofrecerme esta información dunha muller pioneira que rompeu moldes.

(Elaboración propia e información de Xabier Feixóo, fillo de Concepción Méndez Gándara. Fotos cedidas por Xabier Feixóo)