Por todo isto resalto moito o labor destas mestras que procuraron por si mesmas crear centros educativos nunha época nas que a sociedade non tiña á educación como primeiro requisito de progreso, e en menos valía consideraba a educación da muller.
Ao longo do blog vou mencionando numerosas mestras que crearon escolas para nenas co firme propósito de fomentar a educación. Para isto debían realizar unha serie de trámites polo que debemos imaxinárnolas levando documentos e escritos ás diferentes entidades.
De novo aquí resalto o labor de Pilar Rodríguez. Esta mestra solicitou en 1908 abrir unha Escola de párvulos e nenas no lugar de Xunqueira de Ambía, concretamente na casa que daba á rúa de San Roque ou do dous de Maio. O local atopábase no primeiro piso e indicou "Recibe luz directa de Poniente é indirecta de N. y E. La casa da por tres lados al campo ó á la calle" (1).
Na escola impartíase Lectura, Escritura, Aritmética, Doutrina Cristiá, Historia Sagrada e Labores.
Como material mobiliario contaba con mesas corridas, trinta banquiños, un mapa de España, pizarras e cadernos, material de labores e o crucifixo.
O horario de clases era de oito a once, ou de nove a doce pola mañá. E pola tarde era de dúas ás cinco. Había un recreo de quince minutos.
A máis disto, a mestra debía gardar o decoro polo que se ofrecía para acompañar ás nenas os domingos a catequese.
(Elaboración propia. Vid: Expedientes de solicitude de apertura de escolas privadas. A.I.O.P. Cartapacios)