Como saben aquelas persoas que consultan este blog, un dos principais intereses é destacar ás primeiras mestras ourensás que tiveron a iniciativa e o valor de exercer un traballo profesional nuns tempos nos que non era doado, por varios motivos, por unha banda, debido á mentalidade da época que, malia que non vía mal que se fose mestra, consideraba que o camiño preferible para unha muller era dedicarse á vida doméstica; por outra banda había que empregar grandes esforzos na carreira e máis engadir as dificultades posteriores para exercer en pobos remotos. Por isto e por moito máis, é loable destacar ás nosas primeiras mestras, ademais, Ourense ten a tradición de formar numerosos e bos docentes.
Aquí traemos un exemplo máis das primeiras que exerceron na provincia nos inicios do século XX.
Consuelo naceu en Ourense o 22 de agosto de 1892 e ao rematar os estudos primarios decidiu facer o ingreso no Maxisterio en 1910 cando tiña 18 anos. Seu pai era comerciante e a súa nai chamábase Blisa Pérez. Consuelo estudou os anos de grao elemental do maxisterio e sacou unhas cualificacións notables e despois preparou as oposicións na Academia dos irmáns Xesta onde estaba de profesor o seu propio irmán, Vicente Surribas.
(Fonte: Arquivo do Instituto Otero Pedrayo)
Foi opositar a León en 1913 e sacou a praza. Casou con Segundo Vázquez Nespereira que era Axudante da Estación Meteorolóxica da cidade.
(Fonte: La Región, 18 de decembro de 1913, p. 2)
Tras aprobar as oposicións mandárona en 1914 de interina á escola de nenas de Coles. De aí pasou, en 1916, á de Covelo e tras permanecer alí varios cursos foi destinada en 1923 para a escola mixta de Barcia. Pasados seis anos, en 1929, conseguíu a praza de párvulos de Ourense.
Pero Consuelo faleceu o 7 de xaneiro de 1935 cando tiña 43 anos. Uns anos falecera en Ceuta o seu irmán Vicente Surribas. Outra irmá, Rosa Surribas, falecera en 1926 aos 25 anos e tamén era mestra e deu clases en Berán. Rosa naceu o 13 de outubro de 1894 e fixo o exame de ingreso no Instituto o 7 de xuño de 1911, cando tiña dezasete anos, e estivo matriculada ata 1914. De aí pasou á Normal e despois comezou a exercer de mestra.
(Elaboración propia a partir de diversas fontes)Vid: Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930) tese de doutoramento publicada en CD polo Departamento de Normalización Ligüística da Universidade de Vigo; "Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)", en Historia de la educación: Revista interuniversitaria Nº26, 2007, pp. 437–470; La Región, 13 de setembro de 1914, p. 2; La Correspondencia Gallega, 9 de febreiro de 1916, p. 1; La Región, 23 de marzo de 1923, p. 1; La Región, 18 de decembro de 1929, p. 8; La Región, 8 de maio de 1932, p. 8; El Magisterio español, 14 de xullo de 1934, p. 17.