Etiquetas

23 septiembre 2022

MARTA DELGADO GONZÁLEZ

Naceu en Grou (Lobios) o 13 de agosto de 1962. Marta vivíu no pobo de Grou ata os doce anos. Veu estudar a Ourense pero  como di en referencia ao pobo: "sempre o considerei o meu sitio". Para ela estar no pobo é estar en contacto coa terra, en contacto cos animais.

Vivíu moitos anos en Ourense e rexentou unha tenda de arte na rúa Ervedelo durante vinte e cinco anos. Hoxe en día a tenda está ao cargo da filla. Dedicouse á arte e realizou varias exposicións. Ao casar marchou co seu home a Venezuela pero voltaron en 1981. 

Como muller ligada e moi vinculada coa arte dá valor ao patrimonio monumental, cultural e inmaterial de Grou.

Instalada en Grou crea a empresa "Mira Xurés" e fai un labor de guía para que se coñeza a zona, as súas xentes, os costumes...organiza roteiros histórico-culturais e tamén leva a cabo labores de recuperación etnográfica, artística e patrimonial. Ten propostas variadas. Leva aos turistas polos camiños do megalitismo e a Vía Nova romana na que aparecen miliarios que se atopan en perfecto estado. Recobrou a ruta do contrabando para recuperar a memoria da xente; tamén a ruta que une Grou con Queguas e Entrimo, un camiño que bordea altas cotas de montañas e de grande valor paisaxístico; e amais diso organiza no pobo un programa das faenas agrícolas como o cultivo do centeo e a muiñeira nos muíños da zona.

Outro dos aspectos no que se implicou de pleno foi no xurdimento dos follateiros como o entroido típico de Lobios ao que lle dedica moito tempo e enerxía conseguindo que estea entre os favoritos de todos os festivais e desfiles.

Dar relevancia e revivir o pobo de Grou foi o que motivou a Marta ao cambio de vida. A súa iniciativa e emprendemento é un exemplo para poñer en valor o noso territorio.

La Voz de Galicia e Ruralitas e datos ofrecidos pola súa filla Irma.