Etiquetas

15 marzo 2011

CELIA BOUZAS BARREIRO

Parte deste relato contoumo o fillo de Celia Bouzas, Manuel Peña Bouzas.

Celia Bouzas naceu o 21 de maio de 1891 en Viascón, Pontevedra, pero viviu en Ourense a maior parte da súa vida. Foi a presidenta do Grupo Feminino do Partido Galeguista e un referente histórico no compromiso polas mulleres e pola terra[1].

En Viascón, pasou a súa infancia, a súa adolescencia e coñeceu a Manuel Peña Rey, un estudante de medicina e fillo de Valentina Rey  (falecida en maio de 1936) e de Manuel Peña, co que casaría o 29 de xuño de 1912 e terían as dúas primeiras fillas, Esther e Marina[2]

En 1918, Manuel veu a exercer a Ourense e hospedouse no Hotel Miño da capital ourensá pero Celia e máis as nenas permanceron en Viascón. Un médico máis en Ourense era preciso xa que a cidade estaba ameazada pola epidemia da gripe. Manuel traballou arreo e gañouse a fama e a sona entre a xente da cidade. Isto deu lugar a que decidise quedar en Ourense, e foi entón cando viñeron Celia e as nenas, Esther con case seis anos e Mariña con catro. A súa chegada coincidiu coa inauguración da Ponte Nova, o 20 de xullo de 1918, que estaba iluminada con luces de gas e iso impresionou moito ás recén chegadas[3]. O matrimonio ficaría xa na cidade de Ourense e aquí aumentou a familia con tres fillos máis, Celia, María de los Ángeles e Manuel..

Tanto Manuel como Celia inculcaron aos seus fillos a necesidade de colaborar coa sociedade, eles xa eran un exemplo a seguir. As fillas maiores, Esther e Marina, dende unha idade adolescente comezaron a participar en eventos de carácter benéfico, como por exemplo, a Homenaxe á Vellez, que era unha exaltación e un recoñecemento ao traballo dos maiores, que se desenvolvía na rúa Paz Novoa e no que se daban discursos, recitais e interpretacións teatrais; tamén acudían ás cantinas escolares a ofrecer roupa e enseres para os nenos pobres da cidade.

Celia Bouzas foise integrando na vida ourensá e será un apoio importante para o seu home que abrira un sanatorio cirúrxico compartido co doutor José Mosquera e, uns anos máis adiante, inaugurou o seu propio sanatorio na rúa Vicente Pérez en 1931. Amais diso, era Director do Hospital Provincial e o Presidente do Colexio de Médicos da Ourense polo que o matrimonio gozaba de prestixio na cidade.

Pero Manuel Peña Rey ademais de ser un grande médico tamén foi un home de ampla cultura, un home moi preocupado polo recoñecemento de Galicia como país, motivo polo cal se adheriu ao grupo de intelectuais que conformaban o recén creado Partido Galeguista e ocupou en Ourense o cargo de Presidente da Asamblea Local no outubro de 1932.

O Partido Galeguista recoñecía a igualdade de dereitos políticos e civís para a muller, como así se indicou no artigo dous do Programa do Partido aprobado na I Asamblea celebrada no 5 e 6 de decembro de 1931[4]. Cando Peña Rey acudiu á II Asemblea nacional do partido, celebrada en Santiago de Compostela en decembro de 1932, chegouse a un acordo decisivo que era o de crear un grupo feminino do partido pois consideraban imprescindible o labor das mulleres no eido do galeguismo. As proclamas do Partido sobre a participación das mulleres nos obxectivos propostos dicían que elas traían unha aportación xenerosa e que eran a nova vida política do país. Seguro que unha das frases foi a que calou nas mulleres en xeral e en particular en Celia: “As nosas mulleres non poden esquecer o seu deber de axudar aos homes na mesma tarefa hestórica…”[5] Polo tanto, Celia identificouse con ese sentimento nacionalista chegando a comprometerse e implicarse no Partido en igualdade co seu home.

E no mes de setembro de 1933 fórmase o Grupo Feminino de Ourense do Partido Galeguista encabezada por Celia Bouzas Barreiro. Deste xeito, ambos os dous, Celia e Manuel, formarían parte do Partido Galeguista, el como un dos seus principais militantes e ela como a Presidenta do grupo feminino ourensán, un cargo levado con orgullo. Tamén se comprometeron as fillas do matrimonio, Esther, Marina e Ángeles.

As mulleres galeguistas ourensás comezan a participar activamente nos asuntos do partido sendo acollidas con grande afecto, tamén nos eventos sociais como as homenaxes ao Partido, como pode verse na fotografía[6].




Na asemblea extraordinaria celebrada o 21 de outubro de 1933 en Ourense para proclamar aos candidatos ás eleccións de novembro e que, por certo, duraría ata as sete da mañá, o grupo feminino foi recibido cunha grande ovación[7]. O grupo feminino do Partido, encabezadas por Celia, acudiu á III Asemblea Nacional que se celebrou en xaneiro de 1934 en Ourense no local da rúa Luís Espada, número 24, que viña a ser a consulta do doutor Peña Rey. (logo esa rúa pasou a chamarse Alejandro Outeiriño).

Tamén celebraban ás xuntas propias que adoitaban ser na rúa Luís Espada, número 21 de Ourense onde abordaron asuntos da directiva, a conveniencia de participación en Asembleas, as propostas para levar…etc. Asistiron tamén á III Asemblea Nacional que se celebrou en xaneiro de 1934 en Ourense no local da rúa Luís Espada número 24 e foron recibidas cunha intensa ovación e co respecto da concorrencia[8]. Na Asamblea tomou a palabra Mercedes Docampo e con contundencia dixo: “Si non triunfamos agora, deixaremos a semente que recollerán os nosos fillos n´unha Galicia millor”[9]. Acudiron á asemblea en Santiago no abril de 1935 e o acollemento non podía ser máis eloxioso: “N-este intre entra no salón unha numerosa excursión de Ourense ao frente da que veñem varias rapazas do grupo femenino ourensán. A asamblea ponse em pé e tribútalles unha longa ovación..”[10].



La Región, 1 de outubro de 1933

Celia, xunto con Mercedes Docampo, tiñan o cargo da presidencia e a secretaría respectivamente deste grupo de mulleres ourensás que comezaronn a divulgar a necesidade da querenza pola terra e por Galicia. Escribiron un dos manifestos máis destacados en prol do galeguismo e da muller. No manifesto expúñase a misión e o deber da muller galega de ser depositaria e gardiá da tradición. Este manifesto tivo grande transcendencia e repercusión en Galicia pois foi publicado tanto no periódico independente de Lalín, Razón, como en A Nosa Terra. Para o periódico Razón a calidade do texto merecíalle o seguinte exordio[11]:

Se oxe (sic) se levantara Napoleón, xa non podería decir como n´aquel tempo, que as mulleres solo sirven para remandalo-s calcetis; as mulleres d´oxe tanto figuran no foro, como nas letras, como nas crenzas, como nas artes; a muller d´oxe en día, tan pronto atende os traballos d´o fogar como se pon o frente d´un exército en defensa d´a Terra que a veu nacer; a muller d´oxe en día danos os homes un exemplo moi grande que non debemos votar no olvido.

Vede, senón, ese manifesto que un grupo de distinguidas mulleres ourensás, vos pon deante chamándovos a todal-as mulleres a unión. Fixádevos ven e cavilade un pouco, xa veredes como, acabando por convencervos d´a realidade, acabaredes por acudir o chamamento d´esas compañeiras vosas que merecen o respeto, a ademiración i-o recoñecemento de tod-os vos galegos”[12]

O manifesto publicado íntegro nos dous xornais dicía textualmente o seguinte:

Niste momento en que Galicia háchase (sic) máis necesitada que nunca de agarimo e de todos os esforzos dos seus fillos, pra defensa dos seus dereitos descoñecidos e feridos de toda sorte, coidamos que é cando a muller galega, chamada á vida púbrica (sic) por imperativos dos tempos que corre, e por a natureza ha ser no lugar a conservadora das tradicións dos nosos maiores e a educadora dos galegos de manan, debe coller decididamente o posto que lle corresponde.

Enrolándonos baixo da bandeira de Galicia, pra defendermos o que nos e mais achegado e mais querido imos aportar a nosa vontade o noso entusiasmo á obra dos que queren erguer a Patria galega á outura e dinidade de que é merecente. Non para misturarnos na política partidista nen con propósitos de escrusividade e de combate, senón co corrazón aberto e limpa intención, chamar á concordia e á unidade a todo-los fillos de Galiza para que, esquencendo por unha vez os motivos que os dividan veñan a colaborar na obra común, pol-a dinidade, pol-a prosperidade e pol-o bon goberno da nosa Terra. Porque como mulleres e como galegas máis que o poder impórtanos o espríto; e máis que a forza a boa vontade.


Coma mulleres e como galegas, a nosa misión ten que ser de paz e de afirmanza. En ben da nosa Terra, chamamos á concordia e á unión a tódolos fillos de Galicia, por unha obra de construcción e de vida, non pra unha laboura negativa e destructora.

A todolos fillos de Galiza, máis especialmente ás mulleres, a estas mulleres galegas de cuia abanegación, de cuio bon senso, de cuia xenerosidade tanto debemos fiar.

Chamamos ao voso corazón de fillas e de nais; pola lembranza dos autergos e polo porvir dos nosos fillos; pol-o noso fogar, pol-a nosa tradición, pol-a nosa cultura, pol-a nosa fala, pola nosa prosperidade coleitiva, pol-a limpeza política, pol-a paz social, vinde a nós.

Para todas, o noso saúdo cordial.

Ourense, 25 de Sant-Yago de 1933[13].

O manifesto estaba asinado polas mulleres ourensás que estaban moi ligadas ao ambiente cultural de cidade e participaban do desexo do recoñecemento de Galicia cunha cultura, fala, historia propia e, polo tanto, defendían o amor pola terra. Algunhas delas eran as mulleres de ilustres galeguistas: Josefina Bustamante de O.Pedrayo, Emilia Blanco de Monjardín, Milagros Rodríguez de Cuevillas, Celia Bouzas de Peña, Juana Somoza de G.Salgado, Isabel Algarra de Ramón, María del Socorro R.de Guede, María do Carmen Fernández de Risco, Mercedes do Campo, Felisa Mª Morais, María Teresa Cortón, Carmela Salgado, Catalina Cid, Manuela Ventura, Rosa do Campo, Carmen G. Rodríguez, Pura González, Marina Peña, Ester Peña, Maruja G. Quiroga, Victoria González Quiroga, Maruja G. Gándara.

O seu activismo mantívose no decorrer dos anos e os pasos no compromiso político eran cada vez máis avanzados invitando á participación das mulleres na organización nacionalista como o publicado en A Nosa Terra:

“Ás nosas irmáns galegas dirixímoslle un saúdo e ao mesmo tempo as animamos e rogamos que lean con amor ista carta e pensen un pouco nos seus párrafos.

Sabemos que son moitas as donas galegas que teñen falado da nosa decisión ao organizarse en Ourense un Grupo Femenino Galeguista e algunhas teñen loubado a nosa boa idea. ¿Por qué non vos xuntades, como nos o temos feito, se levades dentro ise acneio que sentimos as donas galegas de poder vivir n-unha (sic) Terra ceibe, que hoxe está enlixada pol-a ambición de xentes que non sinten coma nós, nin falan como nós, nin n-ela disfroitan como nós, porque a descoñocen e nos caloñan e persiguen sen nos escoitare? ¿Cecais teñen medo de que as convenzamos? Pode ser. Certamente, son un impedimento pr´as nosas arelas que son ben fidalgas e desinteresadas.

Por iso, ousamos dar iste paso coa seguranza de que non vos demoraredes en seguire o noso exemplo, formando un Grupo Femenino, e, podendo, con meirande número de afiliadas eiquí. Somos arredor de medio coento na cibdade e sabemos que se están organizando outros Grupos nos pobos da comarca.

¡Adiante, mulleres patriotas da nosa Terra. Todo por Galicia, sen importarvos que comentarán os vosos aitos e que poidan censurarvos. Como se trata de traballar pol-a nosa Patria, podedes levar a frente ergueita e por elo sentiredevos orgullosos ao iual das vosas irmáns de Ourense. Adiante ¡TERRA A NOSA![14]

O impacto desta agrupación foi decisivo para que noutras partes de Galicia, outras mulleres crearan os seus propios grupos. Dese Coruña Elvira Bao de Varela sentiu esa chamada á unión das mulleres pola defensa da terra e para que contaran con ela para a prosperidade colectiva de Galicia.Di a carta publicada en A Nosta Terra :

Doña Celia Bouzas de Peña. Ao seu debido tempo, escoitei o voso chamamento para formar na ringleira das mulleres galegas, que temos a obriga de facer unha Galiza grande, rica e plena de libertade. Chamáchedes ao meu corazón de filla e de nai; pol-a lembranza sagra dos meus antergos e pol-o porvir dos meus fillos; pol-a nosa prosperidade colectiva, pol-a limpeza política, pol-a nosa fala e pol-a paz social. Ao voso chamamento púxenme en pé decindo. ¡presente!. Alédame escoitar a vosa voz en que fun educada na Irmandade da fala na Cruña fai uns 14 anos; vexo que a nosa semente non votada en valde. Pol-a grave doenza que padece a miña nai non tiven vagar para ofrendarvos antes de hoxe todo o meu entusiasmo galeguista; mais estiven de cote con vosco en espíritu. Contade, pois, conmigo en todo o que poida ser preciso, o agardando as vosas indicacións a seguir. Saúdavos con todo agarimo vosa irmán na causa. Elvira Bao Maceiras de Varela[15]

Coa chegada da ditadura, Manuel e Celia estaban no punto de mira das autoridades do novo réxime polas súas ideas galeguistas e republicanas e o matrimonio vai sentir a opresión e a represión. Manuel Peña Rey foi encarcerado en O Carballiño durante un tempo e Celia tivo que sacar adiante á familia sen apenas recursos xa que lle fora incautado o capital e tiña que pedir permiso ás autoridades para poder sacar cartos para dar comer aos seus fillos. Foron moi malos tempos pero Celia foi todo aguante e mantivo o tesón e a templanza suficiente para sacar aos seus fillos adiante. O castigo foi duro para a familia pois Manuel foi inhabilitado durante oito anos. Cando Manuel quedou libre volveu de novo ao traballo e, en 1940, abriu no Parque de San Lázaro un Sanatorio de Xinecoloxía e Obstetricia con dez habitacións individuais. O sanatorio ofrecía uns servizos con grandes adiantos e modernidades. O papel de Celia foi fundamental pois colleu as rendas da intendencia do Sanatorio e encargábase do bo funcionamento da cociña, de facer balance do material que facía falla, da hixiene do local, do persoal do sanatorio...todo en beneficio de ofrecer un servizo e a atención o máis adecuada posible para as mulleres. O matrimonio converteríase nun referente para todas as ourensás que precisaban o servizo de xinecoloxía e que ata entón non existía.

O sanatorio ofrecía uns servizos con grandes adiantos e modernidades. E durante este tempo, os fillos foron medrando e implicándose no galeguismo e algúns optaron polo camiño da medicina seguindo os pasos do pai. Esther fixo o bacharelato no Instituto Provincial e logo casou con Eduardo Rodríguez Cantero que veu a Ourense en 1934 como empregado do Banco Simeón e con quen tivo dous fillos. Esther faleceu dunha longa doenza o 28 de agosto de 1964 e está enterrada no Cemiterio de San Francisco de Ourense.

Marina, despois de ter o título de bacharelato no Instituto Provincial, decidiu facer estudos de Farmacia e con vinte anos trasladouse á Residencia de Madrid onde coñeceu a Luís Fanjul, un médico republicano, co que casou. Durante a guerra Luís foi Tenente Coronel Médico do exército republicano e tiveron que separarse un tempo. Ao remate da guerra, en 1940 exiliáronse a México e fundaron un laboratorio xunto a Blas Cabrera. Permaneceron alí o resto da súa vida. Marina faleceu en México aos 83 anos.

De Celia e Ángeles temos menos información e o que se puido pescudar foi que Celia Peña Bouzas foi alumna do Colexio das Carmelitas e casou con Manuel Echegoyen Dibildos, un dos socios fundadores da Academia Médico-Cirúrxica de Ourense. Faleceu o 13 de maio de 2011. E Ángeles tamén fixo estudos no Colexio das Carmelitas e casou con Nicolás Martínez Álvarez que era funcionario do Corpo Técnico da Garda Civil e Xefe Provincial de Tráfico en Ourense. Participou nun acto de homenaxe ao seu pai, xunto co seu irmán Manuel, o 28 de novembro de 2015 e decubriron unha placa no lugar onde tivo o sanatorio.

Outro dos fillos, Manuel o máis novo, tamén decidiu facer a carreira de Medicina e terá unha traxectoria profesional moi destacable pois a pegada do seu pai quedou firmemente gravada. Será un home con ideas moi arraigadas de xustiza social e un militante activo que ocupou o cargo de Secretario do Partido Comunista de Galicia.

Celia continuou implicada na xestión do Sanatorio xunto con Manuel ata que, lamentablemente, este faleceu o 30 de abril do ano 1957. A partir de entón Celia Bouzas axudaría na crianza dos netos e continuou mantendo as súas relacións sociais e de amizade coas mulleres que estiveran no Grupo Feminino do Partido Galeguista.

Celia Bouzas, faleceu, o 2 de agosto de 1989, cando tiña 98 anos, e está enterrada no panteón familiar no Cemiterio de San Francisco de Ourense (concretamente atópase dito pantenón segundo a dixitalización do Concello de Ourense no punto siñalado para Peña Rey como nº 30).


La Región, 3 de agosto de 1989.
______

[1] O dato de nacemento de Celia foime facilitado polo seu fillo con quen mantiven unha pequena charla telefónica. Segundo me dixo aínda conserva o carnet de identidade da súa nai. Así mesmo, tamén me contou trazos da vida dos seus pais.
[2] Progreso, 30 de xuño de 1912.
[3] Este dato anecdótico narroumo don Manuel.
[4] A Nosa Terra, 24 de xuño de 1933, p.7.
[5] “Manifesto” en Partido Galeguista. Documentos e I e II Asambreia 1931-1932, citado por Noa Rios Bergantinhos, A mulher no nacionalismo galego (1900-1936) Ideología e realidade, (Santiago de Compostela, Laiovento, 2001) p. 45.
[6] A fotografía amosa unha comida que se fixo de confraternización dos membros do partido celebrada en 1933 e nela vemos sentados no quinto lugar comezando pola esquerda a dona Esther Peña Bouzas e no sétimo a don Manuel Peña Rey. https://commons.wikimedia.org/wiki/File:16-6-1933,_Hotel_Mi%C3%B1o,_Ourense,_VRisco_RIllaCouto_LeuterGonz%C3%A1lez_%C3%81Cunqueiro_EDocet_MLu%C3%ADsAcu%C3%B1a_OPedrayo_BlancoAmor_XLRamosColem%C3%A1n_RV%C3%A1zquezMonxard%C3%ADn_AV%C3%A1zquezMonxard%C3%ADn_MPe%C3%B1aRei_Xos%C3%A9Goyanes....jpg
[7] “Partido Galleguista”, La Región, 24 de outubro de 1933.
[8] La Región, 11 de xaneiro de 1934.
[9] III Asamblea, El Pueblo Gallego, 17 de xaneiro de 1934.
[10] IV Assembleia do Partido Galeguista”, A Nosa Terra, 28 de xaneiro de 1934, p. 1.
[11] Rosa María Cid Galante, “O grao de participación da muller ourensá en movementos asociativos, políticos e reivindicativos (1920-1936”, Minius, 14 (2006:66-67)
[12] “As mulleres galegas”, Razón, Periódico independiente, Lalín, nº 2, 3-Agosto-1933 en, Mª Xosé Rodríguez Galdo (coord.), Textos para a Historia das mulleres en Galicia, (Santiago, Consello da Cultura Galega, 1999, not. 24), pp. 575-576.
[13] “Exemplos”, A Nosa Terra, 6 de agosto de 1933, pp. 1-2.
[14] “Un chamamento ás mulleres galegas”, A Nosa Terra, 22-9-1934, p. 2.
[15] A Nosa Terra, 9 de outubro de 1933, p. 4.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Cid Galante, Rosa María, “O grao de participación da muller ourensá en movementos asociativos, políticos e reivindicativos (1920-1936”, Minius, 14 (2006): 57-72.
Prada Rodríguez, Xulio, “Manuel Peña Rey, un nacionalista no punto de mira dos rebeldes”, Revista Grial, 187 (2010) 60-67.
Rios Bergantinhos, Noa, A mulher no nacionalismo galego (1900-1936) Ideología e realidade, Santiago de Compostela, Laiovento, 2001.
Rodríguez Galgo, Mª Xosé, Textos para a Historia das mulleres en Galicia, Santiago, Consello da Cultura Galega, 1999.
Foto: A foto foi cedida polo fillo de Celia Bouzas, Don Manuel Peña Bouzas

Rexistro da propiedade intelectual