En 1939 a Comisión Depuradora do persoal de maxisterio primario, con arranxo ao disposto no artigo terceiro da Orde de 10 de novembro de 1936 da Presidencia da Xunta Técnica do Estado, requeriu a Asela que notificase á Comisión no prazo de dez días o seu enderezo e debía facelo nas oficinas do Instituto Nacional de Segunda Ensinanza, e que se non o facía seguríase o expediente que se lle instruiu.
Na guerra civil, como todos os docentes debía acreditar unha serie de certificados. En xullo de 1937 debía presentar avais de boa conduta e de ter feito o Servizo Social, de non facelo quedarían fóra das interinidades. Logo en novembro de 1937 Asela debía enviar un certificado acreditativo de adhesión ao Movemento Nacionale para o cal tiña un prazo cinco días. Non sabemos se sería ese o motivo da súa sanción, isto é, puidera ser que a mestra non chegara a facer a presentación do mesmo.
O caso é que Asela estaba en 1940 na escola de Ferreirós, alí levaba exercendo desde 1936. Estando nesta escola, a Comisión sancionouna co traslado forzoso dentro da provincia e coa prohibición de concursar a posto vacante e ao desempeño de cargos directivos por un período de dous anos. Os motivos da sanción serían os que viñan sendo habituais, algunha acusación particular, algún mal informe por parte das forzas vivas do pobo, etc. O caso é que, no seu expediente figuraría esta mácula. Non obstante, afortunadamente, puido seguir exercendo e non perdeu o emprego e o soldo.
En 1947 exerceu na escola de Pardecondes, en Esgos. Como interina tivo que optar a escolas rurais e no 1953 adxudicáronlle a Romaelle en Oviedo. Logo volveu á provincia e en 1964 destinárona en propiedade provisional para a escola de Arzoa, en Vilardevós. En 1965 presentouse ás oposicións por acceso restrinxido, segundo consta no Boletín Oficial do Estado do 12 de agosto dese ano. Superounas e foi destinada á escola de Pintás, en Calvos de Randín.
Junta provincial de Primera Enseñanza. (1940, 25 xullo). La Región, p.2; De interés para algunas aspirantes a interinidades. (1937, 12 novembro). El Pueblo Gallego, p. 7; Comisión Depuradora. (1939, 19 de xullo). La Región, p. 2; Relación de maestros de esta provincia que han sido sandcionados. (1940, 8 maio). La Región, p. 5; Magisterio. (1947, 11 de marzo). La Región, p. 2; Magisterio. Comisión permanente. (1964, 15 xaneiro). La Región, p. 3; Archivo General de la Administración; Signatura: 32/12800 | Ferreiros (Ourense) | Depuracion (1936-1942); Purebas de promoción. Escuela Española, (1966). nº 1445, p. 822.