Etiquetas

05 diciembre 2021

ELENA FALQUÉ LÓPEZ

 
Traio ao blog a unha muller que merecía reseñar polo seu grande currículo e profesionalidade tanto na investigación como na docencia universitaria. Trátase de Elena Falqué López, profesora titular na Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo na Área de Química Analítica. É unha experta no mundo da enoloxía, do aroma de cepas autóctonas de Galicia e a composición volátil dos viños.

Naceu en xuño de 1966 en Ourense, aínda que a familia materna é de Madrid e a paterna de Vigo. Dende moi pequena comezou a manifestar grandes dotes para aprendizaxe o que deu lugar a que fora ao colexio cando aínda tiña dous anos e medio porque, como ela di: “ quería ser como os maiores”. Por aquel entón foi acollida no Colexio de parvulario que había na Avenida de Zamora sendo a súa primeira mestra, Doña Esther, de aí que se viñera chamando á escola “Colegio de Doña Esther”. De aí pasou ao Colexio Sueiro, na rúa Parada Justel, para estudar a EXB. A directora do centro, Dona Paz Sueiro, decatouse de que estaba ante unha nena de altas capacidades e decidiu adiantala un curso deste xeito “non molestaba” aos outros nenos pois Elena aburríase xa que sabía ler, escribir e facer as operación matemáticas básicas. Tamén comezaron a darlle clases de francés e chegou a participar nun periódico que se facía no colexio. Malia adiantala un curso, xustamente neses anos publicaron unha lei que non permitía adiantar ao alumnado de curso polo que, ao fin, tivo que repetir e rematar o ensino básico á idade regulamentada, que eran os catorce anos.

Logo de estudar a EXB realizou os estudos de BUP e COU no Instituto Otero Pedrayo pola rama de Ciencias, onde volveu a ser unha destacadísima alumna, cunha grande capacidade de traballo e de comprensión das operación máis complexas do mundo das Ciencias. Tiña un grande talento para as matemáticas, formulacións, algoritmos, física, química…eran temas que a apaixoaban. Por suposto, rematou o bacharelato cunhas brillantes cualificacións o que lle auguraba un grande futuro.

Comezou a Licenciatura de Ciencias Químicas no antigo Colexio Universitario de Ourense que estaba situado na rúa do Progreso. Alí cursou tres anos e os dous últimos 4º y 5º en Santiago de Compostela, licenciándose en 1990 na especialidade de Química Analítica. Logo graduouse en 1993 na Universidade de Vigo.

Por suposto, Elena quería acadar un maior grao de especialización e de aí que realizase os Cursos de Doutoramento nos anos 1990 a 1992. En novembro de 1992 marchou cunha beca á Faculté d´Oenologie de Burdeos en Francia. Acudiría en tres ocasións máis para realizar a parte experimental da súa Tese de Doutoramento que foi defendida en setembro de 1998 obtendo o Título de Doutora en Química "cum laude" pola Universidade de Vigo.

A capacidade de estudo levouna a licenciarse tamén en Ciencias e Tecnoloxía dos Alimentos en setembro de 1996. Así mesmo, realizou varias estancias de investigación postdoutoral, en 1999, 2004 e 2010, na Escola Superior de Biotecnoloxía da Universidade Católica Portuguesa (Oporto-Portugal).

Comezou traballando na empresa privada e estivo uns meses como analista de laboratorio en Tecvin e en Coren. Pero a Elena gustáballe o mundo da docencia, transmitir e compartir os seus coñecementos e en 1995 comezou a carreira como docente universitaria a tempo completo. En 2007, tras superar a probas de Habilitación Nacional, obtivo a Praza de Profesora Titular da Universidade de Química Analítica.

Imparte, desde fai anos, docencia nos Graos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias Ambientais e Enxeñería Agraria, e no Mestrado en “Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental” ofertados na Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo (Campus de Ourense). Tamén é unha profesora preocupada pola docencia de aí que as súas clases teñan un gran compoñente práctico e didáctico conseguindo elevar a motivación do alumnado. Desde 2010, imparte no curso de ‘Pós-Graduação em Enologia’, ofertado pola Escola Superior de Biotecnoloxía da Universidade Católica Portuguesa (Oporto – Portugal). As súas liña de investigación son o Estudo químico e sensorial do aroma dos alimentos e bebidas; a optimización das operación tecnolóxicas na elaboración de alimentos e bebidas e a caracterización do poder antioxidante e aromático de diversas matrices agroalimentarias.

Elena representa a esas mulleres que demostran un nivel de formación e de profesionalidade que as sitúan nun plano de plena igualdade cos seus homólogos. É unha muller con grande capacidade decisoria e resolutiva, de aí que fose Directora das tres edicións do mestrado en Viticultura e Enoloxía que ofertou a Universidade de Vigo durante os anos 2005 a 2010. Ademais foi a Coordinadora do X Congreso Nacional de Enoloxía que tivo lugar do 3 ao 5 de xuño de 2009 en Ourense.

Entre xuño de 2014 e marzo de 2015 formou parte do Grupo de Traballo AEN/CTN/GT 2 da Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR) para describir a “Terminología asociada a la cata del vino”.

A máis de todo o anterior, que non é nada pouco, tamén ten unha patente sobre o “procedemento para a elaboración de turrón de belota”, e, xunto a Herminia Domínguez (que tamén está recollida neste blog) e outras dúas investigadoras, outra sobre “Extractos acuosos antioxidantes de materias primas, procedemento de obtención y su uso en la composición de un produto cosmético y/o dermatológico” que está en trámite. Mulleres no mundo da ciencia, mulleres da investigación.

Impartiu diversas conferencias e diversos cursos sobre as augas minerais naturais (propiedades físico-químicas e cata) ofertados pola Facultade de Ciencias, o Vicerreitorado do Campus de Ourense, o Concello de Ourense ou na Semana das Ciencias, polo Concello de Pontareas (Pontevedra).

Elena sabe que se move nun terreo onde o acceso das mulleres aínda é menor que noutros estudos e carreiras por iso tamén se compromete coa causa de que as mozas se acheguen ás Ciencias e á investigación e desde o seu inicio, en febreiro de 2018, participou con algunha actividade de divulgación científica na iniciativa “Exxperimenta en feminino” (eXXperimenta en feminino (uvigo.es)) para promover a visibilidade das mulleres científicas e impulsar o interese das nenas pola ciencia e a tecnoloxía

A investigación é outra das ocupacións de Elena, a súa curiosidade lévaa a querer comprender e sacar á luz todo un mundo de saberes. A súa grande paixón é o aroma do viño, sobre todo dos elaborados con variedades autóctonas galegas. Foi o tema da súa tese de doutoramento e sen dúbida foi pioneira no seu estudo.

Hoxe en día, continúa con ese tema dirixindo Traballos de Fin de Grao, Traballos de Fin de Mestrados e Teses de Doutoramento… aínda que hoxe o ampliou á caracterización do potencial antioxidante e aromático de diversos alimentos (algas, augas, flores, vexetais, etc…) ou subprodutos (residuos agroalimentarios) e o seu uso no campo alimentario ou cosmético.

Completamos este resumo da traxectoria de Elena Falqué indicando que conta con numerosas publicacións (Elena Falqué López (0000-0003-4944-1264) (orcid.org); Elena Falqué-López | Publons e un centenar de comunicacións (tipo póster u oral) en Congresos Nacionais e Internacionais.

Estamos ante unha muller do presente, que segue a marcha demostrando a valía e a achega das mulleres nos diferentes eidos da vida.

Elena é unha muller de grande personalidade e segura de si mesma, unha muller intelectual que lle dedica horas e horas ao estudo e á investigación. Está labrando un camiño que será exemplo de moitas mulleres, de moitas mozas e seguirá avanzando para trazalo máis grande. A valía desta muller e todos os seus logros falan por si mesmos pois son de recoñecido prestixio, unha referente, unha ourensá.