Etiquetas

23 abril 2023

ELISA REIGADA PÉREZ

(Entrada rexistrada. Non se permite copia)

Naceu o 19 de outubro de 1912 en Vilardevós, Verín[1]. Os seus pais eran Ángel Reigada e Genoveva Pérez e vivían en Mariñamansa, en Ourense. Matriculouse no Instituto de Ourense en 1925 e estivo ata 1927 para continuar na Normal. Unha vez titulada en maxisterio no ano 1931 solicitou cubrir interinidades e déronlle a escola de Titores, en Verín e posteriormente colleu a praza da escola de Vences. Outorgáronlle a escola de Salgueiros de Xunqueira de Ambía en 1932 pero sería cesada desta escola por non dar persoalmente a ensinanza. Continuou na de Vences como interina e durante ese tempo presentouse aos cursiños de selección profesional para o maxisterio que foron superados sobradamente e con moi boa puntuación.

Casou en 1933 co tamén mestre Leonardo Cudeiro. En maio de 1937 estivo de permiso por maternidade e en agosto enviou unha instancia para solicitar traslado á escola de nenas de Mariñamansa en Ourense pero foi desestimada. 

Pero, tal como lles acontecera ás súas outras compañeiras, tamén Elisa pasou polo proceso de depuración[2]. A Comisión solicitou informes ás forzas vivas do pobo onde exercía a mestra e, en efecto, o cura-párroco de Santa Eulalia de Vences procedeu de inmediato co envío dun escrito o 20 de xaneiro de 1937 no que indicou que tiña noticias de «persoas fidedignas» e que tamén puido comprobar el mesmo en persoa, de que a mestra “se hallaba suscrita al «Ateo Orensano» aunque ignoraba la fecha en que lo hizo, lo mismo abiertamente encuadrada en el «Frente Popular» al que entusiastamente defendía[3]. Continuaba o párroco dicindo que non podía concretar se estaba afiliada a algún dos seus partidos como tampouco “a algunas de las sociedades secretas”. 

 Logo especificou que no referente ao labor escolar “cumpría deficientisimamente” e indicou que faltaba ás clases motivo polo cal o pobo protestara varias veces e “llegando al extremo dando crédito a un compañero suyo maestro, a quien le había confiado el secreto de intentar obtener certificado de médico de enfermedad por un mes estando en plena salud a fin de burlar su obligación de enseñar[4]. Detallou que a mestra pernoctaba en Verín onde tiñan un concepto de la de ser de esquerdas. No relativo á cuestión relixiosa dixo que era totalmente anticlerical e de escasísima fe e que tan só acudira a algunha festividade. 

Curiosamente, o Comandante da Garda Civil de Ourense no posto de Verín emitiu un informe o 5 de marzo de 1937, uns meses despois da acusación do párroco, no que indicou que Elisa servira na escola de Tintores en calidade de interina desde febreiro a xullo de 1934 e non ten constancia de que durante ese tempo a mestra pertencera a ningún partido da Fronte Popular, nin a asociacións secretas, que o seu labor na escola así como a súa conduta moral, política e social foron boas e nunca fixo ningunha propaganda disolvente nin dentro nin fóra da escola[5]

O caso foi que Don Emilio Nieto Rodríguez, secretario de esta Comisión Depuradora certificou un informe o 20 de novembro de 1937 moi interesante xa que manifesta poñer en dúbida o escrito do párroco acusando á mestra pois este mesmo emitira outros nos que a «canonizaba»: 

Certifico: Que en el informe emitido por el Sr. Cura de Pazos consta el que dice: Esta digna Comisión D (depuradora) ha de tener cuidado con el informe que de la maestra nacional de Vences Doña Elisa Reigada Pérez, dé el Sr. Cura, pues siendo de las de puño en alto y otras hierbas más, todas malas, se le incoo expediente, valiéndose de manejos y recomendaciones, ese Sr. Cura vuelve a dar un segundo informe contrario al primero canonizándola, y con otros más como el del Jefe Local de Falange de Monterrey, que por no discrepar de los otros informadores, según él mismo declaró, informó favorablemente, consiguiendo así sobreseer el expediente[6].

Non obstante, malia as contradicións acusatorias, o 24 de decembro de 1937 imputáronselle a Elisa Reigada seis cargos que foron o de estar afiliada á Fronte Popular á que defendía con “entusiasmo” e tamén saudaba co puño en alto deixando ver a súa “tendencia extremista”. Outros cargos foron que na escola daba ensinanzas antirrelixiosas; que non cumpría cos deberes relixiosos e era descaradamente anticlerical; que na súa vida privada era inmoral; que o seu labor pedagóxico era moi deficiente e faltaba frecuentemente á escola e, por último, que era déspota, “holgazana” e “ineducada”[7]

En contestación a esta acusación Elisa presentou un prego de descargos con todo detalle de explicacións. En primeiro lugar negou, sobre o informe emitido polo sacerdote, toda a acusación considerando que non tiña probas para demostrar toda a argumentación esgrimida e que a acusación seguía o expoñente político e de xeito implacable polo que «El que prueba con exceso nada prueba». Manifestou a mestra que había un informe do comandante da Garda Civil na que facía referencia á súa boa conduta, polo que debería terse en consideración. Argumentou que o informe acusatorio foi obra da inimizade polo que non era de estrañar que o delator tamén fomentase un ambiente hostil contra ela dando lugar a partes negativos. 

Deféndese da acusación de pertencer e militar na Fronte Popular argumentando que tampouco se achegara proba de adhesión completa a dito núcleo e dicíase só que era “simpatizante”, pero di que si é defensora da xustiza social que, segundo ela, defendeu o propio León XIII e tamén é unha das bases que incitou ao alzamento militar, polo tanto: 

Que por otra parte, si por alguien se quisieron cotizar como simpatía frente-populista de la que suscribe sus manifestaciones, que nunca velo ni oculto ahora, de que toda política de regeneración a de vincularse a una amplia y segura actuación de la justicia social, no ha de olvidarse que aquello es base fundamental de la sociología cristiana que León XIII proclamara; que constituye el aliento de los atados que se constituyen a regimen totalitario; que todos los días se recuerda por los organos del estado Español que la instauración de esa Justicia es lo que primeramente legitima la cruenta lucha que hoy se desarrolla en el suelo de nuestra Patria; y que sobre todo, si aun en ciertos sectores surge el escándalo, mas o menos recatado, cuando se habla de la necesidad de esa Justicia, resultara que el oculto acusador de la que expone, al unirse al coro de los escandalizados mucho mas alejado que ella estará del espíritu del Glorioso Movimiento que exige las depuraciones que mueven este expediente.[8]

Por outra banda, entende a mestra que a súa defensa da xustiza social está liguada aos principios do Evanxelio e que “…la que expone permanecion (sic) de siempre a las agrupaciones religiosas que se sustentan precisamente sobre todas las doctrinas, ello ininterrumpidamente y cuanto a aquellas manifestaciones piadosas y de cultivo espiritual…”[9]. E isto como di, vén a ser incompatible cos significados da Fronte Popular. 

Nesta carta de descargos fai mención dos informes favorables que achega do Sarxento Comandante do Posto da Garda Civil de Verín, Don Ceferino García Macia quen certificou que a mestra de Vences era de boa conduta e que se ben fora simpatizante do Movemento Nacional coa Fronte Popular, cando se iniciou o Glorioso Movemento cambiou radicalmente de opinión simpatizando co mesmo e continuou observando boa conduta político social[10]. Outro informe de Ramón Taboada Chivite quen alegou que coñecía á mestra e que sempre actuou conforme ás normas patrióticas[11]. Ademais Elisa para acreditar a súa filiación relixiosa achega o carnet de ingreso na Orden dos Terciarios da Merced; un certificado de formar parte dos Coros da Asociación do Sagrado Corazón; de ser membro da Asociación Jueves Eucarísticos de Verín; de que cumpriu sempre co Precepto Pascual. Do sacerdote da Trindade de Ourense tamén achegou un escrito no que afirmaba que Elisa non pertencera a partidos de esquerda… Unha serie de xustificantes que garantían a súa traxectoria na moral cristiá, algo que era moi valorado pola Comisión Depuradora. Todo isto xunto cos certificados dos pedáneos de Verín, Monterrei e incluso o Xefe Local da Falanxe Española de Verín e informes dos pais parecían servir para exoneralas dos cargos e, en efecto, puido continuar exercendo como mestra. A propia inspectora Antonia Ortiz informou sobre o bo facer a mestra na escola que rexentaba e que sempre cumpriu cos seus deberes profesionais e coas disposicións emanadas da superioridade en respecto relixioso e patriótico.[12]

Mais en febreiro de 1938 o presidente da Comisión Depuradora manifestou que figuraba que a mestra fora socia de ATEO e subscritora da revista da agrupación. 

De novo a mestra engade outra carga de descargos indicando que era falso e manifestou:

No desconoce esa Comisión Depuradora que las listas de la ATEO fueron hechas en la imaginación de una porción de Srs. Maestros, que eregidos en mangoneadores, estamparon emparapetados en el poder oficial una porción de nombres de maestros y maestras que no solicitaron ni pretendieron de forma hablada o escrita tal admisión, pues conociendo los fines que perseguía dicha asociación, que eran todos ellos de tipo sesctario, partidista y de un profundo sentido de adversidad a la moral cristiana y a la educación española, circunstancias estas que nos colocaban en forma diatralmente opuesta, por ello la que suscribe no penso ni remotamente en afiliarse ni compartir el marchamo de la citada agrupación del magisterio, pues ahora como antes la misma posición religiosa, política, profesional y social lo que pueden comprobar los componentes de ese Tribunal.

Y referente a ser suscriptora de la revista de la citada agrupación profesional, podra sacar la Comisión la conclusión de la no existencia de tal suscripción ya que jamas tuve periodico profesional ni político adquiriendo todos los datos que necesitaba para la vida profesional en la Gaceta de Madrid y Boletín Oficial de la provincia y cuando estes no me era facil adquirirlos me ponía al corriente de las disposiciones mi marido, que es maestro nacional…[13]

Pero, lamentablemente, non tivo sorte e Elisa foi sancionada o 24 de abril de 1940 con dous anos de emprego e soldo e de cinco anos de traslado forzoso fóra da provincia e destinárona ao pobo de Valvonilla, na provincia de Burgos. Revisado o seu expediente por parte da Comisión, esta emite un documento o 18 de setembro de 1941 no que fixo alusión aos informes presentados pola mestra sobre a súa manifesta relixiosidade e a boa conduta que certificaran os alcaldes polo que a Comisión decidiu atenuar a sanción imposta, a raíz desta decisión concedéronlle en 1941 a escola de Piñor de Barbadás e acabaría exercendo na escola de Mariñamansa conseguido o traslado por consorte xa que se atopaba alí de mestre o seu home: 

  …procede atenuar la sanción impuesta y habiendo sufrido ya larga suspensión y no pareciendo existir inconveniente para el retorno al mismo pueblo, puesto que los informes favorables proceden no solo de Verín, donde al parecer reside y ha residido mucho, sino de Vences (Monterrey) donde se hallaba ejerciendo el cargo, pudiera estimarse suficiente sanción con la pérdida de los haberes que ha dejado de percibir y la inhabilitación para cargos directivos…[14].

Non é estraño que as mestras que se vían envoltas no proceso depurativo se provesen de argumentos na súa defensa. Hai que pensar que se eran sancionadas o cambio nas súas vidas era substancial pois ademais de apuros económicos quedaban sumidas nunha baixa consideración por traidoras e por inmorais, cualificacións que para unha muller eran de grande calado.

(Elaboración propia a partir de numerosas fontes. Esta entrada está rexistrada e suxeita á publicación)

[1] El magisterio español, nº 9042, 29 de setembro de 1932, p. 13; El magisterio español,  9309, 28 de xuño de 1934, p. 12.[2] O Expediente de Depuración a Elisa é dun grande tamaño pois consta de 71 documentos o que dá noción de ter sido un proceso moi longo.[3] MINISTERIO DE CULTURA, Aquivo da Administración Central, 32_12788_033_0005.[4]Ibem.[5] MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo Xeral de Administración, 32_12788_033_0007.[6] MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo Xeral de Administración, 32_12788_033_0011.[7] MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo Xeral da Administración, 32_12788_033_0014.[8] MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo Xeral da Administración, 32_12788_033_0016.[9] Idem.[10] MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo Xeral da Administración, 32_12788_033_0018.[11] MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo Xeral da Administración, 32_12788_033_0054.[12] MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo Xeral da Administración, 32_12788_033_0063.[13] Idem.[14] MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo Xeral da Administración, 32_12788_033_0040.