Etiquetas

19 febrero 2023

LUCÍA LUCHA GARCÍA DE LA LLAVE

( Entrada suxeita a publicación.)

Lucía Lucha[1] era natural de Segovia. Comezou os estudos de maxisterio en 1913 e rematounos en 1917. Aprobou as oposicións de maxisterio en 1918 e estivo destinada en Nava de la Asunción, Segovia e logo en Madrid. O 29 de decembro de 1921 casa na Capela de Santa Bárbara da Catedral de Segovia co tamén profesor Juan Monje. 

En 1922 foi destinada á escola de Fuentepelayo, Segovia. Era unha mestra que tiña un interese especial pola renovación educativa por ese motivo en agosto de 1927, ela e o seu home, Juan Monje, solicitaron estudos de ampliación á Deputación de Segovia que lle outorgou unha pensión de 1500 pesetas a cada un e percorreron diferentes escolas de España durante tres meses. A raíz destas viaxes xurdiron publicacións, congresos e seminarios nos que había intercambio de experiencias[2]

No ano 1931 por consorte foi á escola graduada de Bétera en Valencia, regresando a Segovia en 1934 para exercer en Tirso de Molina. Ese mesmo ano preséntase ás oposicións á inspección e aprobará o exercicio. 

O 1 de xaneiro de 1935 tomou posesión como inspectora a Ourense e adxudicóuselle a zona de Bande menos Pontedeva e o concello de Quintela de Leirado do partido de Celanova. Foi nomeada secretaria de Inspectores en febrero de 1937 e progresivamente foi ascendendo de soldo. Despois de ser inspectora da zona de Bande pasou á zona de Xinzo de Limia. O matrimonio afíxose á vida en Ourense e fixou a súa residencia de xeito permanente na cidade. 

Juan Monje Cebrián, o seu home, vai ser o director da graduada da cidade e tamén impartirá clases durante moitos anos na Academia Xesta. Era un home de grande cultura e dotes para a ensinanza formando a xeracións de alumnos pero, lamentablemente, faleceu a unha curta idade o 29 de agosto de 1949. O matrimonio tivo unha filla chamada Pilar Monje que se licenciaría en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago e exercería como mestra. Pero unha grave doenza fixo que tivera que ser intervida cirúrxicamente en Madrid falecendo en abril de 1953.

(Fonte: La Región, 25 de marzo de 1954, p. 3)

Lucía seguíu exercendo como inspectora de educación e en marzo de 1960, coincidindo co cincuenta e dous aniversario da lei fundacional do Instituto Nacional de Previsión, celebrouse no despacho do director a entrega de premios a inspectores, mestres e nenos mutualistas e un dos premios foi para Lucía Lucha consistente en 3000 pesetas. No novembro de 1961 xubilou e foi homenaxeada polos seus compañeiros pola “competencia, simpatía y dedicación a la enseñanza y a los maestros[3]. Os inspectores falaron dos méritos de dona Lucía e incluso solicitaron ás autoridades que lle fose outorgada a Medalla de la Orden de Alfonso X el Sabio. Cesou do seu cargo por xubilación o 10 de agosto de 1961.

Cese de la Señora Lucha:

En las oficinas de la Inspección de Enseñanza Primaira de Orense, a uno de septtiembre de mil novecientos sesenta y uno, se extiende la presente diligencia para hacer constar que, con fecha diez de agosto último, ha cesado en su cargo y sueldo....la Inspectora de E.P. de esta plantilla, Doña Lucía Lucha de la Llave, por haber cumplido la edad reglamentaria para la jubilación forzosa. Y para que así conste, extiendo la presente, con el visto bueno del Sr. Inspector jefe y sello de esta oficina, con la fecha arriba expresada[4].

(Elaboración propia a partir de diversas fontes bibliográficas e de hemeroteca de Galiciana. Entrada que forma parte dunha investigación sobre inspectoras ourensás con vistas á publicación).

[1] El magisterio español, 29 de xaneiro de 1918, p. 153; El magisterio español, 29 de xuño de 1918, p. 455; La Tierra de Segovia, 5 de agosto de 1921, p. 4; La Tierra de Segovia, 22 de decembro de 1921, p. 4; Suplemento a La Escuela moderna, 23 de setembro de 1931, p. 3; El Magisterio Español, nº 9257, 20 de febreiro de 1934, p. 13; Luz , 11 de agosto de 1934, p. 10; El Siglo futuro, 28 de decembro de 1934, p. 6;; El Pueblo gallego, 17 de xaneiro de 1935, p.13; La Región, 20 de agosto de 1950, p.2; El Pueblo gallego, 1 de marzo de 1960, p.7. [2] ORTIZ DE SANTOS, Rosa, “Estampa y aportaciones de tres maestros renovadores: Norberto Hernanz, Pablo de Andrés y David Bayón”, Reidocrea, Vol. 7, cit. 13, p. 7; El Magisterio Español, nº 7813, 10 de agosto de 1927, p. 3 [3] El Pueblo gallego, 30 de novembro de 1961, p. 11. [4] AHPOU, Libro registro inspectores (1947-1971), p. 54, C-24121/12.