En abril de 1947 foi detida e, en novembro do mesmo ano,sometida a unconsello de guerra, acusada de ter auxiliado a individuos cualificados polas autoridades como "bandoleiros". Concretamente, imputóuselle haberlle proporcionado alimentos a estes, acción que realizaba a cambio dunha compensación económica. Por tales feitos, foi condenada á pena dun ano de prisión menor.
A condena debía quedar extinguida o 30 de xuño de 1948; porén, debido a un erro na práctica da liquidación da mesma, estableceuse a súa posta en liberdade para o 29 de marzo de 1948.
Posteriormente, a Xunta Provincial de Liberdade Vixiada dispuxo que o seu home, Antonio Vaz, asumise a responsabilidade de patrocinio "moral e material" de Julia durante o período de liberdade condicional. Así mesmo, este quedaba obrigado a remitir mensualmente á devandita Xunta informes relativos á residencia e á conduta da penada.
O caso de Julia non foi, nin moito menos,
excepcional. Na provincia de Ourense, moitas mulleres como ela desempeñaron un
papel discreto pero esencial no apoio aos fuxidos. Nun contexto de medo e
escaseza, ofrecer comida, acubillo ou simplemente non denunciar convertíase nun
acto de enorme risco.
En moitas ocasións, estas accións non
respondían a unha militancia política definida, senón a vínculos familiares, á
veciñanza ou a unha solidariedade básica fronte á persecución. Aínda así, o
réxime tratounas como colaboradoras directas da guerrilla, someténdoas a
detencións, consellos de guerra e diversas formas de castigo.
A súa historia revela unha realidade a miúdo silenciada, a de mulleres que, desde espazos cotiáns e invisibilizados, sostiveron redes de
apoio fundamentais e pagaron por iso un prezo elevado. O percorrido vital de
Julia inclúese, así, nunha experiencia de represión e resistencia que
marcou fondamente a sociedade rural ourensá da posguerra e instalou un silencio nas familias tan opresor como unha lousa.

