Etiquetas

16 mayo 2025

AS CANTAREIRAS. VOCES QUE NACEN AGOCHADAS DOS TEMPOS.

(Imaxe creada por intelixencia artificial).

Hoxe, día das Letras Galegas, é unha xornada de grande ledicia pois é deses días nos que indefectiblemente os nosos pensamentos céntranse no "noso", na nosa Terra. É unha conmemoración na que nos xunguimos aínda máis cos nosos costumes, con como somos, coa esencia de ser galegos e galegas.

Este ano 2025 o día das Letras Galegas está dedicado ás Cantareiras, as mulleres que cantando foron as depositarias da nosa idiosincrasia, de Galiza, da tradición. Son preservadoras da lingua galega, ese monumento impoderable do que sentírmonos orgullosos e orgullosas.

Recollo, a continuación, unhas letras publicadas no xornal La Noche en 1967 que estaban asinadas por A.García Garea e que considero que veñen ao caso para expresar o que supón escoitar a unhas mulleres, galegas, cantando e tocando a pandeireta. Fala dun viaxante que pasa polas terras de Beiró e escoita unhas cantigas (o texto literal que se recolle a continuación traducino ao galego):

Tras o paso de Beiró, a noite, cun quebro, deu a luz á mañá. Unha mañá radiante, cun sol de festa con gorgueira, fervente como un ovo fritido. No terso parche do ar, trenzaban muiñeiras as notas tolas das gaitas. O ritmo monótono e insistente das pandereiteiras, resutaba lembranzas da vella raza. As voces mortas, de enterradas civilizacións, clamaban de novo baixo a epiderme do galego. É a nota oubeante e guerreira, do antepasado celta, que aínda latexa baixo o fondo destas cancións nostálxicas de resignada mansedume, a que abre amplamente as portas a un futuro optimista.(1)

Iso é, son voces agochadas do tempo. 

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2025. GALEGO SEMPRE.

(1)García Garea, A. (21 de agosto de 1967). Lembranzas do Santiaguiño. La Noche, p. 3.