Etiquetas

12 octubre 2025

JOAQUINA DOMÍNGUEZ BASALO

Joaquina era filla de Manuel e Honorinda e naceu o 18 de decembro de 1921 no pobo de A Mezquita, partido de Viana do Bolo. Residía no pobo de Vilavella e foi detida o 3 de decembro de 1949 cando tiña 29 anos. O Xulgado Militar número 2 de Ourense instruíu a causa e pedíase para ela cinco anos de cárcere por auxiliar a "bandoleros" en concreto, Joaquina agochou e serviu de mensaxeira a Cándido Losada Estévez, o Malvavisco. O 24 de marzo de 1950 fíxose firme a condena por parte do Consello de Guerra. 

Joaquina coñeceu a Cándido Losada, o Malvavisco, un guerrilleiro antifranquista que traballaba como obreiro no ferrocarril. Cándido formou parte de partidas de asalto na zona e participou no asalto ao cuartel de Nueva Puebla en Requeixo inmediatamente despois de coñecerse o levantamento. Logo fuxiu a Francia en 1944 e alí caeu prisioneiro mentres recollía unhas mazás dun pomar e conseguiu escapar e volver ás montaña galego-portuguesas e vivir agochado nas aldeas fronteirizas. Cándido tiña un amplo coñecemento das aldeas do nordeste de Portugal, pois alí traballara como carpinteiro.

Josefa Pérez Pérez, que era do pobo de Vilavella e viciña de Joaquina, era a noiva de Cándido e agochouno na súa casa en varias ocasións. Joaquina coñeceuno e tamén colaborou acubillándoo na súa casa e levando cartas deste a outro bandoleiro recibindo por esta axuda 50 pesetas. Así que, Cándido seguía en contacto con outros fuxidos mais non chegou a pertencer a ningún grupo xa que era de carácter desconfiado. O seu actuar de xeito individual axudouno a sobrevivir ata 1952, ano en que cruzou a Francia por segunda vez.

Joaquina viuse envolta na causa instruída polo «procedemento sumarísimo por delitos de formar partidas armadas dedicadas á bandidaxe e terrorismo e por auxilios a malhechores» e que se atopaban xa case todos en prisión entre eles Antonio López Núñez, coñecido co alcume de "El Objetivo" que colaborara con varias partidas armadas contactando con "Roces", "El Guerrilleiro", "El Mario", "O Langullo" e que testimoniou sobre os asaltos efectudos por eles. Unha vez que as autoridades militares coñeceron os feitos procederon a deter a un grande número de persoas vinculadas entre si, entre elas estaba Joaquina que ingresou na prisión de Ourense e con ela irían á súa nai e irmás xa que foran tamén colaboradoras.

(Fonte:  Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Libro 2245, p. 184).

Estando na prisión o director da mesma recibe un comunicado o 3 de xullo de 1950 no que se indicaba que Joaquina fora trasladada á Prisión Central de Segovia  o 21 dese mesmo mes, sempre e cando se acreditase que tiña algún tipo de afiliación directa cos grupos de asalto. 

Dito establecemento era un reformatorio para mulleres. Segundo se indicaba, alí ían parar as mulleres que o franquismo consideraba máis perigosas. No expediente non se especifica a razón do traslado de Joaquina a Segovia dado que na ficha de detención indicábase que era unha delincuente ocasional. Nun principio non se tiña previsto que se trasladara pero veu unha orde que indicaba o obrigado cumprimento:

(Fonte: A.H.U.S. Expediente de Joaquina Domínguez Basalo. C-24045/074 (08)).

O xornal Público recolleu nun interesante artigo publicado o 3 de maio de 2025 cales eran condicións de dita prisión no que se di que o trato ás mulleres era moi malo, que sentían moito frío, había moita humidade, e a comida era "terrible". A celda de aillamento consistía nun colchón no chan e unha dura incomunicación por tempo longo. Malia todo, as reclusas conseguiron forxar unha interesante resistencia ao franquismo.

(Fonte. https://www.publico.es/politica/memoria-publica/carcel-segovia-escuela-resistencia-mujeres-peligrosas-franquismo.html.)

(Fonte: Por Arturo Francisco Barbero - Trabajo propio, CC BY-SA 4.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=122963702)

Con sorte para Joaquina, anuouse o seu traslado  á Prisión de Segovia e no entanto ela solicitou poder ingresar  no Patronato Central de Nuestra Señora de La Merced para a rendición das penas por traballo desempeñando e dirixe a solicitude ao director da prisión ourensá para ocupar a plaza vacante de modista que quedara no establecemento. 

Quen levaba os asuntos da rendición de penas por traballo era o Patronato Nuestra Señora de la Merced. Este foi creado o 7 de outubro de 1938 e dependía do Ministerio de Xustiza. Tiña a sede central en Madrid  e Xuntas locais nos lugares onde residían as mulleres e fillos presos e que se acollían á rendición de penas por traballo. A rendición de penas por traballo ocorríuselle ao xesuíta José Agustín Pérez del Pulgar en 1938 quen indicaba que era xusto que os presos contribuísen co seu traballo á reparación dos danos que causaron. Este sistema permitía reducir o tempo da condena, dignificación persoal e incluso, dicíase, contribuíase ao "engrandecemento da patria"

No expediente de Joaquina consta que dito Patronato emitiu un escrito con data do 7 de xullo de 1950 ao director da prisión de Ourense no que se dicía:

Sírvase V.S. disponer que por la Junta de Régimen de ese Establecimiento sea emitido informe acorde de si las penadas cuyos nombres se insertan al margen reúnen las condiciones exigidas por el Patronato Central para poder redimir su pena por el trabajo, en servicios de "destino", en la PRISIÓN PROVINCIAL DE MUJERES de Madrid-Ventas- Caso de que no sean peligrosas ni tengan antecedentes comunistas o masónicos y si por la conducta observada como internas fueron merecedoras de que les sean merecedoras de que les sean otorgadaos los beneficios que se conceden a los reclusos-trabajadores. (1)

Na marxe do escrito figuraba Joaquina Domínguez Basalo xunto con Agripina Pousa Rodríguez, Teresa Primo Fernández e Lucita Sánchez Barredo. En contestación á petición, o Xefe do Centro de Ourense, así como o capelán, o médico e a funcionaria emiten comentarios favorables polo que a Xunta do Réxime considerouna apta e por conseguinte comunican que Joaquina desempeñe traballos de modista.

(Fonte: A.H.U.S. Expediente de Joaquina Domínguez Basalo. C-24045/074 (14)).

Cinco anos permanecerá Joaquina en prisión. O día 18 de marzo de 1955 dáse por finalizada a condena pero o Ministerio de Xustiza por orde do 15 de febreiro de 1952 vai concedera a liberdade condicional a 52 reclusos e reclusas e entre o listado figuraba Joaquina Domínguez:

(Fonte: Boletín Oficial del Estado, nº 79, 19 de marzo de 1952, p. 1254).


(1)A.H.U.S. Expediente de Joaquina Domínguez Basalo. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24045/074; C-24045/074 (10).

«El Malvavisco, un sanebrés que abastecía de armas a los maquis»;  La Opinión de Zamora, (2013, September). Revisado o 9 de outubro de 2025;  website: https://www.laopiniondezamora.es/comarcas/2013/09/01/malvavisco-sanabres-abastecia-balas-maquis-1177693.html.
Expediente persoal da reclusa Josefa Pérez Pérez; ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25107/006;
Caixa 25107/006.