Encarnación foi alumna de Vicente Risco e, como viña sendo habitual, este mandaba facer traballos de carácter etnográfico coa finalidade de que os eu alumnado coñecese os costumes de Galicia. Encarnación fixo este traballo no que recolleu o Folclore de Poboa de Brollón, pobo do sur de Lugo pertencente a Monforte de Lemos.
O traballo manuscrito trata dos aspectos xeográficos da comarca. Fai unha descricións das xentes do lugar, sobre os seus aspectos físicos, indicando que eran de pelo moreno e ollos marróns escuros, cunha estatura de 1,60 metros e que se dedican á labranza. Explica tamén os nomes e alcumes propios da zona.
Outro dos apartados é a historia da comarca e di que ten orixe castrense, de aí os topónimos que hai coa denominación "castro".
A continuación explicou os costumes das xentes, as comidas, os vestidos, casas, os réximes de propiedade, a emigración, as herdanzas e a relixión e supersticións.
É indubidable que Vicente Risco tiña varias pretensión con estes traballos, por unha banda ofrecerlles a oportunidade ao alumnado de seren investigadores e analíticos, por outra banda, facerlles ver o valor da súa historia e do propio medio, da súa contorna, da súa etnografía...como obxecto de estudo imprescindible para todo docente; así mesmo, a través destes estudos e traballos os estudantes podían darlle valor á cultura galega.
Vicente Risco, polo tanto, foi un docente adiantado e moderno por darlle ese sentido práctico á súa materia.
En maio de 1934 Encarnación solicitou entrar como mestra interina o que traía consigo os cambios continuos de destinos. Ese mesmo ano casa con Celestino Rodríguez Parada.
Encarna tamén foi obxecto de investigación por parte da Comisión Depuradora do Maxisterio e en 1937 abríuselle un expediente. Dela dicíase que non cumpría ben o seu traballo, que non ía a misa e que bordara unha bandeira comunista.
Tras este difícil tránsito, en 1939 vai solicitar cubrir interinidades e foi enviada á escola de Santa Eulalia de Altoz en Triacasatela; logo para a de Corgo; despois foi á de Incio. En 1955 estaba na escola mixta de Aigas de Navia de Suarna e en 1966 en Sober.
Elaboración propia a partir de diferentes fontes: Vid. Galicia, 12 de decembro de 1934, p. 5; Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 16 de xuño de 1934; Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 23 de xaneiro de 1934, p. 1; SANTALLA LÓPEZ, Andrés, "A Represión Franquista en Galicia", Actas dos traballos presentados ao Congreso da Memoria, Narón do 4 a 7 de decembro de 2003, p. 240; Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 10 de setembro de 1940, p. 2; Boletín Oficial do Estado, 13 de marzo de 1955, p. 1677; "Adjudicación provisional de destinos del Concurso General de Traslados" Escuela Española, 17 de xuño de 1966, p. 818.