Etiquetas

09 octubre 2024

O VESTIR DAS OBREIRAS. BASILIO ÁLVAREZ CONTRA AS NOVAS MODAS FEMININAS

O meu estimado amigo Xosé Lois Carrión deume esta referencia moi interesante para reflexionar Trátase dun artigo que saiu no xornal El Socialista, asinado por Maruja. No artigo faise unha mordaz crítica contra o poder dos patróns en Suiza xa que acordaron botar á rúa ás obreiras que levaran saia curta. O patrón da fábrica de tecidos de Turgi, indicou que a saia había que considerala un crime imperdonable e decidiu convocar ás obreiras no seu despacho para ameazalas co despido se seguían empregando esa prendas curtas.

A autora do artigo chegou a acusar ao patrono de hipocresía e falsidade pero tamén manifestou que, en certa medida, as mulleres tiñan algunha culpa por non estar asociadas e dicía:

Las mujeres que trabajamos por cuenta ajena somos doblemente esclavas: del salario y de la moda. No basta a los patronos remunera miserablemente nuestro trabajo. Quieren además intervenir en nuestros gustos sobre el peinado y la indumentaria. Y esto ocurre porque no estamos asociadas. Si perteneciéramos a alguna Sociedad, como los hombres, seríamos fuertes...(1)

As novas modas impúñanse en Europa e incluso Asia (en China a muller de Chang-Kai-Shek facía uso das modas chegadas de Europa e adheriuse á saia curta e cabelo ao garçon) e tamén acabarían chegando, aínda que de xeito moi lento, ao Ourense dos anos vinte. Os anos vinte supuxeron unha liberación dos corsés e saias longas para as mulleres. Non só as clases altas, senón que as obreiras, así mesmo, quixeron aproveitar esa nova moda, talvez, cun interese máis ideolóxico que de ir á moda. 

Non obstante, tamén comezaron a lexislar e dar normativas acerca de como debía ser a moda no traballo. 

No parlamento inglés lexislouse escrupulosamente como debían ser os escotes dos vestidos, como debían ser os largos das saias: "Los vestidos escotados no deberán serlo más de 50 milímetros del mentón a la linea de la tela....también las medias caladas entran en el número de las prendas de vestir deshonestas...Prohíbese asimismo el uso de la moderna falda corta. La faldamenta deberá terminar tres dedos más arriba del zapato..." (2).

Pero non temos que ir tan lonxe para ver o temor a unha moda que se impuña. O propio Basilio Álvarez, líder do agrarismo e avogado defensor dos campesiños contra o caciquismo, deixou translucir a súa formación clerical ao falar das modas das mulleres. Nun artigo publicado en La Zarpa titulado La falda corta, súmase ás críticas verquidas polo papa Pío XI sobre a nova indumentaria das mulleres e dixo:

Más que ligeras de ropa, se ven por estas calles de Dios desnudas completamente. Sin tratpo alguno desde los pies hasta más arriba de las rodillas, y al aire desde el cuello hasta bien entrada la espalda, todos esos serafines con pelo a lo garçonne, parecen chicos en traje de baño. Hace dos años que todos los días recortan en dos centímetros sus faldas, pero sin timidez alguna, sin atisbos de miedo, sin presentir siquiera la vergüenza como si irrumpiesen triunfales en un mundo donde el desenfado se cotiza...Y no quito un ápice. Tampoco lo quitó Su Santidad al afirmar que sus cuerpos desnudos semejan miembros de hetairas...(3).

Segundo isto, parece ser que no mundo víase preciso oporse á invasión da obscenidade e do mal gusto das modas modernas. Todo isto encerraba o temor a que as mulleres tomasen conciencia e comezasen a espertar. Críticas de mentes masculinas renuentes á liberdade feminina.

Elaboración propia a partir de diferentes fontes. (1)Maruja (1927, 6 xaneiro). El Socialista, p. 4; (2) Cuidadeo con los vestidos. (1916, 29 xaneiro). La Región, p. 1. (3) Álvarez, Basilio. (1926, 20 febreiro). La Zarpa, p. 1.