Etiquetas

17 diciembre 2023

DINA (DIGNA) PORTABALES FERNÁNDEZ

De novo ante un caso de represión do maxisterio  durante o franquismo. Acusacións apenas consistentes eran suficiente para condear a un mestre ou mestra. Tratábase de atemorizar e de oprimir aos docentes.

Digna Portabales Fernández naceu en Maside o 15 de outubro de 1906. Era filla de Maximino Portabales, natural de Maside, e de Elisa Fernández González.

O 27 de agosto de 1927, Digna remitiu unha carta á directora da Escola Normal de Mestras de Ourense, que naquel momento era Leonor López Pardo, na que expresaba o seu interese por cursar os estudos de Maxisterio e solicitaba ser admitida ás probas de ingreso.

(Carta solicitando o ingreso na Normal. AUVI. Expedientes persoais)

No exame escrito de ingreso desenvolveu o tema Conquista de España polos árabes. A Batalla de Covadonga. Iniciou os estudos de Maxisterio na devandita Escola Normal de Ourense en setembro de 1927 e concluíunos en 1931, acadando cualificacións moi destacadas, entre elas matrícula de honra no segundo curso. Naquela altura, o plan de estudos do Maxisterio constaba de catro cursos nos que se combinaban materias de cultura xeral con disciplinas propiamente pedagóxicas e didácticas, tales como nocións de Pedagoxía, prácticas de ensinanza e materias vencelladas á formación feminina, como corte e labores artísticas ou economía doméstica, contidos que as mestras debían impartir ao alumnado feminino nas escolas.

Unha vez superados os cursiños de selección profesional do Maxisterio, conforme ao plan de estudos da Segunda República, comezou a desempeñar os seus primeiros destinos docentes. En 1934 obtivo praza na escola de Alcázar de Milmanda, en Acevedo do Río. Foi, así mesmo, unha das mestras que apoiaron a creación do «Hogar del Maestro» en Ourense, unha iniciativa cuxo obxectivo era fomentar a unión do colectivo do Maxisterio, facilitar o intercambio de experiencias profesionais e dotar o profesorado dun espazo común para reunións, conferencias, charlas e acceso a unha biblioteca. Contraeu matrimonio co tamén mestre Francisco Cardecín.

A súa afiliación á Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense (ATEO) provocou que fose represaliada en agosto de 1936, xunto co resto das persoas asociadas, impoñéndoselle unha sanción de suspensión de emprego e soldo. A partir dese momento abriuse o correspondente expediente de depuración. O alcalde de Acebedo informou á Comisión Depuradora de que tiña referencias de que a mestra simpatizaba co socialismo. Pola súa banda, o comandante do posto da Garda Civil de Celanova afirmou que: "a juzgar por sus compañías y algunas conversaciones, sentía predilección por la política de izquierdas" (1). Na mesma liña, o párroco de Alcázar de Milmanda declarou: "A raíz de las últimas elecciones defendió al marxismo en conversaciones particulares, revelándose, al menos, como simpatizante, y dicen que buscó algún voto para el partido y que el pueblo la califica de izquerdista"(12). Engadiu, ademais, que, malia cumprir co programa oficial, prescindira da ensinanza da relixión, da patria e da familia. Tamén foi requirido informe do párroco de Maside, lugar de orixe de Digna, quen a cualificou como persoa "de carácter meramente infernal, voluble e acomodaticio, con el mismo entusiasmo con que ahora grita: ¡Viva España! daba vivas al Marxismo y levantaba el puño cerrado, cuando los del puño cerrado campaban por sus respetos". (3)

Porén, fronte a estas acusacións, Odilo Alonso, pai dunha alumna da escola de Milmanda, saíu na súa defensa afirmando que a mestra non pertencera ao partido da Fronte Popular. Así mesmo, a totalidade dos pais e nais do alumnado asinou un informe de apoio á docente. Pola súa banda, o presidente do Consello Local de Primeira Ensinanza manifestou que sempre observara en Digna unha boa conduta política e que dera mostras da súa adhesión ao Movemento Nacional.

Non obstante, existiu tamén un informante que confirmou a súa pertenza á ATEO e indicou que fora suspendida de emprego e soldo durante tres meses. O inspector xefe de Investigación e Vixilancia declarou, ademais, que Digna se afiliara á devandita asociación no ano 1932.

Ante estas acusacións, Digna Portabales tratou de defenderse achegando diversas certificacións, entre elas as emitidas polo alcalde de Maside, o comandante da Garda Civil do Carballiño, o xefe local da F.E.T. e o médico de Maside, nas que se acreditaba a súa boa conduta, considerada irreprochable e exemplar tanto no exercicio profesional como na súa vida persoal.

A pesar diso, a Comisión Depuradora concluíu que Digna Portabales amosara simpatías cara aos partidos da Fronte Popular, e en particular cara ás ideoloxías marxistas, aínda que sen realizar actuacións directas nin exercer militancia activa. En consecuencia, ao non considerarse suficientemente probada unha mala conduta política e ao non figurar nas listas da ATEO con posterioridade a 1932, a sanción finalmente imposta en abril de 1938 consistiu na suspensión de emprego e soldo durante un período de tres meses, así como o traslado forzoso de escola. Este traslado, que pode cualificarse como unha forma de desterro encuberto, supuxo o seu envío á escola de Reigada, no concello de Manzaneda.

(Entrada suxeita a ser publicada nun libro)

(1) (2) (3) Citas extraída de AGA, Expediente de Digna Portabales Fernández.

Outras fontes: AUVI. Expediente académico de Digna Portabales Fernández;  Iltmo Subsecretario de Instrucción Pública y Bellas Artes, 1933. Escalafones de Magisterio Vid: «Orense», Correo de Galicia, 17 de novembro de 1929, p. 10; «Normales», Galicia, 21 de outubro de 1930, p. 2; «Brillantes exámenes», Galicia, 13 de xuño de 1931, p. 2; «Orense al día. El primer ejercicio de cursillos de magisterio», El pueblo gallego, 19 de abril de 1932, p. 12; «Información del magisterio», Galicia, 14 de novembro de 1934, p. 3; «Sociedad», Galicia, 19 de marzo de 1935, p. 5; «De Sociedad», El pueblo gallego, 4 de agosto de 1936, p. 7; «Relación de maestros destituidos y suspendidos de empleo y sueldo temporalmente», La Región, 5 de agosto de 1936, p. 4; «Relación de maestros que han sido sancionados por la Comisión Superior Dictaminadora del Ministerio de Educación Nacional», La Región 8 de maio de 1940, p. 3; «Información del magisterio», La Región, 16 de xullo de 1940, p. 2.