Etiquetas

29 agosto 2021

CONCEPCIÓN DOCAMPO SALINAS

Concepción Docampo Salinas foi mestra en Ourense e axudou a moitos veciños a aprender a ler e a escribir. Tamén doou terreos para a construción da igrexa e cemiterio parroquial en Vilar de Astres.´

Concepción naceu en Lobeira o 21 de outubro de 1910 e era filla de Don Eliseo Docampo Illán, un suboficial de Carabineiros da Comandancia de Ourense que estivera destinado no pobo de Lobeira. Cando tiña dezaseis anos matriculouse por libre no Instituto Xeral e Técnico de Ourense acadando unhas altas cualificacións[1]. Concepción tiña vocación de mestra e tramitou un certificado para a Escola Normal de Ourense onde acadou tamén unhas brillantes cualificacións no último curso, con dous sobresalientes, cinco notables e un aprobado, e titulando en xuño de 1931[2]. A partir de entón anotouse nas listas para desempeñar interinidades de maxisterio.

Pero Concepción quería unha estabilidade profesional e por iso comezou a preparar as oposicións de maxisterio. Por aqueles anos a Academia Xesta tiña grande sona na cidade pois preparaba aos estudantes para ingresar no Instituto e tamén para as oposicións de maxisterio, unha carreira moi demandada na provincia, sobre todo polas mulleres, xa que era unha profesión considerada idónea para ser desempeñada por elas. Así que, Concepción preparouse nesta academia que estaba dirixida por Juan Fernández Pérez, licenciado en Filosofía e Letras e xefe da Biblioteca Provincial. No ano 1930 superou as oposicións de maxisterio obtendo unhas brillantes cualificacións[3]. Un dos seus primeiros destinos sería o pobo de Gendive, na comarca de Boborás.

Pero cando se produciu o alzamento militar en 1936 moitos mestres e mestras foron expedientados e represaliados. Concepción sería unha das moitas mestras ourensás que foi destituída sufrindo a suspensión de emprego e soldo en agosto de 1936[4]. Non obstante, esta foi unha medida provisional ou temporal xa que o novo réxime permitía a reincorporación dos docentes tras acreditar unha boa conduta moral en base a informes das autoridades. Pero durante a guerra Concepción viu o sufrimento da xente e quixo axudala da mellor forma posible e dedicouse a asistir a aqueles que o estaban pasando moi mal.

Reincorporarase como mestra en 1937 e destínana como interina á escola de Riomás na Veiga e ese ano casa e ten un fillo. No agosto dese mesmo ano envía ao Reitor de Santiago unha solicitude de traslado á escola de Seijadas no concello de Cartelle. En 1951 trasladouse á escola de Vilamarín e logo á de Vilar de Astrés onde permanecería ata xubilarse. Era unha muller de fortes convicións de axuda e doou uns terreos para a construción da Igrexa parroquial de Vilar de Astrés e para o cemiterio.

A súa boa dedicación á docencia fíxo que se gañarse o aprecio de todos os do lugar, tal é así que queren lembrala poñéndolle o seu nome a unha das súas rúas.
______

[1] “Exámenes”, La Región, 26 de setembro de 1926, p. 1.
[2] CID GALANTE, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese de doutoramento, (Vigo, Universidade de Vigo. Servizo de Normalización Lingüística, 2006); BENSO CALVO, Carmen e CID GALANTE, Rosa M., “Los expedientes de las estudiantes de bachillerato una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)”, Revista Historia de la Educación, 26 (2007: 450).
[3] “De enseñanza” La Región, 19 de outubro de 1930, p. 8
[4] “Relación de maestros destituídos y suspendidos de empleo y sueldo” La Región, 5 de agosto de 1936,p. 4.
Foto: Igrexa de Vilar de Astrés. Segundo se di, a mestra doou terreos para a construción do cemiterio.