Etiquetas

03 diciembre 2023

ACCIÓN FEMENINA GALLEGA. DUNHA ASOCIACIÓN POLÍTICO-SOCIAL A UNHA SECCIÓN FEMININA DA XUNTA PROVINCIAL DE ACCIÓN SOCIAL

A finais de abril de 1932 constituíuse en Ourense a agrupación Acción Femenina Gallega, unha Asociación Político-Social cuxo obxectivo primordial era a defensa dos principios que servían de base á sociedade e que eran: Relixión, Familia, Propiedade, Orden e Traballo. Unha asociación moi tradicionalista formada por mulleres da burguesía ourensá de traxectoria conservadora.

Era unha agrupación de mulleres que, segundo a prensa "era una hermosa lección que da la mujer a los hombres que poblamos la provincia, un tanto despreocupados y desentonados hay que reconocerlo, con la gravedad del momento presente..." (1)

A Presidenta de honra era a Marquesa de la Atalaya Berjema e a Xunta de Goberno desta asociación estaba formada por:

Sabina Albizu de Valcarce.

María Andina de Zarauza.

Elena Arias, viúva de Cerviño.

María Méndez.

María Palao.

Teresa M. Pedrayo.

Carmen Galán de Taboada.

María Guerra Muñiz.

María Valencia.

Elvira Pereira, viúva de Armas.

Angelina Laso

Mercedes Somoza.

No novembro do 33 a directiva estaba formada por: 

Carmen Bugallo de Valeiras.

Alicia Rodríguez.

Guillermina Veiga.

A sede da Acción Feminina estaba situada na Praza do Trigo, número 3 e quen quixera adherirse  debía acudir alí para afiliarse.

A Acción naceu cun cometido específico, pois vían en perigo os principios básicos da sociedade e, polo tanto había que orientar adecuadamente as decisións das mulleres no emprego do seu recentemente dereito ao voto. Esta agrupación  traballou para que as dereitas gañasen en Ourense nas eleccións. Así dicían na prensa: "han de ser solo las señoras las que han de formar la legión de salvadores de nuestra Patria" (2). Fixeron campaña para as dereitas e organizaban colectas para os gastos de propaganda. Tamén se ofrecían para que os ourensáns e ourensás comprobasen se estaban nos censos electorais. A vitoria das dereitas en Ourense non se esqueceron de agradecer o traballo de apoio levado a cabo pola Acción Femenina Gallega, así o manifestou Carlos Taboada Tundidor que saíu deputado da CEDA por Ourense.

(Fonte. Galiciana. "Acción Femenina Gallega", Galicia, 3 de novembro de 1933, p. 6)

Fixeron tamén un labor social creando escolas gratuítas para as nenas de Ourense así como un roupeiro de caridade en 1933 para ocupar o espazo deixado polo de Santa Vitoria que fora disolto uns anos. Grandes Festivais de música, baile, recitais, comedias... coa intención de recadar fondos para as escolas "católicas" da cidade. Tamén montaron un comedor de caridade para atender ás xentes máis humildes e sen fogar

Nas intencións da agrupación estaba a de crear Seccións temáticas e especiais que se encargarían de distintas actividades e estarían ao frente de cada unha delas dúas vogais. Organizaban mitins no Teatro Principal de Ourense que adoitaban ser moi concorridos pois os oradores eran, daquela, de recoñecido prestixio como Medina Togores que viña de Madrid, Mosquera Nocelo que impartiu unha conferencia titulada " Distintos aspectos de la acción femenina" e Pita Lasanta que viña dende o Ferrol. Noutra ocasión tamén organizaron unha charla a cargo do avogado e político celanovés, Manuel Lezón, vinculado ao Partido Agrario Español e que saiu escollido como deputado nas eleccións de novembro do 33. Disertou sobre "El matrimonio y la mujer católica" na que animou ás mulleres a acollerse aos postulados cristiáns. Outros oradores foron Manuel Álvarez de Toledo; José María Valiente...

Así mesmo fóronse constituíndo grupos en diversas vilas da provincia. Una das máis temperás foi a de Carballiño que se formou o 9 de abril de 1932. A directiva estaba composta por:

Presidenta: Emma Diz.

Vicepresidenta: Dolores Vilarino.

Secretaria: Consuelo Villanueva.

Tesoureira: Aurora Rodríguez.

Vogais: Felisa López, Rosa González, Gloria Rodríguez e Elvira Fernández. 

Logo a de Viana do Bolo e tamén a de A Gudiña o 24 de xuño de 1932 sendo a súa presidenta Eloísa Barja.

Agora ben, non cabe dúbida que a militancia destas mulleres focalizouse fundamentalmente no eido político. Foron activistas na preparación das mulleres ourensás para que votaran á dereita. As mulleres de Acción Feminina gallega traballaban para a política. Por tal motivo, cando se produciu o golpe de estado do 36 as funcións desta agrupación experimentaron un significativo xiro.

En efecto, a Acción Feminina Gallega no ano 1936 viu que a súa colaboración na política dos anos anteriores en apoio das dereitas -e dicían: " Los deseos de cuantos han buscado nuestra ayuda para el bien de España nos han hallado siempre dispuestas a servir a todos y atentas siempre al bien religioso y social de nuestra amada Patria"-  xa non tiña razón de ser pois instalárase un réxime ao modelo da súa defensa. Por tal motivo, o comandante José Ceano convocou á Directiva da Acción Feminina o día 5 de novembro de 1936 e pediulle que:

 Toda vez que las circunstancias presentes de España no son propias para labores políticas y en cambio exigen suma actividad en el campo social, dejará a un lado Acción Femenina Gallega actividades y matices políticos y en colaboración con la Junta Provincial de Acción Social formando nuestra asociación la rama femenina de dicha Junta y encargándose oficialmente de la labor social propia de la mujer en bien de España.(3)

A directiva de Acción Femenina Gallega contestou que a parte política era unha ocupación accesoria da asociación e que a levaran a cabo mentres as circunstancias o esixían pero que o propio da Acción era o labor social e, polo tanto, aceptaban con gusto a indicación do comandante sen descoidar as actividades que xa tiñan en marcha como eran a escola de nenas, o Sindicato de mozas do servizo, a Escola Obreira de Carballiño.

Por suposto que a comandancia aceptaba a continudade destas tarefas e incluso reclamaba que a Acción crease máis escolas para nenas, non só na capital, senón nas vilas e nos lugares da provincia onde fosen pertinentes.

A reunión rematou quedando a Acción Femenina gallega integrada, como sección feminina, na Xunta Provincial de Acción Social.

A continuación a directiva da Acción social enviou unha circular con cinco puntos ás súas socias indicando que a agrupación nin se disolvía nin cambiaba o seu fin primordial nin a súa organización interna; que abandonaba "por impropios" todo labor directamente político: que intensificará o seu traballo social, principalmente nas escolas, Sindicatos femininos, Escolas nocturnas de obreiros, comedores de pobres, etc...; que estará ao lado do exército e ás ordes das autoridades militares e de xeito especial da Xunta Provincial de Acción Social e, finalmente, invitaba a todas as mulleres de Ourense e provincia a que se implicasen y se asociasen para traballar para a reconquista espiritual e social de España.

(1) "Acción Femenina Gallega", Galicia, 3 de Marzo de 1932, p. 1; (2) Un orensano, "¿Hay derechas en la provincia de Orense?", Galicia, 17 de novembro de 1932, p,1; (3)"La Junta Directiva de Acción Femenina Gallega a sus socias, simpatizantes y a toda mujer cristiana de Orense y provincia", La Región, 19 de novembro de 1936, p. 3. Elaboración propia a partir de diversas fontes. Vid: "Acción Femenina Gallega", Galicia, 9 de abril de 1932, p. 6; 28 de xuño de 1932, p. 1; 3 de novembro de 1933, p. 1; 4 de novembro de 1933, p. 1; 5 de novembro de 1933, p. 1;  27 de decembro de 1932, p. 1; 27 de xaneiro de 1933, p. 1; "Acción Femenina Gallega en A Gudiña" ,  La Región, 3 de xullo de 1932, p. 1; La Junta Directiva de Acción Femenina Gallega a sus socias, simpatizantes y a toda mujer cristiana de Orense y provincia", La Región, 19 de novembro de 1936, p. 3.