Etiquetas

14 mayo 2023

CELEDONIA BRETAÑA MONTES

Celedonia Bretaña foi a segunda muller de Manuel Suárez Castro que quedara viúvo debido a que a súa primeira muller falecera por mor da gripe de 1918. Celedonia tiña unha filla do anterior matrimonio chamada Emilia Núñez Bretaña que faleceu en Guadalaxara en xullo de 1935 despois dunha longa enfermidade. Celedonia nos tempos da República solicitou a demanda de divorcio do seu primeiro home, sendo esta ditada pola Audiencia Provincial o 19 de outubro de 1932 (1). A partir de entón foi compañeira inseparable de Manuel e tiveron tres fillos, Dolores (Lolita), Raúl e Pablo.

Pero a vida de Celedonia non foi nada doada pois padeceu moito sufrimento ao ver ao seu home, Manuel, represaliado e fusilado pola ditadura. Manuel Suárez, que era aparellador, estaba afiliado á UXT e era militante activo do Partido Socialista. Ocupou o cargo de Tenente Alcade do Concello de Ourense e tamén foi Deputado Provincial. En 1936, Manuel ocupou a alcaldía,  pero, chegada a ditadura esta foi implacable con  Manuel sendo fusilado o 27 de xullo de 1937 no Campo de Aragón. 

Quedou a familia sumida nunha triste desgraza e Celedonia tivo que sacar adiante aos seus fillos co agravante de que a sociedade lle estaba dando as costas. As xentes non querían relacionarse coa familia pois os consideraban traidores do novo réxime franquista.  Ela traballou arreo mais tivo que contar coa axuda de familiares para criar aos seus fillos pois a situación económica era moi feble. Malia todas as penalidades, Celedonia e os seus fillos sempre se mantiveron fieis ás ideas republicanas. 

Celedonia faleceu en xuño de 1960 e os seus restos están no cemiterio de San Francisco de Ourense.

(Fonte: La Región, 5 de xuño de 1960. Galiciana)

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)  (1) Galicia, 19 de outubro de 1932, p. 4 .