Etiquetas

07 octubre 2022

IRMA FERNÁNDEZ ALONSO

Todos os domingos flúe o son do órgano na Igrexa de Fátima. Un son rotundo pero harmonioso, cálido e aristocrático. Ese órgano é tocado por Irma Fernández que desde os dezasete anos non falla á cita dominical.

É moi grato para min traer ao blog a esta muller, Irma Fernández, pois foi a primeira organista ourensá. Naceu o 9 de setembro de 1981. Comezou os seus estudos musicais con nove anos e aos dezasete xa estaba de Organista na Igrexa de Fátima. 

Para Irma a música é o seu ámbito e envolve a súa vida. Estudou Piano, Linguaxe musical no Conservatorio Superior de Música de Vigo; logo especializouse e perfeccionouse na Escola Luthier de Barcelona, e xa no Conservatorio Profesional de Música de Ourense estudou Órgano. Pero ademais é Licenciada en Pedagoxía pola UNED.

É, desde 2003, Profesora de música de Secundaria. Entrou na docencia sendo aínda moi nova, pero tiña de ser así xa que ten unhas calidades innatas para todo o que ten que ver coa música, unha paixón que traslada ao seu alumnado levando a cabo clases creativas e motivadoras. 

En todo este camiño séntese acompañada e fai un magnífico tandem coa súa parella, Juan, tamén profesor de música e virtuoso músico.

Irma converteuse nunha grande especialista de órgano, instrumento que require mans e pés para executarse. Impulsou, xunto a outras organistas como Soledad Mendiven, e tamén co seu home Xoan, a creación da Asociación de Amigos do Órgano que busca achegar e dar coñecer este instrumento á xente para o cal organizan interesantes concertos en diferentes puntos da provincia. Así mesmo pretenden recuperar e rexistrar os órganos para que se manteñan. Como actividades para os máis pequenos, Irma organiza talleres de construción de tubos de órganos e contacontos acompañados polo instrumento para que se familiaricen con este instrumento.

Irma toca como é ela, de xeito vital, con forza, pero tamén con grande sensibilidade. Ademais é membro da nosa querida Coral de Ruada e  está sempre presente nas súas actuacións nas que interpreta ao piano preciosas pezas musicais de carácter tradicional e/ou clásico. Un piano que enche de notas musicais o Teatro Principal.

(Elaboración propia) 
Foto: La Región.