Etiquetas

03 marzo 2020

HERMINIA DOMÍNGUEZ GONZÁLEZ

Herminia Domínguez González naceu en San Xoan do Río en 1965 e é catedrática e investigadora acérrima. Exerce como profesora na Facultade de Ciencias no Campus de Ourense e é unha das mellores investigadoras de España no eido das Ciencias e da Tecnoloxía dos alimentos.Os seus estudos son os máis citados nas investigacións que se están a levar neste campo. Herminia mantense no ranking das 427 mellores investigadoras de España.

Ingresou o 16 de marzo de 2022 na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). A investigadora e docente da Facultade de Ciencias é a primeira muller científica técnica que accede a esta institución como académica numeraria e a primeira procedente do campus ourensán. 

A liña de investigación é o aproveitamento dos residuos de biomasa vexetal para obter produtos de interese na industria alimentaria e farmacéutica. Herminia Domínguez, avoga por ampliar e aplicar os coñecementos científicos que permitan desenvolver tecnoloxías máis limpas e eficientes para o fraccionamiento e conversión da biomasa renovable nas futuras biorrefinerías. Segundo ela é preciso un aproveitamento racional e completo da biomasa vexetal, especialmente da que está infrautilizada ou se considera un residuo, para avanzar cara á sustentabilidade non só porque reduce o seu impacto ambiental, senón porque pode converterse nunha materia prima renovable, contribuíndo a xerar riqueza local.

O labor que desempeñan as mulleres no ámbito da investigación é encomiable pois ben é sabido do arduo esforzo que supón. Malia os avances que se teñen dado no recoñecemento da muller na investigación é certo  que aínda hai diferenzas de xénero nestes ámbitos. Sabemos que a investigación é un exercicio vocacional pero moi complexo e de moitas horas de dedicación e ás veces non se ve moi recoñecido. Por iso, é loable traer a mulleres ourensás que persisten nese camiño de demostrar a súa valía pois abren o camiño a moitas outras.