Etiquetas

15 junio 2011

MARÍA DEL VALLE LOZANO

Coñecida coma María de Beiro. Naceu en Beiro no ano 1887. Casada de moi xoven, o matrimonio emigrou a Cuba, onde o marido acadou éxito coma empresario no ramo da alimentación. Quedou viúva en 1937. Nai de oito fillos, Manuel, poeta e xornalista fusilado en Ourense o 11 de Agosto do 1936 acusado de rebelión e tráfico de armas, Ernesto, mestre e tamén xornalista represaliado, Mercedes, que casou no 1939 con Celso Madriñán Neira, Maruja, de ideoloxía falanxista, Esther, Blanca, tamén casada no 1939 co pintor Manuel Prego de Oliver, Ricardo, asasinado en Valencia por un membro da Falanxe a piques de rematar a guerra, e Luis, falecido en accidente anos antes. 

De volta a España a familia aparece empadroada na segunda planta do antigo nº 15, hoxe 11, da rúa da Paz; anos máis tarde, xa na guerra, na rúa da Amargura, no campo das Mercés e fronte o antigo Hospital, dende onde escoitaban as detonacións dos fusilamentos no campo de Aragón. 

Afillada ó Partido Comunista e apoio á República, e polo feito de selo, foi detida o día 21 de Xullo de 1936 nas rúas de Ourense, día no que tamén detiveron ós seus fillos Manuel e Ricardo. Permaneceu encarcerada durante aproximadamente 16 meses, pasando por distintos centros de reclusión, entre eles o cárcere de Celanova e a prisión de Bande.

O 29 de outubro de 1937, María do Valle Lozano foi sacada da prisión xunto con outra muller, Salud Torres Díaz, de 25 anos, afiliada á UXT. Ambas foron trasladadas desde Bande ata a comarca da Limia no que se coñecía como darlles “o paseo”, unha práctica habitual da represión franquista consistente en executar persoas detidas sen xuízo previo.

Foron fusiladas nun lugar coñecido como Lomba de Lamas, no concello de Xinzo de Limia. No Rexistro Civil, a causa da morte de María do Valle Lozano figura como “destrozo cerebral por fusilamento”, unha fórmula habitual nos rexistros oficiais da época para encubrir execucións extraxudiciais.

Tras a execución, os corpos permaneceron varios días desaparecidos, mentres as familias os procuraban. Finalmente, foron atopados e enterrados no cemiterio parroquial do Mosteiro de Ribeira, en dúas sepulturas próximas, rexistradas como pertencentes a mulleres descoñecidas.

O caso de María do Valle Lozano forma parte da memoria das mulleres represaliadas en Galicia, vítimas dunha violencia política que buscou silenciar o compromiso social e ideolóxico durante a ditadura franquista. Nas últimas décadas, a súa historia foi recuperada por investigacións históricas e iniciativas de memoria democrática.

O seguinte poema dedicoullo Claudio Rodríguez Fer a María de Beiro e a Salud Torres, as dúas fusiladas.

O TERROR EN CARRO DE VACAS

Ata a Lomba de Lamas,
onde os doces prados do outono
son lameiros de regos transparentes
fluíndo baixo a última sombra da noite
espida polas pastoras das brañas
e polas aves canoras na albada,
ata alí mesmo,
tras subir lentamente polo Monte Furriolo,
chegou o terror en carro de vacas

Non se pecharon máis
os ollos das nenas pobres do campo
nin deixaron de ver nunca
o sangue do chedeiro
escorrendo polo cabezallo,
pingando polo eixo,
revirando na roda
flamexante e vermella
como un sol tristemente caído
sobre a lama da lomba

O carro secular e inmóbil,
o alarido interminable
da cantadeira sobre o eixo,
o arrepío dos estadullos en punta
coma se os fungueiros saísen espetados
polas furas das feridas das mulleres mortas,
eran a expresión do medo.

Pero non doeron máis a María de Beiro
os balazos que coseron o seu corpo
que os que descoseran antes
a seu fillo Manuel,
que os que descoserán máis tarde
a seu fillo Ricardo.

Non magoaron máis a Salud
as balas que acabaron coa súa vida
que as que remataran coa xustiza,
pois a esperanza tiña entón a parálise
dun carro de bois detido sobre o barro
por desfeita cerebral no outono.

Elas eran o leite nutricio
e as mazás da vida
no tempo do leite ardendo gasolina
e da mazá con hemorraxia interna.

Ninguén puido comprendelo
na Lomba de Lamas.

Fusilaran o leite branco,
fusilaran a mazá vermella,
e o terror viña en carro de vacas
aforcando a dignidade co xugo.

Vid: Nomes e vocesLa Voz de Galicia, hemeroteca e Wikipedia