Etiquetas

01 junio 2010

MARÍA DOCAMPO POUSA

Mestra represaliada. Era irmá de Manuel Docampo que foi fusilado o 26 de setembro de 1939 por rebelión militar e de Ricardo Docampo, mestre cesado da súa escola. 

María naceu en Ourense o 6 de marzo de 1907. Cando tiña 18 anos, o 5 de xuño de 1925, realizou o exame de ingreso no Instituto de Ourense. Estivo matriculada durante dous cursos e o 10 de setembro de 1926 solicitou o Certificado para a Escola Normal de Mestras. 

Finalizados os estudos en 1931 solicitou cubrir interinidades. En 1935 estaba destinada na escola de Vilamartín de Valdeorras pero solicitou permuta coa maestra de párvulos número 2 de Ourense, Encarnación Pousa Otero. 

Como varias mulleres ourensás tamén contribuíu en xullo de 1933 cun donativo para a  placa conmemorativa que se lle dedicou á ilustre Fimomena Dato. O que di dela ser unha muller  que recoñecía á intelectual como defensora das mulleres.

Era irmá de Manuel Docampo Pousa que era carpinteiro, foi xulgado en Ourense por rebelión militar e considerado un comunista co resultado de sentencia de pena de morte sendo executado no Cumial, Seixalbo, o 26 de setembro de 1939. Manuel era o presidente de La Casa del Pueblo; tamén o era do Socorro Rojo Internacional e da Sociedade de Carpinteiros de Ourense.

Outro dos irmáns era Ricardo Docampo Pousa que era mestre e o Oficial da Sección Administrativa de Primeira Ensinanza. Tamén foi separado definitivamente do ensino en marzo de 1937.

María tamén sufriría a vixianza do franquismo e foi represaliada no proceso de Depuración de Mestres Nacionais. 

Pasado un tempo puido reincorporarse á ensinanza e en 1953 estaba exercendo na Nexa de Ourense. Estivo uns meses de excedencia para realizar un curso de parvulista na Coruña.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e Educación en Ourense (1900-1930), Tese de Doutoramento; Ministerio de Cultura. Archivo: Archivo General de la Administración Fondo: Ministerio de Educación Nacional. Serie: Expedientes de depuración de maestros nacionales; http://vitimas.nomesevoces.net/gl/ficha/10514/;  El Diario de Pontevedra , 4 de agosto de 1937; El Compostelano, 23 de marzo de 1937 marzo 23; El pueblo gallego, 1 de xaneiro de 1931.