Etiquetas

04 mayo 2025

MARÍA DÍAZ DÍAZ

Estudou a carreira de Maxisterio e comezou a traballar en setembro de 1918. En 1930, outorgáronlle a praza de interina na escola de Celeirón, Maceda. Para dito nomeamento a Sección administrativa remitiu a Málaga o 17 de xullo dese ano as credenciais correspondentes para que recollese o seu título administrativo e tomar posesión do cargo, pois María levaba exercendo en Archidona desde o ano 1922.

A mestra estaba no segundo escalafón e solicitou pasar ao primeiro en agosto de 1934 o que implicaba un maior soldo, pois hai que lembrar que a asignación dos soldos estaba en relación ao rango de maxisterio ao que se pertencía. Para este ascenso tiñan que pasar unhas probas de exame ante a inspección, no seu caso ante Sara Leirós, e, en efecto, María lograría superalas.

María permaneceu na escola de Maceda durante moitos anos. Cando sobreveu a guerra civil e a represión contra os docentes, a mestra tería que pasar polo trámite da Comisión de depuración. Unha vez valorados os seus informes o presidente ditaba a sanción que se lle impuña. Pois ben, en 1942,  María foi castigada coa suspensión de emprego e soldo por un ano. Así mesmo foi obrigada a trasladarse fóra da provincia e inhabilitada para o exercicio de cargos directivos e de confianza en Institucións culturais e de ensinanza.  

Así que, María foi destinada de xeito forzoso á escola de Noicela no Concello de Carballo. Sanción que marcaría o seu expediente.

Fontes: Gúia General de Andalucía. 1922, p. 1280 Información del Magisterio (1930, 17 xullo). Galicia, p. 2; Magisterio. (1942, 17 de xaneiro). La Región, p. 3. De Inspección (1934, 4 xullo). Galicia, p. 1; Traslado de maestros (1944, 9 agosto). El Ideal Gallego, p 7.