Os acontecementos sucederon do seguinte xeito. Don Cándido Suárez Ormoso, Garda Civil da provincia de Ourense e secretario do Xulgado Militar Especial de Atracos, do que era xuíz o capitán de infantería Benjamín Pereira Taboada, certificaron que Saturnino Darriba, Gabriel Hernández González, José Fernández Alonso, Francisco Domínguez, Gumersindo Delgado Gallego, Remigio Fernández Rodríguez e Felisa Pérez Corbillón foran os autores dun atraco perpetrado o 11 de setembro de 1940. Que algúns deles tiñan “malos antecedentes y de ideología izquierdista" e que ao ver o triunfo do Movemento Nacional e o fracaso da rebelión “marxista” fuxiron a Portugal, situándose na fronteira para efectuar incursións, atracos e roubos. Nalgunhas ocasións puxéronse en contacto con Gumersindo Rodríguez Gallego, veciño de Quintela, Bande, fuxido tamén a Portugal desde onde pediu ser trasladado á Zona Roja. Entre todos conviñeron o atraco en Porto Quintela no domicilio e comercio dos irmás Don Lisardo e don Hermindo de Castro Álvarez pois Gumersindo indicou que eran persoas adiñeiradas. Cando chegaron ao lugar os asaltantes rodearon o domicilio e tres penetraron no comercio e dispararon a Hermindo e a Milagros Martínez Álvarez, dona de Lisardo, causándolles a morte. De Felisa parece probado que non actuou nestes sucesos directamemte e non quedou demostrado que lles ofrecese información ou auxilio para levar a cabo o delito, pero si falicitou aloxamento e comida na súa casa a todos eles. Todos foron capturados e os cinco asaltantes foron condenados a morte e a Felisa conducírona ao cárcere o 17 de febreiro de 1941.
Transcorrían os meses para que Felisa declarase ante Xuíz Especial Permanente para enxuizamento de Fuxidos. Mentres tanto, dende o cárcere, enviouse con data do 17 de abril de 1941 ao Xefe de servizo da Prisión Provincial de Ourense o seguinte comunicado por parte da gardiá Manuela Fernández:
La guardiana de servicio que suscribe tiene el honor de participar a usted que la reclusa Felisa Pérez Corbillón pasaba comida de la que ella recibía a la también reclusa, castigada con incomunicación y sin recibir comida del exterior desde el día 1 del actual, Estrella Quintela López.
La Felisa Pérez Corbillón fue castigada provisionalmente y mientras no reciban otra cosa de la Superioridad a no recibir comida alguna del exterior. (1)
Chegado agosto, Felisa foi posta á disposición do Xuíz militar permanente de fuxidos pois ía levarse a cabo o Consello de Guerra ao cal tamén tivo que comparecer a Policía Armada que detivo a Felisa. Tras as declaracións ditouse sentenza o 13 de outubro de 1941 e estimando que Felisa xa levaba en prisión oito meses e doce días impúxolle unha condena de doce anos e un día de prisión temporal, quedábanlle por cumprir once anos, tres meses e 28 días. Así que, Felisa extinguiría a condena o 13 de febreiro de 1953.
Felisa, estando no cárcere, enfermou e o médico, Celso Moreiras Meirás certificou que a reclusa padecía epiose visceral e que precisaba unha intervención cirúrxica polo que era preciso conducila ao Hospital Provincial de Ourense. Dito isto, o 7 de outubro de 1942, Felisa foi trasladada ao Hospital, previamente cacheada pola gardiá Manuela Fernández. Aos sete días, o 14 de outubro, voltou ao cárcere pois o Gobernador Civil indicoulle ao Director da prisión que a reclusa podía ser asistida na prisión. Non obstante, o médico, insistiu que era preciso que permanecese na celda sanitaria de aillamento para poder antender mellor a súa curación.
A finais do ano 1942, cando Felisa levaba no cárcere case dous anos, considerouse concederlle a liberdade atenuada. Non obstante, o Comandante do Posto da Garda Civil de Celanova foi extremadamente duro no informe que enviou con data do 2 de novembro no que indicou que Felisa era viúva e que era unha muller de mala conduta moral por ser prostituta e que tiña dúas fillas de pais descoñecidos. Argumentou que as súas fillas acabaron tamén prostituíndose e foran entregadas a “maleantes, personal huído y contrabandistas”. Manifestou tamén que:
En su domicilio cobijaba la hez de la delincuencia en donde se entregaban a orgías que sostenían económicamente con el producto de robos y contrabandos. (2)
Máis benevolente foi o rexedor do pobo de A Bola xa que nun informe datado o 10 de novembro o seguinte manifestou:
D.Camilo Feijoo Vázquez Alcalde Presidente y Jefe de Falange Española Tradicionalista y de las J.O.N.S Evaluando el informe relativo al recluso Felisa Pérez Corbillón vecina de Vilaverde en este Término Municipal, en cuanto a su conduta moral pública y privada deja bastante que desear, no obstante el que informe no se opone a los beneficios de la libertad condicional una vez impuesta la condena se halla extiguiendo en esa prisión. (3)
O 12 de decembro de 1942 o Presidente de Excarceracións acordou a liberdade atenuada. Malia todo, isto non significaba a excarceración inmediata de Felisa xa que había que facer acopio de informes de se os feitos polos que se acusaba a Felisa se produciran durante a guerra ou foran posteriores a ela. Cando informou o Comandante Xuíz indicando que sucederan o 12 de setembro de 1940 e como non puido ser levada ao Consello Militar ata o 9 de setembro de 1941 e “no pudiendo elevar la propuesta al Patronato Central”, indicouse que debía ser reingresada no cárcere en xuño de 1943.
Mais, cando o Gobernador Civil mandou aviso de detela de novo, a Garda Civil indicou que Felisa xa non acudía ás presentación debidas ante as autoiridades e que non estaba localizada para conducila ao cárcere. En agosto de 1943 non sabían do paradeiro de Felisa e comezaron as pesquisas.
Dadas as diferentes continxencia, o Gobernador Civil determinou a condución de Felisa á Prisión de Mulleres de Amorabieta. Saíu da prisión de Ourense o 18 de agosto de 1945, Felisa tiña 52 anos. Quedaban no pobo as súas fillas de 25 e 22 anos.
Felisa saíu do cárcere tras cumprir a condena e sabemos que en novembro de 1962 obtivo o pase de fronteira. Residiu en Ourense onde, por certo, en 1969 adquiriu un panteón no cemiterio de San Francisco.
(1)Expediente persoal da reclusa Felisa Pérez Corbillón. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25103/029. Caixa 25103/029 (10). (2) Idem. (20); (3) Idem (19).
(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Expediente persoal da reclusa Felisa Pérez Corbillón. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//25103/029. Caixa 25103/029; Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso do ano 1941. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2239. Libro 2239.)