O negocio estaba na Rúa de Paz pero, en outubro de 1932, trasladouse á rúa Lamas Carvajal, número 41, 1º piso. Alí mesmo creou a rondalla "Blanco y Negro" composta de 32 músicos, tanto homes como mulleres e nenos e nenas de curta idade. Era, non cabe dúbida, un home recoñecido na cidade e impulsou que os seus fillos e fillas tamén se dedicasen á música, Luís sería violonista e foi o director da rondalla do centro Concepción Arenal de Ourense participando en diferentes eventos. Na rondalla estaba tamén como guitarrista a súa irmá, Elvira. Unha das súas actuacións foi en marzo de 1930 nunha homenaxe ao que ao director do centro, Ruperto M.Trincado da que a prensa resaltou a destreza coa guitarra de Elvira. Logo, Manuel sería nomeado presidente do Orfeón ourensán e formou o grupo Los Binario chegando a actuar en Turquía; Carlos foi profesor titular de Orquestra Nacional...
Elvira, realizou o exame de ingreso no instituto de Ourense o 17 de xuño de 1929 con resultado de aprobado pero o 22 de agosto solicitou un certificado de traslado ao Conservatorio de Música de Madrid. Alí cursou en 1928-29 as materias de solfexo e piano das que se examinou por libre. As súas cualificacións foron as seguintes, segundo información que me enviaron desde a Secretaría do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid:
Elvira comezou a ser recoñecida na cidade ourensá como pianista e adoitaba a acompañar ao seu irmán, Luís, que tocaba o violín. Interpretaban pezas como "Fausto" de Gaunod; "Romanza de fa" de Beethoven; "Guillermo Tell" de Rossini; "Donizetti"; "Claro de Luna"...En definitiva, un amplo repertorio de música clásica que eran ben recibidos polo público ourensán que gostaba da música. Tamén eran chamados para recitais musicais en eventos conmemorativos como foi no caso da homenaxe ao director da Normal Emilio Amor Rolán.
O pai de Elvira, Modesto, faleceu en xullo de 1952 en Ourense e foi unha perda moi sentida na cidade pois contribuíu ao desenvolvemento musical na cidade. Once anos máis tarde, en 1963, faleceu súa nai.
Vid: AIOP. Expedientes persoais de alumnado iniciado en 1929. (87/1.6); Peluquería Casasnovas. (1932, 26 de outubro). Galicia, p. 6. Rondalla Blanco y Negro. (1934, 13 de febreiro). Galicia, p. 6; Fiesta simpática. (1930, 29 marzo). La Región, p. 5; Juventud Católica. (1932, 11 maio). La Región, p. 1.