Etiquetas

10 julio 2022

CLEOFÉ OSORIO OTERO

Naceu en Ourense o 9 de marzo de 1901 e era irmá de Delia sendo os seus pais, polo tanto, Francisco Osorio, natural de Vilar, Coles, de profesión industrial e de Pilar Otero nacida en Barra, Coles. A nena naceu no domicilio do matrimonio na rúa do Progreso, número vinte e un.

Cleofé ingresou no Instituto de Ourense o 16 de setembro de 1918 e realizou todos os cursos de bacharelato de forma oficial e acadou o título en 1925 cunhas notables cualificacións.

Despois do Bacharelato e para acadar o título de maxisterio matriculouse durante 1925 e 1926 das materias de Pedagoxía de primeiro e segundo curso, Historia da Pedagoxía, Costura, Bordado en branco e corte en roupa branca, Corte de vestidos e labores artísticas, Música de primeiro e segundo, Economía doméstica e Prácticas de primeiro e segundo curso. As prácticas realizounas no colexio de Párvulos da cidade sendo a súa titora a mestra Elvira Acevedo Rodríguez.

Rematados os estudos presentouse ás oposicións en 1928 pero acabaría facendo os cursiños profesionais de acceso ao maxisterio que se convocaron para o 26 de outubro de 1931.

En 1932 déronlle destino na escola de nenas de Penanaveira en Melón. Por ese entón afiliouse a ATEO e participou nas asembleas da asociación, aínda que non ocupou ningún cargo diretivo como si fixera Delia. En 1936 obtivo destino na escola de Berrande en Vilardevós pero o 4 de agosto de 1936 foi sancionada, como o resto dos seus compañeiros de ATEO, coa suspensión de emprego e soldo por un período de tres meses, acusada como eles de encher de ideas comunistas as mentes dos infantes e envelenalos de odio. Pero non quedou aí a sanción pois actuou Alfonso Iniesta Corredor, inspector Jefe de Primeira Ensinanza e Vogal Secretario da Comisión Depuradora de Ourense, solicitando informes de Cleofé. Estes foron proporcionados pola forzas vivas do pobo e neles indicábase que, se ben era certo non se tiña coñecemento de que Cleofé pertencera ao partido da Fronte Popular, si estaba claro que era simpatizante pois: “mostró publicamente su alegría, es decir, sin recatarla, cuando supo el triunfo electoral de Frente Popular…que le alegraban las leyes depravadas y antirreligiosas que dio”. Os sacerdotes concretaron tamén que era pouco católica.

Finalmente e con data do 23 de maio de 1938 fóronlle imputados catro cargos, o de ser simpatizante dos partidos integrantes da Fronte Popular facendo públicas manifestacións de alegría ao saber que triunfaran; de alegrarse cando a Fronte Popular levaba á práctica algunha lei anticatólica e “depravada”; de non gardar as leis da igrexa e, por último, de estar afiliada á ATEO.

Malia que Cleofé fixo alegacións non se librou da sanción foi separada definitivamente do servizo o 24 de abril de 1940.

Dous anos máis tarde, o 22 de abril de 1942, solicitou a revisión do expediente e o xuíz revisor emitíu un comunicado o 29 de maio de 1942 que considerou oportuno atenuar a condena e imporlle o traslado dentro da provincia non podendo solicitar vacantes en dous anos e a inhabilitación para cargos directivos e de confianza en institucións culturais e de ensinanza. Sen dúbida, a proposta, aínda que dura, permitía que Cleofé se incorporase á docencia. Despois da súa readmisión no maxisterio estivo destinada na escola de Alende en A Peroxa.

Cleofé residiu coa súa irmá Delia na rúa Salto do Can, nunha vivenda de renda limitada e faleceu en Ourense o 13 de abril de 2002.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Esta entrada é un extracto du artigo que estou a redactar sobre as mestras afiliadas a ATEO. Publicacións suxeita a rexistro de propiedade).
Fontes: Arquivo da Universidade de Vigo, “Expediente académico de Cleofé Osorio Otero”; “Nombramientos de interinos”, El Pueblo Gallego, 19 de abril de 1932, p. 12; MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo Xeral da Administración, 32-12791-029-0004; MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo Xeral da Administración, 32-12791-029.