Un dos centros de referencia educativa en Ourense foi, sen dúbida ningunha, o Instituto ourensán. Unha vez inaugurado en 1896 serviu de acollemento de diverso alumnado, maiormente masculino, e pouco a pouco feminino para sacar adiante aos bachilleres. Malia o seu escaso espazo tivo que ser sé doutras institucións como a Normal de Mestres e Mestras así como Escola de Artes e Oficios e Biblioeca Provincial. Mais, se durante a República se observa un aumento de matrícula feminina no Bacharelato, co franquismo as taxas minguan pois non estaba ben visto que a muller quixera cursar estudos secundarios cando o seu destino ía ser a familia.
A concepción dos estudos de bacharelato no franquismo podemos resumilos do seguinte xeito. O sistema educativo franquista comezou a ser operativo en plena guerra civil e concebiu, xa desde 1938, un bacharelato que retrocedeu aos valores imperiais de España de aí que a Historia fose o eixe vertebreador do currículo e constaba de sete cursos. Despois, en 1949 creouse un Bacharelato Laboral coa intencionalidade de formar ao alumnado nas cuestións técnicas e para o mundo profesional. Estas ensinanzas non se daban nos Institutos de ensinanza Media, senón en centros específicos. En 1951 houbo outra reforma no Bacharelato Universitario para ofrecer unha formación máis científico. Comprendía seis anos, catro comúns e elementais e dous cursos divididos en dúas ramas (letras e ciencias) que era o Bacharelato Superior. A partir dos anos sesenta hai un interese por modernizar a ensinanza e introdúcense algúns cambios como a unificación do Bacharelato laboral co Bacharelato Elemental.
A ensinanza secundaria nos anos corenta estaba en mans das Ordes Relixiosas e no caso das mulleres tamén, eran as Ordes femininas as que preparaban ás mulleres nestes estudos. Pero, como dicía, o franquismo consideraba que estes estudos non eran apropiados para as mulleres.Pilar Primo de Rivera dicía:
Nos anos cincuenta as mulleres estaban obrigadas a estudar nas Escolas do Fogar (Unha institución que xa se creara en 1911 e funcionaba para preparación das mulleres nas ensinanzas sen descoidar a súa condición feminina) na que se formaba ás mozas nos asuntos domésticos, moralidade, ximnasia... e, en certa medida, controlado pola Sección Feminina. Mais, paulatinamente, a muller vaise incorporando cada vez máis ao mundo laboral e iso determinou a creación en 1957 do Bacharelato Laboral Feminino que as preparaba para unha serie de traballos. En Ourense impartían clase na Escola do Fogar Ángeles Fuster López de Música; Aurora Martínez Vidal, de Educación física; Carmen Moura Sanz, profesora de corte; Rosario Rodríguez Lameira, profesora de Corte; María Teresa Vázquez López, profesora de Traballos Manuais; María del Carmen Vázquez Prasta, profesora de Traballos Manuais...
(Fonte: La Región, 28 de xullo de 1955, p. 4)
A prensa local ourensá facía eco da noticia sobre a creación dos distintos bacharelatos:
(Fonte: La Región, 7 de setembro de 1955, p. 4)
(Fonte: La Región, 27 de maio de 1959, p. 5.)
Nunha entrevista realizada ao Ministro de Educación, Joaquín Ruíz Gimenez, manifestou que o bacharelato feminino concebíase como unha institución que ía ofrecer unha cultura xeral que comprendera idiomas modernos, ensinanza do fogar, e tamén prácticas de oficina para aquelas que non ían continuar unha carreira. Logo habería un bacharelato máis humanístico no que se lle ía dar importancia ás linguas clásicas e modernas, para quen "
sienta especial vocación por los estudios de letras". Manifestou que estes estudos implantaríanse naqueles centros que o soliciten.
No discorrer da súa longa vida acabamos vendo ao Instituto convertido en Instituto feminino en 1966. Nun principio pretendíase facer un novo piso no edificio, falábase, dun terceiro piso, pero despois considerouse que o Instituto feminino ía construírse no que se denominou Cidade Escolar (e da que dou conta na miña publicación da Escola Normal de Mestras de Ourense).
Este era, en principio, o obxectivo do Ministerio, tal como deixou indicado o Goberandor Civil cando se inaugurou o centro 12 de Outubro precisamente o 12 de outubro de 1957.
(Fonte: La Región, 13 de outubro de 1957, p. 1)
No curso inaugural 1960-61 o que era entón director do Instituto, Julio Francisco Ogando Vázquez, indicou que o Instituto debía dispor dunha terceira planta e que: "
Es más, mirando un poco el futuro inmediato, debe ir pensando en la creación del Instituto Femenino ya que el censo escolar de Orense es mayor que el de las otras tres capitales gallegas que poseen dos centros" (2).
O aumento da matrícula feminina era un feito incuestionable. Os anos sesenta supuxeron un punto de inflexión en varios aspectos da vida española aínda que sen deixar de vivir baixo unha ditadura. Pero si foron cambios na mentalidade da sociedade e na economía pois o fenómeno do turismo foi unha realidade no país. Así como a chegada das remesas dos emigrantes facilitou que as familias puideran ter maior capacidade adquisitiva. E en cuestión de mentalidade, os mozos e mozas, comezaban a coñecer a modernidade malia que aínda a ditadura era unha lousa no pobo.
As mozas galegas e, como non, ourensás, quixeron adaptarse a unha nova realidade e animábanse a matricularse nos estudos de bacharelato xa que lles ía abrir un futuro profesional.
Pero o proxecto da Cidade Escolar ía bastante lento e aínda no ano 1964 non se avanzara demasiado e, por tal motivo, solicitábase "programar las obras a mayor ritmo" e achacaban isto á falta de recursos.(3)
No 1963 inaugurouse o Instituto Feminino de Vigo; no ano 1965 o de Ferrol pero o de Ourense ía con máis retraso.
Con todo isto non estou a favor da existencia de centros segregados por sexo senón que estou falando dunha realidade durante o franquismo que consideraba que a educación tiña que ser diferente para os dous sexos. O que si poño en valor é o crecente número de alumnado feminino que comeza a producirse en todas as provincias galegas o que pon de manifesto que as mozas teñen ansias de abrirse camiño a pesar de que a ditadura non concibía a emancipación das mulleres. En efecto, o mundo laboral estaba vetado ás mulleres cando casaban e se traballaban debían contar coa autorización dos seus homes, unha autorización que se eliminaría en 1976 pero que durante todo o franquismo se mantivo.
Pois ben, finalmente, non se edifica o insituto feminino na Cidade Escolar senón que se decide que o Instituto Xeral e Técnico de Ourense pase a ser de matrícula unicamente de mulleres. Entón, será no ano 1966 cando se inaugura o curso escolar no Instituto Feminino. O cambio veu establecido porque na Ponte comezou a deseñarse un novo centro de bacharelato na Rúa Marín, ao carón da Cidade Escolar, e sería, polo tanto, destinado a Instituto Masculino.
(Fonte: Instituto Maculino. La Región, 18 de outubro de 1966, p. 5.)
(Fonte: Instituto masculino. La Región, 26 de xaneiro de 1967, p. 6.)
No instituto feminino impartíanse clases diúrnas e nocturnas o que permitía que houbese unha maior oferta de matrícula e puideran realizar estes estudos un maior número de Ourensás.
(Fonte: La Región, 1966 outubro 22, p. 8)
Neste curso o director, Ogando Vázquez, pronunciou un discurso inaugural no que manifestou que a existencia do Instituto Feminino era proba de madurez da muller ourensá no terreo educacional.
As inauguracións dos cursos académicos tiñan unha grande categoría polo seu carácter cultural. Adoitaban falar profesores e profesoras dando conferencias de interese sumo e ao longo do curso tamén se organizaban Cursos de extensión cultural:
(Fonte: La Región, 17 de decembro de 1967, p. 8)
O Instituto Feminino vai ir adquirindo unha notoriedade celebrándose nel numerosos eventos culturais e charlas sobre materias diversas, matemáticas, latín, física, literatura...ao marxe das clases. O paraninfo ofrecía un escenario idóneo e adoitaba estar concorrido.
A medida que pasaban os anos a matrícula ía aumentando, de feito, non era raro que desde a direccións e indicase que non había máis prazas e tan só ofertaban algúns cursos (algúns no nocturno) onde aínda podían inscribirse.
En dito centro, a partir do ano 1966, impartían clases profesoras interesantes, a maior parte delas, proviñan de fóra de Galicia, e tiñan o título de catedráticas, entre elas Patrocinio Armesto de Ciencias, Agapita Serrano de Latín, Teresa Delgado Piñar de Latín, Ana Torrás de Ciencias Naturais, Enma Saenz Amor de Ciencias, Teresa Martín Flórez de Ciencias; Pilar Domínguez Abad, de Matemáticas; Esperanza Carnero Dopico de Xeografía e Historia; Julia Sánchez Martín, de grego; María Jesús Méndez Gutiérrez, adxunta de Matemáticas; Rosa Moreno Torres de Matemátiacs; María José Vide Ocampo de Inglés; Libia Méndez Francisco auxiliar de Educación Física; Carmen Castro Rodríguez profesora de F.E. Nacional; Araceli Ancochea Rodán, axudante de Idiomas.
Cando chegou a democracia, tanto o centro masculino e feminino de bacharelato, desapareceron converténdose ambos os dous en centros mixtos.
Non é dúbida ningunha que o Réxime mantivo un intenso adoutrinamento sobre as mulleres pois focalizou nelas o rol do mantemento do patriarcado. Non obstante, estamos seguras que moitas delas souberon transformar esas ensinanzas en pro de ir cambiando a situación conformándose unha nova conciencia de si mesmas.
(1) Mayordomo, Alejandro. Estudios sobre la política educativa durante el franquismo (Capítulo: Azul y Rosa de María del Carmen Agulló Díaz). Universidad de Valencia. 1999, p. 255.(2)Fue solemnemente inaugurado en el Instituto el curso académico 1960-1961. (1960, 12 de outubro. La Región, p. 2. (3) Programar las obras a mayor ritmo. (1964, 8 de outubro). La Región, p. 13.
La educación femenina durante el franquismo – por Francesc Sánchez – El Inconformista Digital.(2024). Retrieved December 5, 2024, from Elinconformistadigital.com website: https://www.elinconformistadigital.com/2013/06/27/la-educacion-femenina-durante-el-franquismo-por-francesc-sanchez