Etiquetas

08 mayo 2015

ELVIRITA CUEVILLAS


Coñecida era por Elvirita, muller elegante, sorrinte e tenra da nosa cidade. Elvira Cuevillas levaba o apelido dun ilustre ourensán pero ela soubo gañarse o aprezo e a admiración de moitos. Mestra de profesión, muller adiantada ao seu tempo, muller que arrincou panexíricos por parte de numerosos ourensáns.
E se mo permiten, as palabras que lle dedicou Alfonso Vázquez Monxardín na Rexión, son moi bonitas e gústame reproducidas aquí pois a través delas achegámonos a esta dona ourensán de cabelo albo:


Titúlao así:                       ELVIRA CUEVILLAS, A MOZA MÁIS NOVA
De Alfonso Vázquez Monxardín
(Publicado en La Región 1-5-2013)

"Elvira Cuevillas, esa moza elegante, coqueta, culta, afable, de cabelo curto e inmaculadamente branco, que se entretiña en espallar pola cidade adiante sorrisas amables sempre, e xuízos críticos cando cumpría, acababa de emprender a viaxe defintiva. Seguramente, seu pai, Florentino, o eixo histórico da xeración Nós, fondamente católico e de misa diaria algo que non deu inculcado en Elvira, esta filla tamén doutros tempos e doutras ideas- aseguraría que estaría no ceo. E se cadra si. Pero en calquera caso, o lugar onde estea ela será mellor, máis divertido, que antes da súa presenza.
Elvira, filla de don Floro e dona Julia*, a maior das tres irmás, Julia e Milagros as outras, pasaba xa dos noventa, pero tiña que dar a volta para que non pensases que era unha nena moderna, cos seus vestidos, os seus colares, os seus pendentes, o seu sorriso.
Elvira formara parte desas mozas transgresoras de cando ninguén o era, que un día dos anos sesenta marchou por Europa, a Holanda de partida creo, pero tamén a outros sitios, exercendo de mestra de nenos, e cun mozo, José Luís o Pitolas, primo de meu pai, para escándalo da cidade conservadora. Ela, de broma, sempre me recordaba que eramos case parentes. O Pitolas non foi o único pero se cadra foi o seu grande amor.
Nos últimos anos viviu de acabalo entre o Sanxenxo tranquilo de contratemporada o relax da natureza- e o Ourense matricial e dos encontros activos coas amigas e amigos de varias xeracións
Lembro as súas bágoas na rúa e como se tivo que sentar nunha terraza da rúa da Paz o día que lle dixen que Marcos Valcárcel acababa de morrer. Vitalista apaixonada da cultura, sempre presente nas Xornadas da Filosofía de Pontevedra, nas conferencias e concertos que había na cidade, escoitando aos escritores, amigos, participando nos clubes de lectura, de cine case diario?
Faláballes antes de amigos de varias xeracións. Permítanme que lles conte unha anécdota que me relataba emocionado hai meses o amigo Xosé María Eguileta, motero, arqueólogo municipal, cuevillista apaixonado de don Floro, e da boa xente da Fundación Vicente Risco que tanto a mimaron. Pois contábame que un día, hai un par de anos, Elvira díxolle que lle gustaban as motos grandes. E que nunca fora nunha tan chula como a del. Despois de pensalo un pouco, e como Elvira estaba rufa, Eguileta deixoulle un casco, unha chupa de coiro e á mañá seguinte foron almorzar a Soutelo de Montes. Seica disfrutou como unha nena. Seguramente porque tivo a sorte e a sabiduría de nunca deixar de selo de todo. 
Elvira Cuevillas, Sit tibi terra levis. Que a terra che sexa leve. Por aquí, desde logo, ímoste botar de menos."


Preciosas palabras as que lle dedica Alfonso V.Monxardín, sen dúbida, non puiden remediar poñelas aquí.
Vid: La Región
(*) No texto hai un erro, a muller de Florentino López Cuevillas era Milagros Rodríguez.

Elvira López Cuevillas foi unha muller intelectual, amante do estudo ademais de ser reivindicativa e valente.
            En moitas ocasións e sen intención, unha grande personalidade eclipsa ás persoas da súa contorna, pero levámonos unha grande sorpresa ao comprobar que estas tamén trazaron unha traxectoria moi encomiable. É o caso que nos ocupa. Elvira López Cuevillas, filla dun dos intelectuais máis admirados e destacados de Galicia, tamén nos deixou un importante legado cultural ademais de ser unha muller adiantada ao seu tempo polo seu carácter independente e lonxe de convencionalismos. Elvirita, tal como era denominada polo agarimo que transmitía, era delgada e levaba o pelo sempre moi curto e branco, deste xeito non ía acorde coa moda feminina da época o que era mostra do seu carácter rompedor.
            Florentino López Cuevillas e Milagros Rodríguez casaron en Ourense en 1912 tras regresar el de Madrid. Tiveron tres fillas, Elvira que era a maior, Julia e Milagros[1]. Sen embargo, Elvira viviu e medrou durante un longo tempo na casa duns familiares, algo que quizás lle afectou. Non obstante, soubo aproveitar o ambiente cultural da familia para enriquecerse intelectualmente. Seu pai, un  reputado e recoñecido intelectual e galeguista e súa nai, Milagros, que formou parte do Grupo Feminino de Ourense do Partido Galeguista e que fora unha das que asinaran un dos manifestos máis interesantes en prol da cultura e recoñecemento de Galicia[2]; ían ser grandes referencias para Elvira fixo dela unha muller de perspectiva aberta e moi moderna.
            Fixo estudos de maxisterio e a súa inquedanza e valentía levárona polos anos sesenta a deixar Galiza para ir das clases aos emigrantes que estaban en Holanda paro despois vivir un tempo en Francia.
            O 23 de novembro de 1952 faleceu a súa nai e iso supuxo para Florentino e as súas fillas unha dor intensa. Tamén foi unha perda moi sentida para as súas amizades máis achegadas como Dona Eladia, nai de Otero Pedrayo, Dona Fita e o propio Otero. Así se constatou nas misivas que se enviaban regularmente Otero e a súa nai quen escribiu: “Fita que te pareció de la pobre Milagros, ya se fue para siempre, a mi no se me va de la imaginación. Dios la tenga en buen lugar”[3].
            De novo regresou a Ourense e comezou a implicarse no ambiente e actividade cultural da cidade. Participou no Liceo no clube de lectura; tamén era asidua visitante do Museo Arqueolóxico de Ourense, sen dúbida unha vocación herdada do su pai, para coñecer as últimas achegas de restos arqueolóxicos. Así mesmo, era unha muller que percorría os castros da provincia e mesmo trepaba axilmente polas pedras e muros de xeito intrépido. Seguro que neses percorridos lembraría ao seu pai que tantos estudos arqueolóxicos realizara. Asistía a concertos, a conferencias de escritores e estaba sempre presente nas Xornadas da Filosofía de Pontevedra.
            Todo isto dá mostras de que era unha muller que sempre quería aprender. De feito fixo estudos de interesante calado como o titulado “Provisiones, proclamación y juras de la Constitución  en 1812 y 1820 y quemas de la Constitución en 1814 y 1823 en los libros de actas del Ayuntamiento de Orense” publicado no ano 1994 no Boletín Auriense onde fai unha análise pormenorizada das primeiras constitucións e a súa repercusión e incidencia na cidade de Ourense[4].
            Froito do amor filial ao seu pai, sempre estaba presente nos eventos que facían no nome de Don Florentino, como conferencias, presentación de libros, etc. converténdose nunha grande embaixadora da súa figura. Cando José M. Gómez Tabanera, antropólogo e historiador, reeditou en 1988 a obra  de Cuevillas “La civilización céltica en Galicia” que se publicara no ano 1953 deu as grazas as fillas de Cuevillas, Julia e Elvira, por apoiar a iniciativa dicindo texualmente: “Hoy quiero evocar su figura en estas páginas, que vuelven a ver la luz gracias a la generosidad y amor filial de sus hijas Julia y Elvira”[5].
            Tamén estivo presente na reedición do libro “Parroquia de Velle” que fora escrito por Cuevillas, con Vicente Fernández Hermida e Xaquín Lorenzo[6].
            Elvira deu mostras de ser unha grande defensora de Galicia. Coñeceu a importantes representantes da cultura galega e por iso participou coas súas testemuñas en documentais como o titulado “D´A fazaña á Liberdade” dedicado a Alexandre Bóveda. Elvira vía de xustiza lembrar a estes ilustres galeguistas que tanto ben fixeran pola nosa cultura. Tamén foi testemuña da amizade entre o seu pai e Otero Pedrayo e este, estando en Santiago preocupábase de cartearse con regularidade con Cuevillas. De feito Otero Pedrayo lle enviou á súa nái dicíalle a esta que nas cartas que lle enviaba á súa nai desde Santiago dicíalle: “Escribe dos letras a Florentino o a sus hijas cuando puedas”[7].
            Elvira tiña unha forte personalidade, era moi independente e tiña un encanto rebelde. Casou cun home máis novo que ela, José Luís o Pitolas, o que provocou certo escándalo na cidade pero nunca lle importou o que dixeran dela, pola contra, isto deulle máis forza e orgullo.
            Era unha muller dunha grande nobreza pois nunca ocultou o que pensaba atrevéndose a manifestar a súa opinión ante quen fora, pois Elvira  era, tal como dixo Alfonso Vázquez Monxardín: “Elvira Cuevillas, esa moza elegante, coqueta, culta, afable, de cabelo curto e inmaculadamente branco, que se entretiña en espallar pola cidade adiante sorrisas amables sempre, e xuízos críticos cando cumpría…[8]
            Elvira faleceu en maio de 2013. Aquela moza aventureira deixou unha fonda pegada na cidade. Elvirita deixou poucos escritos e manifestos…pero deixounos unha forma de vida libre de ataduras. Monxardín conta a anécdota de que Xosé María Eguileta, o arqueólogo e moteiro,  un día prestoulle unha cazadora de coiro e un casco para levala na súa moto pois Elvira dixéralle que lle gustaban as motos grandes pero nunha montara nunha. E alá foron, a almorzar a Soutelo de Montes. Elvirita disfrutou coma unha moza.
            Elvira Cuevillas, unha muller que foi limpando un camiño trufado de prexuízos para a muller  debe estar na nosa memoria.

[1] Florentino López Cuevillas, https://es.wikipedia.org/wiki/Florentino_L%C3%B3pez_Cuevillas consultado o 24 de marzo de 2020.
[2] Rosa María Cid Galante, “Grao de participación da muller ourensá en movementos asociativos, políticos  e reivindicativos (1920-1936)” Minius, 14 (2006:66) 57:72
[3] Cartas á nai 241.
[4] Elvira López Cuevillas, “Provisiones, proclamación y juras de la Constitución en 1812 y 1820 y quemas de la Constitución en 1814 y 1823 en los libros de actas del Ayuntamiento de Orense”, Boletín Auriense, 24, 1994; pp. 227-252.
[5] J.M. Gómez Tabanera, “Presentación. Florentino López Alonso –Cuevillas y la Galicia céltica” en Florentino López Cuevillas, La civilización céltica en Galicia, (Madrid, Itsmo, 1988), 12.
[6] “La Diputación de Ourense y el Museo do Pobo Galego reeditan  el libro Parroquia de Velle”, https://www.europapress.es/galicia/noticia-diputacion-ourense-museo-do-pobo-galego-reeditan-libro-parroquia-velle-escrita-1936-20060221172544.html consultado o 24 de marzo de 2020.
[7] Ramón Otero Pedrayo, Cartas á nai  1951-1956 (Vigo, Galaxia, 2007), 242
[8] Alfonso Vázquez Monxardín, dedicoulle a Elvira unha fermosas palabras na prensa cando ela faleceu. Destacando dela a súa gracia, cultura e personalidade.”Elvira Cuevillas, a moza máis vella”, La Región, 5 de maio de 2013.