Etiquetas

18 diciembre 2022

ÁNGELES BARBOSA RODRÍGUEZ

Ángeles Barbosa era natural de Ourense e naceu en 1879. Era filla de Enrique Barbosa e Tomasa Rodríguez Rodríguez, falecida o 10 de outubro de 1910. O matrimonio tiña tres fillos que eran Ángeles, Francisco e Evaristo. Ángeles residiu sempre en Ourense pero os seus irmáns marcharon a México e na cidade de Calpulalpan abriron un comercio chamado "La Puerta del Sol".

Obtivo o título de Mestra Nacional en 1895. En 1899 foi destinada á escola de Vilariño. En 1901 casou co comerciante Antonio Quintana Peláez, natural de Zamora e socio da casa Bobillo. Rexentaba o comercio que se situaba na Praza Isabel a Católica fronte ao Padre Feijóo. En 1927 aconteceu que Antonio Quintana caeu do alto da canteira de Montjuich e non se soubo se foi accidente ou suicidio. 

Ángeles deixou de exercer o maxisterio por un período superior a cinco anos e en 1925 solicitou de novo a súa reincorporación. Non sabemos se houbo unha sanción para que deixara de exercer pois en numerosos escritos aparece que en 1926 foi indultada.

(Fonte: Expediente de Ángeles Barbosa, Arquivo da Universidade de Vigo)

Segundo o expediente académico consultado consta unha acta de exame na que se di:

En cumplimiento del artículo 80 del Estatuto de 18 de mayo de 1923 se ha verificado ante el Tribunal que suscribe el examen de aptitud determinado para el reingreso en el Magisterio primario de la maestra que fue de Villarino (Orense) Diña María de los Ángeles Barbosa Rodríguez, habiendo obtenido la calificación de Aprobado. Orense 30 de junio de 1925. 

A acta está asinada pola Axudante encargada de Pedagoxía Pilar Guerrero, a Directora da Normal, Leonor L. Pardo e pola Inspectora Xefe, Antonia Ortiz.

En 1933 estaba destinada na escola de Moreiras e ao ano seguinte foi á de Celanova. O 4 de agosto de 1936 apareceu nas listas de "Destitución y cese de los maestros marxistas" que saíron publicadas na prensa local. Era a nómina dos docentes que estaban afiliados á A.T.E.O. e Ángeles era unha delas. Foi trasladada por sanción á escola de A Veiga, supuña pois, un desterro. Dito traslado forzoso era por dous anos coa inhabilitación para exercer cargos directivos e de confianza nas Institucións Culturais. 

Faleceu en abril de 1963 cando tiña 84 anos.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes, Vid: La Gaceta de Madrid, 8 de agosto de 1885, p. 2; El Magisterio Gallego, 5 de xaneiro de 1899; El Miño, 26 de febreiro de 1899, p. 2; El Ancora, 25 de outubro de 1901, p. 2-3; La Región, 11 de outubro de 1910, p. 5; La Región, 30 de abril de 1927, p. 4; La Zarpa, 4 de agosto de 1936, p. 5; La Región, 8 de agosto de 1940, 2; La Región, El Pueblo Gallego, 30 de abril de 1963, p. 17).