Etiquetas

30 noviembre 2022

OURENSÁS NA RESIDENCIA DE SEÑORITAS DE MADRID DIRIXIDA POR MARÍA DE MAEZTU


Foron trinta e tres as mulleres galegas pensionadas na Residencia de Señoritas de Madrid, entre as cales están sete ourensás, todas elas recollidas neste blog  
As Nosas Mulleres Ourensás. Foron mulleres que ansiaban ampliar os seus horizontes e grazas a esta institución lograron os seus propósitos. 

A Residencia de Señoritas de Madrid fundouse en 1915, institución de grande prestixio cuxa ilustre directora e fundadora foi María de Maeztu. Dito centro estivo funcionando ata 1936. Grazas a ela moitas mulleres cumpriron o seu soño de realizar estudos universitarios. Foi un fito inédito pois, deste xeito, todas as mulleres de calquera parte do Estado podían, non só pensionarse na Residencia, senón disfrutar de todas as actividades que esta lles ofrecía. Segundo recolle a prensa da época, en 1927, chegou a ter mil mulleres pensionadas.

(Fonte: Diario de la Marina, 12 de xaneiro de 1930, p. 1)

Este Centro era un organismo oficial que dependía da Xunta para a Ampliación de Estudos. Naceu como o empeño de María de Maeztu en axudar ás mozas para que puidesen realizar os estudos superiores en Madrid.  Dita residencia tivo unha notable sona en España e no estranxeiro. O centro constaba nos seus inicios dun hotel, pero ditas instalacións foron agrandándose debido a que cada ano había maior concorrencia de mulleres. Comezaron no primeiro ano con 30 pero, segundo a prensa do momento, en 1927 ascendía a preto de mil mulleres as que pasaran pola Residencia. 

En 1935 comprendía doce hoteis rodeados de xardíns, nas rúas Fortuny, Rafael Calvo, Martínez Campos e Miguel Ángel. As instalacións reunían as condicións idóneas para poder pensionar a trescentas alumnas. Estaba equipada de mobiliario sobrio e austeiro pero brindaba ás estudantes un fogar no que poder estudar comodamente. Alí estaba organizada toda a vida das estudantes pois, ademais dos cursos que se impartían para profundar nos estudos universitarios que as alumnas cursaban nas súas respectivas facultades, programábanse cursos de idiomas, conferencias, visitas a exposicións, etc...Normalmente, a organización de eventos estaba ao cargo dunha Asociación de Alumnas. 

O ambiente era distendido e certamente moi democrático pois cada curso escollíase por votación a unha Xunta Directiva que administraba os fondos e organizaba actividades. Ademais cada trimestre escollíanse a cinco mozas que constituían o Comité de axuda á dirección. Deste xeito había unha implicación que facilitaba a convivencia entre alumnas e dirección e, sen dúbida, o feito de dar responsabilidades ás residentes facía que adquiriran dotes organizativas. Deste xeito os gastos eran administrados tanto pola Dirección como por parte das alumnas. Os gastos centrais administrábaos a dirección da Residencia como eran: calefacción, médico, enfermería, estudos e habitación. Do resto dos gastos encargábanse as alumnas. 

As residentes debían pagar unhas cotas non demasiado onerosas pero en 1935 crearon a sección da Cooperativa. Co interese de chegar a un amplo espectro social, A Residencia, no seu vixésimo aniversario, ofertou as Cooperativas para que puideran disfrutar da pensión as mozas con dificultades económicas. Deste xeito, por un módico prezo podían seguir os estudos en Madrid sen carecer de ningún dos beneficios que a Residencia consideraba ensenciais.

Ofertáronse 55 prazas na cooperativa, 25 para alumnas que xa estaban na residencia, 25 para alumnas novas e 5 para estranxeiras. Os gastos das cooperativistas eran dun total de 150 pesetas: a comida era 90, servizos, baños e pequenas reparacións eran 10 pesetas; médico, lavado e luz, 5 pesetas; estudos e habitación 10 e calefacción 15.

Ademais, para incentivar que as mulleres continuasen os estudos, por exemplo, de doutoramento, a propia Residencia convocaba becas para as máis aplicadas. Precisamente en 1933, a ourensá Joaquina Rodríguez Caminero foi unha das becadas  pola Residencia xa que obtivera unhas excelentes cualificacións en Filosofía e Letras.


(Fonte: Foto Santos, El Nuevo Mundo, 25 de marzo de 1932, p. 12)

(Fonte: Boletín de Educación, 1935 octubre, p. 4)

A Residencia estaba organizada en grupos. Cada un deles estaba dirixido por unha profesora titulada, xeralmente, antiga alumna. Un grupo dedicábase ás novas residentes e o profesorado encargado deste grupo tiña que dirixir e vixiar ao seu traballo pero tamén as antigas alumnas axudaban ás novas sobre todo nos primeiros meses. Outro grupo dedicábase ás alumnas de maior formación, e despois estaban aquelas mulleres que ían á Residencia para pasar unha parte do curso, ben porque ían opositar, ben porque ían facer cursos preparatorios, exames no Conservatorio... 

Todos os grupos participaban de todas as actividades da Residencia. O té servíase todas as tardes no Salón da Biblioteca. Tratábase dun verdadeiro ritual cuxa finalidade era reunir a todas as alumnas. Unha cita á que non faltaba a propia directora que aproveitaba o momento para charlar coas residentes e intercambiar opinións e demandas. Outra cita obrigada da a directora e da secretaria do centro era acudir a comer ao comedor xunto con todas as mulleres, pois a intención era crear un ambiente de vida familiar e de proximidade. 

O plan de estudos da Residencia era o seguinte:

  • Idiomas: era obrigatorio e gratuíto para todas as residentes.
  • Clases de carácter universitario
  • Filosofía e Pedagoxía.
  • Bacharelato e Comercio.
  • Cursos para a formación de bibliotecarias.
  • Secretariado.
  • Laboratorios.
  • Cultura xeral.
  • Clases particulares.

Non cabe dúbida que esta institución foi un fito que permitiu que miles de mulleres cumpriran os seus obxectivos.

(Elaboración propia)
Vid: Hai suntuosa bibliografía sobre a Residencia e a importancia que tivo para que moitas mulleres puideran cursar estudos superiores en Madrid. Para esta breve reseña empregouse, fundamente, a información da hemeroteca, en especial, o Boletín de Educación, unha publicación de 1935 e o Noticiero gallego, de 1935.