Etiquetas

27 noviembre 2022

ANTOLINA VILA PUGA


Naceu en Laza, Verín, o 18 de marzo de 1910. Era filla de Ricardo Vila Oterinos natural de Laza, de profesión propietario e de Carmen Puga Franco nacida en a Garda e dedicada aos labores domésticos. Tras realizar os estudos primarios, Antolina, cumpridos os quince anos, solicitou o 26 de agosto de 1926 á dirección da Normal poder realizar o exame de ingreso. Iniciou os estudos de maxisterio en 1925 e rematou a carreira en 1929 cun expediente de notables cualificacións. Preparou os cursillos prescritivos de final de carreira na Academia Xesta e acudiu a Santiago a examinarse obtendo unha puntuación sobresaliente. Foi destinada ao colexio de Curros Enríquez en 1934. Figura no embarque do Destroyer Fame o 21 de novembro de 1936, en plena Guerra Civil, o que pode entenderse como emigración con destino a Francia para evitar a guerra[1]. A estadía sería moi curta pois regresou trancorridos uns meses.

Tras a súa chegada, continuou exercendo como mestra e entrou a formar parte da Xuventude feminina de Acción Católica pois era unha muller educada nos principios morais e relixiosos propios da época e sería das primeiras socias da Asociación de Mestres Católicos que se formou en marzo de 1937 integrada na Federación Católica de Maestros Españoles actuando como portavoz e iniciadora da agrupación na cidade ourensá e participando nas semanas pedagóxicos que esta organizaba. Para ela era unha honra formar parte da Asociación xa que “La Asociación de Maestros Católicos nace pletórica de vida con la vitalidad propia de una obra de tan elevados fines como son: Niño, Escuela, Maestro, Cultura Española. Es, por consiguiente, eminentemente profesional y como tal establee de manera terminante su neutralidad”[2] . Son as palabras que pronunciou Antolina o 4 de marzo de 1937 na Asemblea da recén creada Asociación.

Accedeu ao cargo de inspectora con carácter provisional desta provincia o 21 de febreiro de 1939 e adxudicóuselle as escolas de nenas da zona octava que comprendía o Partido de Verín, concello de A Veiga, A Gudiña e a Mezquita. Tras este período interino pasa a ser directora, en 1942, da escola graduada Curros Enríquez.

Presentouse ás oposicións de inspección en 1946 e é unha das 92 opositoras para as 50 prazas que se convocaron e ese ano xa é inspectora provisional en Ourense. O 12 de abril de 1947 posiciónase como inspectora propietaria agora na zona de Poboa de Trives. Tiña en 1954 ao seu cargo a zona dúas que comprendía as escolas de Vilamarín, A Peroxa, Coles; Canedo; Nogueira, Pereiro, Esgos, Vilariño de Conso, O Bolo e o Partido de Trives.

Diligencia de posesión.

En el día de la fecha, y cumpliendo lo dispuesto en comunicación nº 4501 del Ministerio de Educacion Nacional, de fecha 30 de junio último que literalmente dice: “en atención a la conveniencia de la enseñanza, esta Dirección General ha acordado nombrar Inspectora Secretaria de la Inspección de Enseñanza Primaria de la provincia de Orense a Doña Antolina Vila Puga” se procede en su virtud a dar posesión del destino para que ha sido nombrada a la mencionada Señorita Vila Puga, que se hace cargo de los libros y documentación de la Secretaría de esta Inspección.

Y para que conste, se extiende la presente diligencia de posesión que se firma y sella con el de esta oficina, en Orense a siete de julio de mil novecientos cuarenta y siete.

Firmado: Inspector Jefe. [3]

Acudía como inspectora aos cursos de alimentación e nutrición que se organizaban co obxectivo de que o profesorado adquirira as nocións básicas para que logo se transmitiran aos pais dos alumnos co fin de mellorar a súa nurición. Tamén asistía xunto con outras compañeiras como María Cid ás reunións mensuais dos mestres alfabetizadores que se celebraban no salón de actos da Inspección de Primeira Ensinanza. Eran campañas que se facían desde a administración para levar a cabo as ensinanzas básicas para a poboación adulta. Así mesmo, en numerosas ocasións foi Presidenta de Tribunal de oposicións de maxisterio.

En 1961, segundo se publicou no BOE do 18 de outubro, obtén o ascenso ao quinto escalafón de inspectores cobrando un soldo anual de 30.960 pesetas. Aínda exercía como inspectora en 1970 e participou nos XI Cursos organizados na cidade sobre Alimentación e Nutrición onde saudou afectuosamente a todos os mestres participantes.

Faleceu en Ourense o día 22 de de agosto de 2010 cando tiña cen anos cumpridos.

 

Por engadir un dato anecdótico. A familia de Antolina Vila sempre contou coa axuda dunha asistenta do fogar chamada Benita Rivas Feijóo. Cumpridos noventa anos aínda seguía ao servicio da familia de tal xeito que estivo traballando durante setenta e cinco anos na casa dos Vila. Dise desta muller que naceu en Rairiz de Veiga en 1871 e que aos quince anos entrou a servir na casa da familia de Ricardo Vila en Laza. Tantos anos traballando para a mesma familia deu lugar a unha estreita vinculación. Este dato foi recollido incluso pola prensa:


(Fonte: Pueblo: Diario del Trabajo Nacional, 11 de decembro de 1961, p. 6)

[1] Atopouse no CDMH uns documentos moi interesantes nos que se sinala que Antolina Vila solicita pasaporte para o Destroyer inglés que saiu o 21 de novembro de 1936 e outro que indica que se embarcou no buque FAME ese mesmo día. Pero esta saída debeu ser moi curta pois nos primeiros meses do ano 1937 volve a estar presente na nosa cidade exercendo como mestra. CDMH PS Santander O C0071, nº 575 e CDMH PS Santander o C0080, nº 163.Hai unha tese doutoral moi interesante sobre o tema na que se aborda as etapas destas saídas de emigrantes forzados de Miguel Mayoral Guiu, Evacuación y acogida en Francia de los refugiados de la Guerra Civil española procedentes del Frente Norte (1936-1937) Tese de Doutoramento, Universidade de Salamanca, Facultade de Xeografía e Historia.
[2] “Federación Católica de Maestros Españoles”, La Región, 7 de marzo de 1937, p. 4.
[3] AHPOU, Libro registro de inspectores 1947-1971, p. 10, C- 24121 /12


(Elaboración propia. Entrada suxeita ao rexistro da propiedade)