Estivo de mestra titular en Montoedo na Teixeira, en Vilamarín, Monforte, en Ferreira de Pantón, e en Ourense estivo de profesora no Colexio dos Maristas e no colexio Concepción Arenal.
En 1950 abríuselle un expediente gobernativo pero non tivo moito percorrido pois todos os informes foron favores polo que puido continuar o seu labor docente sen problema.
En 1970 foi distinguida polo Sindicato Nacional co título de "Profesional Distinguido" e foi outorgado por Jesús Ferro Couselo.
Pero a máis desta mención Teresa recibiu outros premios como o de Debuxo Infantil do Instituto Nacional do Libro, o Diploma de Mocidades e a Medalla ao mérito turístico.
(Fonte: La Noche, 18 de xullo de 1967, p. 8)
Foi unha muller inqueda e levou a cabo diversas exposicións escolares que chegaron incluso á Unesco. Tamén foi durante os anos setenta colaboradora do Cine Club infantil "Andersen" da cidade onde impartía algunha charla explicando as proxeccións das películas infantís. Así mesmo, participou en mesas redondas pola súa experiencia no ensino rural.
En 1933 foi unha das asinantes do Manifesto do Grupo Feminino do Partido Galeguista de Ourense xunto un acopio de grandes ourensás que tiveron a iniciativa de facer unha proclama enxalzando a Galicia. Era, pois, unha muller sensibilizada pola terra e mantivo sempre a súa amizade coa familia de Otero Pedrayo sendo moi amiga da sobriña deste, Luísa Galán Bustamante. Teresa tiña grandes coñecementos da obra literaria de Otero Pedrayo, de feito sería nomeada secretaria do padroado e Fundación de Otero Pedrayo de Trasalba. Olga Gallego dixo sobre ela na publicación "O Tecido da Historia":
"A Fundación naceu pola vontade de traballo de todos. Traballouse firme, partindo de cero, cun compromiso xeral pola memoria de Otero Pedrayo. María Teresa Cortón foi en certo sentido a alma da fundación, era moi amiga de Otero e Risco..." (2)
(1) Datos segundo Expediente Académico consultado.
(2) Gallego, Olga, O Tecido da Historia, Vigo, Galaxia, p. 24.
Vid: Benso Calvo, Carmen e Cid Galante, Rosa María, "Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)", en Historia de la educación: Revista interuniversitaria Nº26, 2007, pp. 437–470.